O 2 de setembro a libraría La Voz de la Verdad acolleu a presentación do libro Falando baixiño II. Reflexións ó abeiro da fe, cuxo autor é o párroco da Fonsagrada, Miguel Ángel Álvarez.
O director da libraría, Javier Diéguez Diéguez, foi o encargado de abrir o acto, e fíxoo coas seguintes palabras:
“O contido do libro axúdanos a reflexionar sobre a realidade que está vivindo a Igrexa a comezos do século XXI e os retos que ten por diante.
“Os textos fálannos do labor evanxelizador de Miguel Ángel Álvarez, labor que fai de xeito orixinal, bastante creativo e eficaz. Consegue achegar o seu grao de area a esa tarefa eclesial, que se é diversa, é rica e polo tanto moito mellor.
“Hai unha característica común a todas as aportacións dos artigos de Miguel Ángel Álvarez, que é loable. Trátase da honestidade. Neste mundo no que importa é a imaxe, o ego que un ten, que alguén comparta con honestidade e con independencia de que lle guste aos demais ou non lle guste, é moi de loar. Na nosa Igrexa ás veces deixámonos levar pola imaxe, o eco social, a repercusión; por iso, é importante que alguén faga algo con honestidade. Así que hai que agradecer a Miguel Ángel Álvarez polo seu libro, pola súa constancia e pola súa honestidade”.