O 29 de marzo tivo lugar a presentación da Semana Santa de Lugo 2017.
O Coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta, destacou que outras Semanas Santas, incluso con maior recoñecemento ca lucense, carecen de algo que si ten a Semana Santa de Lugo: desde o Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurrección, todos os días organízanse procesións. Noutros sitios empezan o Xoves Santo ou o Venres Santo. O cartel está realizado polo fotógrafo artístico Eduardo Ochoa.
A Concelleira de área de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua do Concello, Carmen Basadre, anunciou que vai facerse unha promoción da Semana Santa consistente nunhas postais que estarán na Oficina de Turismo a partir de fotografías que Eduardo Ochoa foi realizando a través do tempo. É un reclamo máis para os visitantes e permitirá que a xente coñeza mellor a Semana Santa lucense.
O responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación Provincial, Eduardo Vidal, indicou que “achegarse á Semana Santa de Lugo é unha oportunidade de coñecer as distintas excelencias culturais e patrimoniais sen dúbida baixo o centro da relixiosidade e da fe”. Tamén agradeceu o labor das confrarías e o feito de que se produzan unhas sinerxias pola colaboración de distintas institucións.
O Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, asegurou que as confrarías non só fan un esforzo para celebrar a Semana Santa senón que colaboran coa Igrexa todo o ano, preocupándose cada vez máis de accións caritativas, actos culturais, colaborando coas parroquias e coa Catedral…