Na cidade de Lugo o 1 de abril deuse a coñecer como vai ser a Semana Santa da capital lucense. Foi ás 11:30 h na capela de San Froilán da Catedral de Lugo.
O primeiro en intervir foi o coordinador da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta, que sinalou, entre outras cousas, o seguinte:
“Fíxose un esforzo para que a nosa Semana Santa sexa cada vez máis coñecida sobre todo no Estado Español, pois dentro duns anos pretendemos optar a ser unha Semana Santa con recoñecemento de nivel nacional. Fíxose un pequeno vídeo que vai ser exposto nas pantallas de oficinas de Correos de Lugo, Monforte, Viveiro, Ferrol, Santiago, Madrid e Barcelona”.
“Á Semana Santa lucense pásalle algo así como á cidade, moita xente a descoñece pero cando vén aquí por primeira vez e a ve, sempre se queda sorprendida ao non agardar que sexan como é. Pensan que é unha Semana Santa con menos actos, con menos vistosidade, pero marchan falando moi ben desta celebración”.
A continuación falou representando á Deputación Pablo Rivera (da área de Promoción Económica e Social):
“Presentar a Semana Santa prodúceme satisfacción porque é volver ao esplendor da Semana Santa despois de dous anos de longa pandemia… A Deputación apoia a confrarías á hora de restaurar pasos, entre outras cousas, porque cremos no respecto absoluto á tradición, á cultura, ao turismo e á economía… Igual có traballo en equipo dos costaleiros permite acadar o seu obxectivo de culminar a procesión, tamén noutros ámbitos a unidade fainos máis fortes”.
A seguinte intervención foi a da Concelleira de Gobernanza do Concello de Lugo, Paula Alvarellos:
“Falamos dunha celebración local considerada de interese turístico galego da que cómpre subliñar o importante labor que realizan as confrarías da nosa cidade, impulsoras dese recoñecemento. Desde o Concello valoramos esta celebración como unha gran oportunidade, xa que se compaxina por suposto a devoción e o sentimento relixioso con outros eidos, como pode ser a cultura”.
E pechou o acto o Vicario Xeral da Diocese e deán da Catedral, Mario Vázquez. Destacou varios actos: Eucaristía do Domingo do Ramos na praza de Santa María, oración pola paz mundial (no mesmo lugar o 8 de abril), a Misa Crismal o Mércores Santo.
Porque Lugo é a cidade do Sacramento, como deán manifestou a súa gran ilusión de que a Confraría Sacramental da Santa Cea do Señor fose a confraría das confrarías.
Tamén sinalou Mario Vázquez a necesidade de valorar que en Lugo todos os anos é Ano Santo, pola indulxencia plenaria cotiá e permanente que ten o privilexio