Presentación da Ara Votiva de Curbián (Palas de Rei)

Nun acto oficial da Diocese de Lugo, o 19 de xuño, incorporouse a Ara Votiva de Curbián á exposición permanente do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo. A ara está datada no século II d. C e ten a seguinte inscrición: A Bandua Boleccus, Sulpicius Sincerus C[?] cumpriu de bo grado o voto que fixera.

A primeira intervención foi a do deán da Catedral, Mario Vázquez, quen dixo: “Ao elenco de pezas máis relucentes do valioso patrimonio que ten a diocese de Lugo únese a Ara Votiva de San Martíño de Curbián, completando un catálogo de pezas previas á Idade Media dos máis completos das entidades museísticas que ostenta Galicia”.

A continuación, Uxía Aguiar, da empresa Parteluz, relatou a historia da restauración, desde os pasos previos (“realizáronse unha serie de ensaios científicos que pasaban polo estudo dos elementos de deterioro, e tomáronse mostras para levar ao laboratorio e caracterizar a través de infravermellos que tipo de pátinas estaban traballando sobre a superficie”) ata o resultado final.

O Director do Departamento de Patrimonio Histórico Artístico, Jesús Salvador, lembrou a figuras que descubriron a Ara Votiva de Curbián (Vázquez Saco) e de investigadores que fixeron análises da peza, especialmente da súa epigrafía (Blázquez Martínez, Ares Vázquez, Gómez Vila, Arias Vilas…) e comentou que “a relevancia histórica desta peza esixía un paso máis na súa conservación e tamén na súa difusión”.

 

 

Pola súa parte, o Delegado Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico, José Antonio Ferreiro, enmarcou o acto “dentro das actividades que a Diocese organizou con motivo do Corpus e da Ofrenda de Galicia ao Santísimo, accións que abranguen espiritualidade, celebracións da fe, e tamén actividades artísticas como os concertos de música ou culturais levadas a cabo polo noso Museo Diocesano ao longo de todo o mes de xuño”.

 

 

Clausurou o acto, o Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, que deu as grazas “a todos os que o fixeron posible este encontro” e sinalou que “en número de parroquias non hai ningunha diocese no mundo con tantas parroquias como Lugo. E seguramente tampouco hai ningunha que teña unha exposición permanente do Santísimo tantísimos anos, cunha prolongación no tempo comparable á nosa. Normalmente unha diocese pequena nun país europeo non é a primeira do mundo en nada. Nós temos esa peculiaridade”.

 

Uxía Aguiar Ballesteros, restauradora da empresa Parteluz

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: