No Círculo das Artes o mércores 8 de abril tivo lugar o Pregón de Semana Santa a cargo de Ramón Basanta, Irmán Maior da Confraría do Desencravo, que cumpre 75 anos. No ano 2020, a Confraría que celebraba o seu 75 aniversario era a da Borriquiña, e estaba previsto que o pregoeiro fose Ramón Basanta, ao procesionar na súa infancia como soldado romano. Por respecto a esa confraría, pronunciou o pregón preparado para aquela ocasión. Con presenza de autoridades relixiosas e civís, os actos estiveron presentados por Isabel Lagares.
Tralo visionado dun vídeo de Andry Milan sobre a Semana Santa, actuou o Orfeón Lucense dirixido por Marcos Manuel Fernández Mosquera. Ao órgano estivo Luis Varela Castiñeira. Interpretaron 5 pezas de M. Villanueva, San Germano, J. S. Bach, Mozart e Theodore Dubois.
Ramón Basanta comezou o seu pregón lembrando a transmisión da fe no ámbito familiar, e varias percepcións sensoriais (aroma no intre de pasar o ferro para preparar os hábitos, sons de tambores e trompetas…). Seguíu coa historia da Semana Santa lucense desde os anos 1980 e referiuse a un momento de especial importancia na súa vida persoal:
“Corría o ano 1987, un ano despois de ser nomeado Irmán Maior da miña confraría e na noite do Xoves Santo, antes de volver á miña casa, pasei polo local onde tiñamos gardado o paso do Desencravo… Ao arrimarme á cruz, a miña mirada deslizouse cara ao rostro de Xesús. Ese rostro demacrado, contorsionado nun xesto de agonía, cos seus ollos en branco. E a miña mente viuse invadida por unha serie de preguntas: Por que terías que morrer así? Cal foi a necesidade de tanto sufrimento? A partir dese momento ese rostro espertou en min unha inquietude que marcará o resto da miña vida.
“A cruz non é un invento de Deus, senón dos homes… Xesús foi elixido para ensinarnos a amar, a convivir, a descubrir a verdade, a desmontar a hipocrisía, a mirar a Deus, a mirar aos homes. Quixo axudarnos a superar a finitude, a soportar a angustia de ser criaturas imperfectas. Tróuxonos a palabra pai, a palabra irmán, a palabra liberdade. Rompeu as amarras dunha maneira de concibir a lei, aquela que a pon por riba das persoas. Non se someteu aos poderes do templo nin políticos, senón ao amor do Pai.
“A cruz era inevitable, a maldade humana fíxoa inevitable. Desde aquela vivo profunda e apaixodamente a Paixón de Cristo. As celebracións de Semana Santa convertéronse na forma de vivir a miña fe, de compartila cos meus irmáns e de transmitila a todos aqueles aos que poida chegar”.
Finalmente, Ramón Basanta fixo un repaso polas procesións e actos litúrxicos da Semana Santa.