O mércores 10 de abril o Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo acolleu o pregón de Semana Santa da capital lucense. Trala actuación do Orfeón Lucense, interveu o doutor en Dereito Romano Federico Fernández de Buján Fernández, que se presentou como “testemuña de Cristo”, pois así se considera desde que recibiu o sacramento da confirmación. Federico Fernández comezou rememorando varios episodios da súa infancia, como cando participaba na procesión da Borriquita. A parte central do pregón foi a historia do proceso contra Xesucristo, o máis inicuo da historia da humanidade, pola cantidade de irregularidades procesuais. Nunha segunda parte o pregoeiro reflexionou sobre o intre de silencio de Xesús nese proceso e sobre a memoria histórica. Concluíu o pregón cunha pregaria poética que Federico Fernández aprendeu de labios da súa nai, cando a acompañaba todos os días a rezar á Virxe na súa Capela da Catedral de Lugo.