O mércores 25 de maio o Círculo das Artes de Lugo acolleu a 25º edición do Pregón da Caridade, a cargo de Myriam García Abrisqueta, conselleira de designación episcopal en Cáritas Española, ex presidenta de Mans Unidas.
Segundo Myriam García, o compromiso que asume Cáritas ten 5 características:
1) poñer a dignidade da persoa nun lugar central,
2) defender os dereitos das persoas,
3) responsabilidade que nos une uns a outros,
4) traballar pola xustiza para ir contra as causas que orixinan sufrimento,
5) esperanza cristiá, perseverando no traballo
Na súa intervención foi glosando os compoñentes da palabra “compromiso”, que inclúe o concepto ‘adiante’. Concepto que a Myriam García traíalle á mente a imaxe da Virxe dos Ollos Grandes co Neno Xesús, ao que acaba de alimentar, entre as súas mans, moi preto do seu corazón, e coa mirada levantada. O Papa Francisco dicíalles aos membros do Comité Executivo de Cáritas Internacional que tivesen a esperanza mirando cara adiante, como a mirada da Virxe dos Ollos Grandes, unha mirada entrañable, que nace de dentro, que está chea de misericordia e de esperanza, na que cabemos todos. Esta é tamén a mirada de Cáritas.