O día 13 na nosa S. I. Catedral de Lugo, tivo lugar a apertura da Porta da Misericordia, coa que se inaugurou o Xubileo Extraordinario convocado polo noso Papa Francisco.
Nas celebracións inaugurais en Roma, el lembrounos o motivo deste Ano xubilar: a misericordia é o corazón e o máis importante do cristianismo.
É algo moi visible nestas festas navideñas: canto amou Deus ao mundo, a cada un de nós! Recordámolo cada vez que chamamos a Deus «noso Pai» ou celebramos a súa entrega por nós na Santa Misa.
Este amor inmenso e gratuíto é a verdade máis importante da nosa fe. O Fillo de Deus fai propia a nosa pequeñez e as nosas pobrezas, non nos rexeita nin sequera polos nosos pecados; nel cremos como o noso Deus, verdadeiramente todopoderoso. E ao mesmo tempo atrevémonos a afirmar a dignidade inalienable de cada un de nós; porque o Seu amor fainos únicos e dá esperanza á nosa vida, malia todas as circunstancias adversas.
A primeira consecuencia é a misericordia no trato dos uns cos outros, a fraternidade vivida. E esta é tamén a proba máis inmediata da verdade da nosa fe; como dicían os antigos: mirade como se aman.
Pero amar nesta terra é sempre misericordia: levar uns os pesos dos outros. E é un principio que cambia o xeito de vivir. Convertida en criterio da nosa acción, a misericordia pode guiar de modo novo nosas relacións co próximo; e, por suposto, con máis motivo cando evidentemente o pidan as necesidades ou miserias que atopemos.
A misericordia convértese así no fundamento da nosa fe e, ao mesmo tempo, no método principal co que vivir cada un e a nosa Igrexa.
Este Xubileo Extraordinario está destinado a axudarnos a recuperar ou a fortalecer a nosa conciencia desta realidade central da nosa fe, a que nos alegremos de novo polo perdón e o amor de Deus, e a que saibamos testemuñalo aos demais.
Tal era xa a intuición central do concilio Vaticano II, en ocasión de cuxo 50° aniversario convocouse este Xubileo: ningún poder deste mundo pode explicar a vida dunha soa persoa; o home descobre a súa dignidade e o seu destino cando atopa ao Fillo de Deus feito home, a Xesucristo. Precisamente porque nel descobre o misterio do Pai e do seu amor inmenso, da súa misericordia.
Este é o simbolismo mesmo da apertura da Porta da Misericordia: existe aquela Porta pola que se chega á Misericordia, ao perdón e ao amor, que reconfortan, renovan e orientan a vida. E esta Porta é Xesús, o Fillo de Deus.
Esta celebración, e todo o ano xubilar, quere ser un testemuño de esperanza para a vida de cada un, en calquera situación que se atope, recordando que a misericordia sempre é máis grande que o mal, e certamente máis que a morte.
Que a nosa participación neste rito de apertura da Porta da Misericordia en Lugo sexa un paso nun camiño de reconciliación e de perdón, de cambio e de renovación na propia vida e na do noso mundo.
Mons. Alfonso Carrasco Rouco
Bispo de Lugo
1 comentario en “Porta da Misericordia”