No final da década dos oitenta coincidín nunha escola de formación militante cunha persoa que fora Secretario de Formación no PSOE dunha Comunidade Autónoma lonxe de Galicia. O motivo polo que me lembro del é a razón pola que o expulsaron do partido: porque esixira que antes de dar o carné do partido aos que se afilian, habería que esixirlles a asistencia a un cursiño de formación de fin de semana, no que se explicaba que é o socialismo e un pouco da súa historia. Non só rexeitaron que se dese esa mínima formación de fin de semana, senón que o levaron á Comisión de Conflitos do partido e remataron expulsándoo.
Hoxe ningún partido político con representación no Parlamento ten organizado ningún cursiño de formación sobre realidades políticas e a cultura na que se enxerta a vida organizada nese partido. Dáse o carné de militante sen nada de formación nin exame.
Non teño coñecemento de ningún lugar no que os partidos políticos organicen actividades de formación política para o pobo sobre temas coma, por exemplo, o Estado de Dereito, Tratados Internacionais, Xerarquía Normativa, Constitución, Democracia, Evolución dos Partidos Políticos, Sistemas Electorais, Formas de Goberno…. En certa ocasión tiven que suspender a unha alumna, que era Concellala, na materia de Análise Política porque, a pesar de explicalo na clase, non sabía como se distribuían os concellais elixidos das diversas listas segundo a Lei D’Hont.
Noutra ocasión unha persoa foi á sé do PSOE a pedir a sinatura de adhesión a un manifesto de solidariedade cos pobres. Para animalos a asinar o manifesto ía unha carta de presentación con moitas citas do libro de Willy Brandt A loucura organizada (1986), que era presidente da Internacional Socialista, pero ninguén na sede sabía quen era. Igualmente agora Iratxe García, nomeada por Pedro Sánchez Secretaria Executiva da UE na Comisión Executiva Federal, a pesar de ser europarlamentaria, escribiu en twiter (17-VI-2017) que Helmut Kohl foi un “gran socialdemócrata”(!!), ante a morte do que fora chanceler demócrata cristián alemán de 1982 a 1998.
Hai uns anos un mozo foi nunhas eleccións a pedir o programa electoral á sede dun partido nacionalista e dixéronlle que aínda non o elaborara a dirección. Eu díxenlle: por que non lles preguntaches se acaso non eran un partido democrático?.
Así se entende que non haxa nos partidos políticos militantes no sentido da UNESCO: que coñezan a realidade a modificar, que teñan e estean implicados nun plan estratéxico para cambiar a realidade conforme ao seu ideal e, por suposto, desvinculados de gratificacións económicas.
Esa falta de formación permite que o líder do partido sosteña unha decisión política ou a contraria segundo lle pete; por exemplo dicir que “subir impostos é de esquerdas”, ou que “baixar impostos é de esquerdas”. Isto leva a que o líder teña un poder absoluto na organización coa conseguinte falta de democracia interna.
Certamente que é moito máis fácil dirixir e manipular a un pobo sen formación e sen organizacións sociais. Cantas menos asociacións teñan os cidadáns, canto máis individualistas sexan e canto máis incultos sexan, máis fácil será controlalos.
Non está fora de lugar esta cita de Primo de Rivera: “Nada de programas. Que ningunha cousa seria e profunda, decisiva e eterna, se fixo nunca con arreglo a un programa. O que hai que ter é un sentido total do que se quere, sen tantos círculos de estudio, estatísticas, censos electorais e programas”. Así con esta actitude o que teña a formación xa dirixirá a acción política deles, por suposto no seu propio beneficio económico ou de poder.
Por iso é de agradecer que na Igrexa se esixa formación antes de que se reciban os sacramentos, a pesar da oposición do ambiente social. Esixir formación é potenciar a liberdade e a cultura das persoas. Significa que se respecta a miña intelixencia, a miña liberdade, en definitiva, a miña dignidade de persoa humana.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas