As reflexións que fago ás veces desde aquí veñen motivadas por conversas ou polo que escoito na rúa. E algo que se oe con frecuencia é o de “vou a Misa cando teño ganas ou cando sinto necesidade” ou tamén “non é necesario ir a Misa para ser boas persoas” ou “os que van a Misa non son mellores cós demais” ou “eu só vou por un funeral ou a unha voda”.
Deste tipo de argumentos despréndense motivacións erróneas, precisamente por partir de ideas tamén erróneas.
O verdadeiro motivo polo que os cristiáns imos a Misa os domingos é para atoparnos con Xesucristo resucitado. Nos textos evanxélicos que narran a Resurrección de Xesucristo e os días posteriores atopamos as verdadeiras motivacións.
-Xesús resucita o primeiro día da semana. Día que toma o nome de “domingo” por ser o día do Señor. Señor en latín dise dominus. O domingo é o día cando se produce o acontecemento esencial da misión de Xesús que é a resurrección e o que fai que a nosa fe teña sentido, porque se nos garante que seguimos a Deus e non a un simple home.
-Dinnos os Evanxeos que Xesús vólvese a aparecer aos seus discípulos “aos oito días”, é dicir, ao domingo seguinte. E así foi ata o día de hoxe: cada oito días, en domingo, Xesucristo faise presente na Eucaristía dominical dunha forma real e auténtica.
-Un último detalle: Xesucristo aparécese non de calquera modo senón cando os discípulos están reunidos. Cando non é así, teñen moita dificultade para recoñecelo (Tomás ou os dous de Emaús)
Teriamos que comparar tamén como era a vida dos Doce antes e despois do encontro co Resucitado. Antes: confusións sobre a misión de Xesús (os Zebedeos que querían un posto no mal entendido reino), negacións (Pedro),
medos (estaban encerrados nunha casa por temor aos xudeus), dúbidas, desconcertose desencantos (Tomás, os dous de Emaús, María Magdalena e as outras mulleres).
Despois: valentía para anunciar o Evanxeo ata dar a vida, dispoñibilidade, confianza, alegría, sentido da fraternidade… Os efectos do encontro con Cristo Resucitado saltan á vista.
Cando imos a Misa o que imos facer é atoparnos con Xesucristo resucitado que se fai presente cando unha comunidade de fieis reúnese no seu nome. É un encontro real co Deus de Xesucristo presente no Pan e o Viño que el mesmo converte no seu Corpo e no seu Sangue.
Máis tarde, este encontro converteríase nun dos Mandamentos dos cinco da santa Nai Igrexa, pois o que define a un cristián é o encontro con Xesucristo resucitado e non outras cousas.
Polo tanto, non imos a Misa para ser bos ou porque sexamos bos. Iso xa se supón que debería ser por mera humanidade. Aínda que é certo que ir a misa e seguir a Xesús dános un motivo máis para ser caritativos ou bos cos demais, xa que queremos adiantar a este momento o que será despois o Reino do Amor na vida escatolóxica.
Non deberiamos ir a Misa só porque é un mandamento, nin só por acontecementos da vida de persoas ou a festa dun pobo. Nin imos tampouco se nos cae ben o cura ben ou “fai” as Misas máis amenas. E moito menos por unha concepción máxica ou esotérica da liturxia na que negociamos con Deus certos favores ou grazas coma se fose un mercado.
Celebramos a Misa dominical para atoparnos con Deus de Xesucristo, o que salva.
Atreveríame a poñer un exemplo que pode ser ilustrativo e no que vos podedes reflectir
moitos de vós. Chegado un momento da nosa vida, témonos que ir da casa paterna, porque as obrigas laborais ou matrimoniais lévannos máis ou menos lonxe da casa na que nacemos. Pero todos estamos esperando que chegue ese día libre da semana para poder ir comer a casa dos nosos pais, visitalos, e se podemos ir todos os irmáns moito mellor.
Pois ben, ir a Misa é algo parecido: estamos toda a semana fóra de casa e nas nosas cousas, pero o domingo volvemos a casa (á Igrexa) para atoparnos con Cristo resucitado, porque nos espera alí xunto cos nosos irmáns.
Miguel Angel Álvarez