O outro día ía no coche escoitando unha charla na que se falaba de San Francisco de Asís. Aquel mozo acomodado que, do mesmo xeito que os namorados, comezou a realizar tolemias por Deus, xa que ao descubrilo, todo o seu mundo púxose patas para arriba. Nesa conversa díxose algo que me chamou a atención e que me fixo conducir varios quilómetros impresionado. A frase foi: «Francisco logrou ser verdadeiramente POBRE e totalmente DEPENDENTE».
Preguntarédesvos por que me chamou a atención. Que pasou pola miña cabeza durante aqueles quilómetros silenciosos que atraparon o meu pensamento. Unha posible resposta é: “Está tolo! Quen pode desexar iso hoxe en día?». Pero cóntovos as conclusións ás que cheguei logo de meditar esta frase sobre San Francisco.
Non hai verdade máis evidente que a dependencia do ser humano con respecto a outras persoas. Contemplar a un bebé móstranos a súa fraxilidade e o moito que necesita ser coidado por outros e que cumpran de forma bela a dependencia que manifesta. Cando vai crecendo segue con esta realidade da súa persoa, depende dos seus pais e educadores, depende do amor que reciba, da súa familia e dos seus amigos. Sempre se lle ve dependente doutras persoas que desexen compartir a súa propia dependencia con el. Todos necesitamos dos demais. Desde unha perspectiva cristiá a dependencia é sa cando é dun semellante ou de alguén superior á propia persoa.
A gran mentira que nos vende o ambiente publicitario é que necesitamos ser independentes e ricos. Por que digo que é a gran mentira? Porque nos leva a ir en contra do que somos, a considerar ao outro prescindible no camiño, pon como meta da nosa realización persoal aquilo que nos despersonaliza. E fai que fundamentemos a nosa vida nunha falacia.
Vemos aos mozos que din aos seus pais: «Déixame vivir a miña vida! Non entendes que xa son independente? Xa son maior e non dependo de ti!». Todo isto fainos pensar que o mundo perdeu o seu norte.
É certo que falamos dunha independencia económica ou material. Marchar de casa faiche independente de certas realidades pero nunca che pode facer independente dos teus pais ou amigos, e moito menos do Deus de Xesucristo que nos creou.
Vemos polas rúas a moita xente dependente do móbil, da moda, ou do que dirán, pero a moi poucos que dependan doutra persoa na que darlle forma verdadeira ao seu ser dependente. Isto fai que sigamos mantendo a exclamación: «O mundo está sen norte!». San Francisco de Asís logrou ser pobre e totalmente dependente. E realmente impresionámonos ao ver a súa vida, a súa enorme liberdade, a súa grandísima e estable felicidade. A súa existencia nunca foi tan plena como cando se realizou esta verdade na súa vida. El entendeu que a dependencia non era mala cando nos sitúa na verdade do que somos; cando se decatou de que a súa pobreza e a súa dependencia eran a fonte dunha vida nova.
Non podemos escapar dos demais. Non podemos converter a nosa casa en departamentos illados cuxa única fiestra cara ao outro se mida en píxeles. Esquezamos o son que emite o móbil ao recibir un Whats-App, poñámonos na verdade do que somos, recoñezamos con humildade que, sen os outros, somos pobres. Sexamos tolos namorados da vida porque a vemos apaixonante e chea de realidades que podemos compartir cos demais.
«Francisco logrou ser verdadeiramente pobre e totalmente dependente» e foi entón, só entón, cando descubriu a beleza, a verdade e o ben. Descubriu a Xesús, o Outro que dá sentido á nosa vida e convértea en dependente de amor.
José Antonio Adrio
Delegado de Mocidade da Diocese e sacerdote de San Pedro