Como vén sendo habitual desde fai 31 anos ininterrumpidamente, a Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes da Diocese de Lugo organizou a peregrinación ao santuario francés entre os días 26 e 30 de xuño. Participaron un total de 517 peregrinos, acompañados de 29 sacerdotes, 1 diácono, 3 seminaristas maiores e unha gran parte dos compoñentes da Xunta Directiva da Hospitalidade. Os peregrinos participantes, que viaxaron en dez autobuses, son: enfermos, persoal sanitario, hospitalarios e peregrinos, todos eles socios da Hospitalidade diocesana.
A peregrinación estivo presidida polo Bispo da Diocese de Lugo, D. Alfonso Carrasco Rouco e o Vicario Xeral, D. José Mario Vázquez Carballo.
Unha nutrida representación xuvenil (37 nenos e mozos ) acompañou este ano a peregrinación. E outro aspecto a destacar é a importante actuación da representación diocesana na programación oficial de actos. Así, ás nove da noite do mércores día 28 de xuño, o Bispo de Lugo presidiu a Procesión Mariana Internacional dos Fachos e os peregrinos da Hospitalidade de Lugo foron os encargados de portar o paso coa imaxe da Virxe de Lourdes.