Percorrido pola arquitectura funeraria da Catedral

O luns 31 de outubro ás 17h. na Catedral e no Museo Diocesano Catedralicio de Lugo realizarase durante 45 minutos a actividade denominada “O patrimonio funerario na Catedral de Lugo máis aló do sepulcro de Santa Froila”. O obxectivo é valorar o impresionante conxunto de obras de tipo funerario que se distribúen polo templo, máis aló da peza ben coñecida, sita na Capela de San Froilán, o medieval sepulcro de Santa Froila.

No Museo explicaranse a tumba romana e as lápidas funerarias medievais da vila de Rábade.

A tumba do Cabaleiro Vasco Pérez de Viveiro, no transepto, as tumbas dos García de Gayoso na Capela do Pilar ou a de Pedro da Cal e Catalina da Pena na do Ecce Homo configuran un magnífico exemplo de arquitectura funeraria dos séculos XV a XVII. A gótica xirola da Basílica tamén será centro de atención polas tumbas sitas na Capela de San Xoán ou na Capela de Santiago, poñendo énfase na Capela da Nosa Señora dos Ollos Grandes, a cal non ten ningunha sepultura no seu interior como parte do voto que os cóengos debían realizar ao entrar no Cabildo.

A Capela Maior da Catedral tamén foi secularmente lugar de enterramento destacado, sendo o lugar de eterno descanso de prelados do século XVIII como Francisco Yzquierdo Tavira, Manuel Santa María Salazar ou Lucas Bustos de la Torre. Tamén o Bo Xesús é lugar de enterramentos de bispos, sendo un caso destacado o do prelado do século XIX Santiago Rodríguez Gil.

A actividade remata na zona visitable do claustro, onde se lembrará aos ilustres cóengos que descansan no cemiterio capitular, construído no corredor sur do claustro en 1803. Sacerdotes como Francisco Vázquez Saco ou Ángel Garrote comparten espazo con outros como Alfredo Lorenzo López, insigne fundador do Museo Diocesano de Lugo.

Na actividade lembrarase a función inicial da Catedral como lugar de enterramento ao longo das súas naves, transepto ou xirola, estipulando os prezos de cada zona e localizando as tumbas de personaxes importantes para a historia de Lugo como Juan Pallares Gayoso (autor do Argos Divina) ou Tomás Ramírez de Arellano (patrocinador da fachada do Bo Xesús).

A actividade terá un custo de 2 euros, contando coa participación de persoal da Catedral e o Museo Diocesano Catedralicio de Lugo. As inscricións poden facer por teléfono no 683 166 703 ou por email na dirección: catedraldelugo@artisplendore.com.

Organizan: Artisplendore, Catedral de Lugo, Delegación de Patrimonio Histórico-Artístico e Museo Diocesano Catedralicio de Lugo.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: