Xa case chegamos ao final da Pascua, os cincuenta días nos que celebramos de modo solemne a resurrección de Xesucristo. Digo solemnemente, porque de forma máis ordinaria é o que celebramos os cristiáns todos os días do ano, de xeito particular os domingos. Non nos confundamos, o único que podemos celebrar os cristiáns é isto: que Xesucristo, o fillo de Deus encarnado, foi crucificado, resucitou ao terceiro día, ascendeu aos ceos, enviounos o Espírito Santo e todo isto para a nosa salvación. Non hai máis e non é pouco.
Por diante temos todo un ano para reflexionar e profundar sobre este misterio. Nas Sagradas Escrituras e na liturxia temos as «aplicacións» que nos axudarán a coñecer mellor ao protagonista desta historia de salvación.
Por certo, os curas non “dicimos”, “descargamos”, “botamos” misas. Os curas, coas nosas comunidades parroquiais, o que facemos é celebrar na Eucaristía toda a vida de Xesucristo, que é salvación para nós. Por iso as misas tampouco son homenaxes nin recordos, aínda que moitas veces celebremos tamén na Eucaristía os acontecementos máis importantes das nosas vidas.
Xesús cumpriu a súa misión e as súas promesas. Non se vai para desentenderse de nós, senón que nos enviará o Espírito Santo para que nos ensine o que falta e alente a nosa vida e a vida do mundo. O que falta agora depende de nós. Nas nosas mans está se nos adherimos ou non a este plan de salvación.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada