Pensando no vivido como Igrexa en tempos de covid-19

Rematando xa o período de desconfinamento, diminuíndo, grazas a Deus, a emerxencia sanitaria, parece conveniente dedicar un momento á reflexión, volver a mirada ao vivido, ás respostas que demos neste tempo único; o que será bo, sen dúbida, á hora de pensar no futuro, que todos vaticinan diverso do que até agora era “normal”.

Como vivimos esta crise imprevista, para a que non nos preparamos? cal foi a nosa actuación como Igrexa?

Non pretendemos, por suposto, dar unha resposta global nin completa a tales preguntas. Faría falta para iso escoitar o que se diría por parte de todas as Igrexas particulares irmás en España; mentres que aquí falamos só a partir da pequena experiencia de Lugo. E, aínda neste límite, non se tenta tampouco ser exhaustivo, senón só dicir como unha primeira palabra dun diálogo necesario, dar un paso inicial na reflexión que pide a vivencia desta crise, cuns ensinos que debemos escoitar.

1.VIVIR A PROPIA IDENTIDADE

O xesto primeiro que fixemos como Igrexa foi evidentemente unha apelación sistemática, desde os primeiros momentos, a coidar da vida dos demais respectando as regulacións públicas. As dioceses, os presbiterios, as parroquias guiáronse por esta preocupación primeira. Con todo, co paso do tempo puido xurdir unha dúbida a este respecto: correspóndese isto coa identidade da Igrexa? Foi só unha actuación obrigada, reducíndonos a un argumento ético e non teolóxico? Significou unha presenza da Igrexa ou foi máis ben unha simple retirada, esperando a que pasase a pandemia?

Ao meu parecer, esta primeira resposta correspondíase efectivamente coa natureza da Igrexa. Porque é propio da fe cristiá conducir á percepción nítida e á defensa dos bens fundamentais da persoa. Así pois, coa súa apelación ao coidado da vida que estaba en perigo, a Igrexa estaba a ser fiel á dinámica propia da súa fe, á súa afirmación fundamental de apreciar e poder salvar todo o verdadeiramente humano.

En efecto, a fe fainos conscientes e responsables ante os grandes valores éticos; pero non por iso redúcese á mera razón, nin se nega a si mesma. Mostra a súa verdade cando ensina como estar no mundo de modo axeitado, cando potencia a razón, é eficaz á hora de dar forma boa á vida, axúdanos a vivir unidos como irmáns. Non é de estrañar, por tanto, que para a fe sexa natural o diálogo e a colaboración con todos, tamén con outras formulacións relixiosas ou ideolóxicas. Pero non se relativiza por iso a esperanza da salvación, trazo primeiro da identidade eclesial, senón que se pon de manifesto segundo o gran programa de S. Xoán Paulo II: o home é o camiño da Igrexa.

Podemos concluír, por tanto, que esta apelación inicial non significou simplemente comportarse como un organismo estatal ou reducirse a afirmar valores éticos xenerais; senón que foi un xesto pastoral, consecuencia de tentar vivir as esixencias da caridade nestas circunstancias excepcionais.

+Alfonso

Bispo de Lugo

[Ver texto completo]

[Ver texto en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: