A Pascua cristiá é dor e é gozo. A espiritualidade cristiá puxo alternativamente o acento unhas veces na cruz, e outras na resurrección.
A Igrexa latina acentuou preferentemente o misterio da cruz, sobre o misterio da resurrección. Neste comportamento influíu moito San Anselmo, quen, ao presentar a redención realizada por Cristo, abunda na súa paixón e morte, e prescinde da resurrección. Segundo el, coa morte de Xesús, terminaba a redención e, por conseguinte, a misión do Fillo de Deus na terra.
Moitas ordes relixiosas inspiráronse para a súa espiritualidade, na cruz e na paixón do Señor: (Pasionistas, a Sociedade do Preciosísimo Sangue, Os Estigmáticos…) E moi poucos inspiráronse na Resurrección. Por contra, na época inmediatamente anterior e posterior ao Concilio Vaticano II, fíxose resaltar case exclusivamente a resurrección, a alegría e festa pascual. Ambas as posturas acusan un certo desequilibrio, xa que o Misterio Pascual intégrase de morte e de resurrección. Entraña, dor e gozo. E así temos que contemplalo nós: como misterio de dor e de gozo, e tamén de responsabilidade.
Misterio de dor, porque o Señor na paixón sufriu moito no seu corpo e no seu espírito: os azoutes que flaxelaron as súas costas; as espiñas nas súas tempas; as labazadas dos soldados; as caídas no camiño do calvario; os cravos que horadaron as súas mans e os seus pés… Foi moito o que Xesús padeceu no seu corpo durante a paixón; pero aínda foi máis atroz o que tivo que padecer na alma. Lembremos a traizón de Xudas, a agonía de Xetsemaní, o proceso ao que foi sometido: calumniado; proposto Barrabás; rexeitado polo pobo; abandonado do Eterno Pai: «Deus meu, Deus meu por que me abandonaches?», e todo isto sufríndoo e ofrecéndoo ao Señor por min. Así de inmensa foi a dor que lle custou a Xesús a miña redención.
Pero a Pascua tamén é gozo, é triunfo, é vitoria total, porque a vida de Xesús non terminou nun sepulcro cheo, senón nunha tumba baleira. Dese sepulcro baleiro sae unha voz que grita: Cristo resucitou! Aleluia! Que alegría para a súa Nai! Que gozo para María Madalena! Que satisfacción para Xoán, para os de Emaús e tamén para Tomé! Pero, sobre todo, que triunfo e que gozo para o propio Xesucristo!
Onde queda a pobreza de Belén? O odio de Herodes, o desterro de Exipto, o traballo de Nazaret, o rancor satánico de escribas e fariseos?
Xesús, o noso Mestre, o noso entrañable amigo, triunfou plenamente dos seus inimigos e da morte.
Con Xesús resucitaron as súas palabras: «Eu son o camiño, a verdade e a vida», «Vós sodes os meus amigos» «Os que permanezan comigo na loita, terán parte comigo no premio» Resucitaron as súas promesas, Cristo resucitou! Gocémonos con El; pero, sobre todo, Resucitemos con El, porque a Pascua é dor, é gozo e tamén é compromiso!
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral de Lugo