Campaña Doce Nadal 2020

A Parroquia de Santiago A Nova organiza a Campaña Doce Nadal de reposteria caseira, froitos ecolóxicos, licores, mel, etc. Se en anos anteriores había unha necesidade de recibir axuda en moitas familias, este aumentouse polos problemas que está a xerar a pandemia. Por iso, acódese a toda a boa xente que ano tras ano, ben con produtos, ben con donativos, contribúe a que estas familias teñan realmente un doce Nadal.

  • Datas: venres 18 apertura e recollida de artigos

  • Vendas e recollida de donativos: días 18, 19 e 20 

  • Horario: 10 a 14 e 16 a 20,30 h.

  • Local: Sacristia antiga da Parroquia. (entrada r/ San Pedro, á beira de Correos)

  • Cabida: 4 persoas.

Día da Milagrosa e campañas da Parroquia homónima

VENRES 27. DÍA DA MILAGROSA
Como remate da Novena na honra da Virxe Milagrosa, o venres celébrase na Parroquia da Milagrosa o Día da Nosa Señora da Medalla Milagrosa.  Misa ás 10:00 e as 19:30h. [Rosario ás 19:00]. Recórdase que nestes intres o aforo máximo permitido é de 130 persoas.

CAMPAÑA DE NADAL 2020. BECAS «APADRIÑA UNHA FAMILIA»
Este ano, a pandemia e a situación sanitaria que estamos a vivir impide levar a cabo a Cea como nos anos anteriores. No seu lugar, para continuar exercitando a solidariedade, relánzase a iniciativa “Apadriña unha familia”. Un programa no que se leva traballando varios anos, e que nestes intres, enfócase a conseguir fondos para unha axuda extraordinaria ás familias que son acollidas na Parroquia da Milagrosa. Preténdese levar apoio, compañía, cercanía e comprensión a todas as persoas e familias que máis o necesitan na comunidade parroquial. Para colaborar con esta campaña solidaria de Nadal un pode facerse con tickets de Becas por 6€ que se facilitan na igrexa e no despacho parroquial.
Igual que os anos anteriores, tamén se vende lotaría de Nadal de Cáritas Parroquial e da Parroquia.

CAMPAÑA DE FIRMAS
A Asociación de Veciños de Albeiros promove unha campaña de recollida de firmas para conseguir unha rúa en Albeiros na honra de D. Luís Soto Camino, fundador e primeiro párroco da Parroquia de Albeiros.

CONFIRMACIÓNS
O vindeiro sábado 28 de novembro, ás 12:30h. o Sr. Bispo da Diocese confirmará a 15 mozas e mozos da parroquia da Milagrosa, San Lázaro da Ponte e Rábade, que viron retrasado o sacramento por mor da situación sanitaria no maio pasado.

Comunicado da Parroquia da Milagrosa

Nestes momentos de preocupación pola extensión da pandemia que vivimos na Parroquia da Milagrosa e tamén no Concello de Lugo, sumámonos ós chamamentos das autoridades sanitarias á responsabilidade de cada un de nós co fin de atallar esta situación de grave risco para a saúde. Todos temos un deber na ruptura das cadeas de transmisión do virus: usando máscara, mantendo a distancia de seguridade e as normas de hixiene e de etiqueta respiratoria.

Vivimos con pesadume a evolución da enfermidade no noso barrio pero tamén queremos chamar a atención sobre o feito de que esta comunidade semelle sinalada como a responsable da expansión dun virus, que, como comprobamos a diario durante os últimos 6 meses, non atende a razóns de orixe, condición ou residencia. Neste barrio da Milagrosa, que acolle case o 20% da poboación do Concello de Lugo; constatamos dende fai tempo que a imaxe que reiteradamente se publicita nos diversos medios e canles de comunicación, non se corresponde coa realidade múltiple e diversa da nosa comunidade; un discurso que obvia a vida e traballo de toda a xente que reside na Milagrosa. Coa pandemia agroma a problemática existente neste barrio que tamén está presente en toda a cidade, e que pon en evidencia carencias e fallas nas estruturas de organización social.

Dicía o Papa na audiencia do 19 de agosto que a resposta á pandemia é dobre. Por un lado, é indispensable atopar cura para a enfermidade; pero por outro temos que desterrar ó gran virus: o da inxustiza social, o da desigualdade de oportunidades, o da marxinación e o da falta de protección ó mais débil. Dende esta comunidade parroquial facemos un chamamento ás administracións e tamén á cidadanía a tomar as medidas oportunas para a erradicación destes virus que hoxe se propagan nas nosas comunidades. Necesitamos unha sociedade, unha cidade, un barrio que conte coas infraestruturas adecuadas e accesibles a todos, precisamos de xustiza social e igualdade.

Estamos preocupados pola nosa saúde, a das nosas familias e a xente que nos rodea, indistintamente da nosa orixe, condición ou residencia, e queremos saír desta coma a gran comunidade que somos. Evitemos as divisións, sosteñámonos uns ós outros en tódalas parroquias e barrios de Lugo. Desexamos vencer ó virus, todos e todas.

Desde a Parroquia da Milagrosa manifestamos a nosa solidariedade con tódolos afectados por esta pandemia. Queremos ser unha casa de portas abertas, unha comunidade de acollida que ofrece a súa axuda e o seu apoio a tódalas persoas que o precisen, como estamos a facer, con especial esforzo dende o comezo da pandemia, a través de Cáritas Parroquial da Milagrosa e o programa da Diocese “Sempre Xuntos”.

A fe en Xesucristo nestes tempos difíciles axúdanos a manter viva a esperanza. En Deus encontramos forza para vivir esta situación. Que Santa María, que dá nome a este barrio da Milagrosa, nos ampare e anime coa súa intercesión.

José Antonio Ferreiro Varela

Párroco da Milagrosa

Bendición dunha imaxe de San Xoán Paulo II en Chantada

O domingo 9 de agosto ás 12:30 h na Parroquia de Santa Mariña de Chantada terá lugar a bendición dunha imaxe de San Xoán Paulo II. Será na Misa principal da Parroquia, que terá carácter solemne e estará presidida polo Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco. Cantará a Coral Polifónica de Chantada.

O autor da imaxe é do artista viveirense José Luis Neira Brochs. Trátase dunha talla de 1,80 m de cerámica, barro cocido e pintado a 1000 graos de temperatura. Está na entrada da igrexa a man dereita.

O ano pasado na capela da igrexa de Santa Mariña inaugurouse o mural da Última Cea, que tamén é obra de Neira Brochs

Ilusión, esperanza e fe

Unha vez superado o estado de alarma en Galicia, lembramos o tempo anterior: días, semanas, meses complicados. Non fai falla recordar cousas concretas pois temos todo moi fresco na memoria e a flor de pel.

Ante nós temos a porta que nos conduce a unha normalidade (póñalle o apelido que queira) que será cousa nosa saber vivila con prudencia, empatía e esperanza.

Dende o ámbito das parroquias (cregos, fregueses, colaboradores) son días tamén de incertidume. Vivíronse situacións complexas nos ámbitos máis humanos da persoa das que fomos testemuñas persoalmente ou en conversacións: despedidas solitarias, escuridade no futuro laboral ou persoal, necesidades básicas, etc.

Pero tamén no ámbito da fe ó ser privados da participación comunitaria dos sacramentos, das visitas a moitos enfermos e do encontro co irmán.

Dende a parroquia queremos animar a que saibamos abrir a porta que se nos presenta agora. Cargados de ilusión, esperanza e fe. Colaborando coas institucións, coas asociacións, coas persoas. Temos a porta diante e na nosa man a chave.

Deus nos bendiga, e San Roque nos protexa.

Unidade Pastoral de Melide

A %d blogueros les gusta esto: