En San Xurxo de Piquín celebraron o remate das obras de restauración

Igrexa de san Xurxo de Ribeira de Piquín

O Bispo da Diocese de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidiu unha Eucaristía na igrexa de San Xurxo, en Ribeira de Piquín. Tratábase de celebrar os traballos de restauración que se levaron a cabo nos últimos anos.

Nos anos 1960 fixérase a  anterior actuación de relevancia na igrexa. Desde entón, só se reparara a cuberta.

Polo ano 2006 nacía a Asociación de Amigos da Parroquia de San Xurxo, en Ribeira de Piquín, co único fin de lograr os fondos necesarios para restaurar a súa igrexa, unha edificación neoclásica de 1782. A entidade está formada por máis de cen socios, a metade deles residentes fóra do municipio.

Ao longo de 2009 Blanca Besteiro restaurou o altar maior, presidido pola Virxe de Guadalupe, patroa da parroquia, e San Xurxo, no alto. Despois actuou sobre o retablo da Virxe do Carme e sobre unha pintura sobre cobre da virxe de Guadalupe, valiosa peza. Para a mellora dos altares de San Roque, a Dolorosa e o Rosario o Bispado de Lugo achegou 12.000 euros. Tamén se renovaron o chan de madeira e os bancos.

Campamento xuvenil da parroquia Santiago A Nova

Do 8 ao 11 de xullo os máis novos (entre 10 e 16 anos) da parroquia de Santiago A Nova (Lugo) teñen a oportunidade de pasar uns días xuntos en Guadarrama (Madrid), compartíndoo todo e co desexo de crecer xuntos na amizade con Xesús.

É no Albergue Xuvenil Frei Luís de León, en pleno corazón da serra de Guadarrama e ben equipado. En máis 100.000 metros cadrados hai piscina, lago artificial, instalacións deportivas… É unha contorna segura, coidada e de gran beleza. Ofrece numerosas posibilidades: excursións culturais e históricas, tirolinas, tiro con arco, sendeirismo, mountain bike… pola serra.  

Exposición de pezas elaboradas por presos na parroquia O Salvador de Hospital

Exposicion Hospital Quiroga

A parroquia O Salvador de Hospital de Quiroga acolle unha exposición do traballo que os internos do Centro Penitenciario de Bonxe realizan en distintos obradoiros (cadros e pezas de cerámica, madeira…). Xunto ás pezas preséntase o labor da pastoral penitenciaria na Diocese de Lugo.

 A inauguración foi trala Eucaristía vespertina do día 1 de maio, misa que estivo presidida por José Río Ramilo, director do Secretariado de Pastoral Penitenciaria. Durante a homilía mencionou os programas que ten en marcha tanto dentro da prisión como fóra cos presos hospitalizados, ou acollidos durante os permisos.

  A exposición pode ser visitada durante este mes de maio e primeiros de xuño. Está organizada pola Parroquia O Salvador do Hospital e o Voluntariado Penitenciario Lucense. Foto tomada do blog de Jesús Río

A %d blogueros les gusta esto: