Está a celebrarse a Novena a Nosa Sra. de Fátima na parroquia de San Pedro. Os actos comezan ás 18:30 co rezo do Rosario, e novena. Ás 19h é a Eucaristía, presidida por Alejandro Pin Díaz. O día 13, a misa dos enfermos será ás once e media da mañá, con administración da Santa Unción.
Parroquias
Mercado solidario na parroquia Santiago A Nova
O grupo de Maiores e Xubilados da parroquia A Nova organiza unha exposición e venda de produtos artesanais cuxa recadación será destinada a colaborar con Cáritas para socorrer necesidades dos pobres. Este mercado solidario é o día 3 de maio na antiga Sancristía da parroquia Santiago A Nova.
Bendición dun novo órgano en Hospital do Incio
O sábado 26 de abril, ás 13 horas, o reitor do Seminario, David Varela, en nome do Bispo, procedeu á bendición dun órgano que foi doado por D. Francisco Parada Torres, fregués da parroquia de Trascastro do Incio na parroquia do Hospital do Incio, arciprestado de Sarria. A continuación, houbo unha comida fraterna.
Iniciativa misioneira na parroquia de San Antonio de Padua
Na parroquia lucense de San Antonio poñen en marcha unha iniciativa misioneira, que permitirá aos nenos coñecer que se experimenta cando se axuda a outros nenos que o necesitan. Poderán comprobar que facer felices aos demais co seu granciño de area non ten prezo.
Como primeiro paso que dá comezo a esta iniciativa, hai unha Vixilia de carácter misioneiro o 26 de abril (sábado) ás 20:30 .
Posteriormente, adícase o mes de maio como mes das misións, e comézanse unha serie de talleres para nenos o día 11 de maio despois da misa das 11:00 da mañá, e continuará á mesma hora os días 18 e 25 de maio. Nestes talleres haberá cinema, contacontos, manualidades…. e até haberá carnés! Colabora a Delegación de Misións.
Vacacións-convivencia dos maiores de Samos en Castellón
Párrocos da zona de Samos levan 25 anos organizando unhas vacacións-convivencia feitas nun clima de amistade, humor e alegría. Nelas compártese o mellor de cada un. A boa convivencia fai medrar as gañas de vivir e de sentirse ledos. A organización da viaxe enfócase aos maiores, pero tamén poden participar outras persoas adultas que o desexen.
Este anos sáese de Samos o 23 de abril, con xantar e pernocta en Aranjuez. A residencia ata o día 29 será en Oropesa del Mar, unha vila típicamente mediterránea da costa do Azahar. Desde aquí visítanse Castellón, Peñíscola, Benicasim, Morella e aproveitando a viaxe de regreso, Cuenca.