Peregrinacións parroquiais a Italia e Ávila

A parroquia de San Clodio organiza unha peregrinación a Ávila do 30 de abril ao 4 de maio. O 1 de maio visítase Madrid, o día 2 os lugares nos que se estará son Ávila e Alba de Tormes e o día 3 os fregueses de San Clodio aproveitan a viaxe de regreso para coñecer Toro.

A parroquia Santiago A Nova organiza unha peregrinación a Italia desde o 30 de abril ao 5 de maio. Ademais de Roma, tamén se estará en Pisa, Milán e Turín.

Esta última parroquia de Santiago A Nova organiza conxuntamente coa de Quiroga o Campamento Parroquial Campanova, para mozos e mozas a partir dos 10 anos. Será entre o 28 de xuño e o 5 de xullo de 2015 no Acampamento Courel (Esperante-Courel -Lugo-).

IV Concurso literario infantil-xuvenil “Fundación O Noso Lar”

Este Concurso literario infantil-xuvenil, ten como fin fomentar e promocionar a creatividade literaria dos nenos, rapaces e mozos. Os interesados en participar deberán facelo antes do 1 de maio.

Establécense os apartados seguintes:

a) Nenos ata 14 anos.

b) Rapaces de 15 a 18 anos.

c) Mozos de 19 a 25 anos.

O tema do traballo, a forma e o estilo son libres. En cada apartado, o 1º premio é de 200 euros e diploma e o segundo de 100 € e diploma.

Na entrega de premios, o domingo 31 de maio ás 17h na sede da Fundación O Noso Lar en San Román de Lousada, haberá un pequeno festexo e a lectura de traballos galardoados, que tamén serán publicados na revista O Noso Lar.

[Bases]

Horta solidaria de San Antonio de Padua, Lugo

Cáritas parroquial de San Antonio de Padua (Lugo) conta co proxecto “Horta Solidaria”. Esta iniciativa, que xorde dos propios fregueses da parroquia, intenta paliar as situacións de pobreza que afectan a este barrio da cidade.

Este sábado, día 11 de abril, comeza a plantación de patacas nas terras da zona de Saamasas que os veciños cederon para o cultivo. Entre todos fanse cargo dos gastos económicos, da compra da semente, dos abonos, da contratación de maquinaria… e colaboran, ademais, na realización dos traballos necesarios para o mantemento da horta (arar, abonar, fresar…)

Entre os obxectivos desta iniciativa están:
1. Crear un clima de fraternidade e de caridade entre os membros desta comunidade parroquial.
2. Auxiliar de modo eficaz as necesidades das familias máis afectadas pola lacra da pobreza.
3. Crear un espazo orixinal de encontro e integración para as persoas que reciben axuda, no que se fomenten valores como o respecto e o esforzo.
4. Manter un campo de traballo cooperativo que sexa un exemplo e estímulo para a solidariedade.
5. Fomentar o uso das terras en estado de abandono.
6. Recuperar os cometidos tradicionais do campo galego.
7. Ser parroquia en saída e significar con feitos a fe que celebramos e vivimos.

Nomeamento de Javier Diéguez para varias parroquias de Antas

O sacerdote Javier Diéguez Diéguez foi nomeado párroco de San Xoán Antas de Ulla e administrador parroquial de Santiago de Amoeixa, San Lourenzo de Peibás, San Miguel da Cervela, San Salvador de Vilanuñe, Santa María de Alvidrón, Santalla de Árbore, Santiago de Reboredo, San Martiño de Vilapoupre e San Xusto de Repostería.

O día 5 de outubro tomou posesión na parroquia de Antas de Ulla ás 13h.

Javier Diéguez, natural de Rodeiro, foi ordenado sacerdote no ano 1992, polo Bispo Frei José Gómez. Ademais de ser rector do santuario do Faro e dirixr a libraría La Voz de la Verdad, imparte clases no Seminario Menor e no Instituto Teolóxico Lucense. 

A %d blogueros les gusta esto: