Os martes da parroquia de San Froilán

Martes da parroquia de S Froilán

Durante o ano 2016, con motivo do Ano da Misericordia, prográmanse Os martes da Parroquia de San Froilán (Lugo) ás 18:30h desde o 12 de xaneiro ata o 26 de xullo.

Trátase de buscar un espazo de oración e formación para adultos que queiran profundar no coñecemento e contemplación do Deus de Xesucristo.

O martes 12 de xaneiro hai oración e desenvólvese da seguinte maneira: exposición do Santísimo, vésperas, oración persoal.

O martes seguinte, 19 de xaneiro, comezan as sesións adicadas á formación. Trátase de ir coñecendo ou lembrando os fundamentos básicos da fe (existencia de Deus, revelación, Sagrada Escritura, sacramentos, liturxia…).

Nas semanas seguintes irán alternándose os momentos de oración (26 de xaneiro, 9 de febreiro, 23 de febreiro…) cos de formación (2 de febreiro, 16 de febreiro, 1 de marzo…).

Actos solidarios e musicais en parroquias da Diocese

Recollida de xoguetes en San Clodio, Quiroga. Ata o día 21 de decembro as parroquias de Quiroga e San Clodio recollen xoguetes novos ou usados en bo estado coa finalidade de distribuílos despois a través da Cáritas interparroquial de San Clodio-Quiroga.

Confraría Nosa Señora do Pedregal (Meira) Continúan o día 13 co taller de manualidades iniciado o domingo anterior. Confeccionan un boneco solidario que se poderá comprar o domingo 20 de decembro (feira) no posto da confraría. Coa súa compra, a un prezo asequible, axúdase a xente necesitada.

Cáritas interparroquial de Silleda organiza os días 19 e 20 diante da igrexa un mercado de pasteis, licores, conservas e outros produtos artesanais.

Parroquia de San Francisco Xavier, Lugo: festival o sábado 12 ás 17 na igrexa. Sortéase unha cesta de Nadal e o recadado será a prol de Cáritas parroquial.

Cáritas parroquial de Santiago A Nova (Lugo) organiza unha recollida de alimentos os días 11 e 12 deste mes.

O día 13 ás 20.30h terá lugar en Santiago A Nova o Concerto de Nadal, que contará coas actuacións de Cantar Delas e o Coro parroquial de voces brancas.

Na igrexa de S. Froilán, Lugo, o 12 de decembro ás 20,30 h. actúan a Coral Ecos do Miño Astelu (Misa) e Orfeón Xoán Montes (Concerto). 

Na igrexa de igrexa de S. Lourenzo de Albeiros o 13 de decembro, ás 12,45 h. Coral Cantar Delas (Misa) e Conxunto Vocal Lugh, (Concerto). Tanto nesta actuación como na anterior recóllense alimentos para ser distribuídos por Cáritas

Campaña de Nadal na parroquia A Milagrosa (Lugo)

As actividades máis reseñables da campaña 2015-2016 son:

– Cea benéfica o venres 11 de decembro ás 20:30 horas no salón parroquial. Antes celébrase a Santa Misa ás 19:30 horas. O donativo que se pide son 10 euros. Aprovéitase esta ocasión para invitar a persoas que atravesan momentos complicados e difíciles, a participar desta comunidade.

– Entrega extraordinaria de alimentos en Nadal. Repártese unha bolsa de alimentos o día 23 de decembro para a celebración do Nadal, que se suma á entrega de alimentos que se fai todos os xoves do ano. A parroquia só recolle alimentos no templo, isto é, non ten puntos de recollida fóra do mencionado.

-Entrega de xoguetes o día 5 de xaneiro pola mañá. Recóllense na parroquia a partir do 23 de decembro.

-Programa Apadriña a unha familia. Búscanse padriños e madriñas que se involucren en crear oportunidades e apoiar familias necesitadas -tanto económica como socialmente- cun compromiso de axuda material e de acompañamento durante un periodo de tempo.

Preparación do Nadal cos nenos na Parroquia de San Antonio, Lugo

As sesións de catecismo do xoves, venres, sábado e domingo (10, 11, 12 e 13 decembro respectivamente) na Parroquia de San Antonio de Padua substitúense por unha celebración conxunta que será o venres día 11 de 17.00 a 19.00 horas.

O grupo Scout Tesela e o equipo de catequistas organizan unha actividade estruturada en diversos puntos distribuídos polas instalacións parroquiais, cada un enfocado a unha tecnoloxía ou propósito diferente. Así os asistentes poderán percorrer todos os postos sen unha orde concreta, tanto se queren ver todos os puntos coma se non, dedicar máis ou menos tempo a un ou outro.

MAXI-TOUCHPAD: Coma se fose unha pantalla táctil xigante, os participantes poderán pintar ou estampar a súa firma, mensaxe… nun mural que logo decorará durante as festas unha parede da parroquia.

POMBA VIRTUAL: Constará dun ordenador con conexión a internet cunha conta de correo creada específicamente, onde poderán escribir un e-mail de felicitación navideña e envialo ao enderezo desexado.

PHOTOCALL: Un espazo ben iluminado e cunha parede de fondo onde cos accesorios fabricados polos nenos do Grupo Scout Tesela faranse fotos divertidas e orixinais para facer postais personalizadas ou para envialas a través de internet.

VIDEOCALL: Para o video posterior aquí recompílanse vídeos persoais, individuais ou grupais onde a xente poida transmitir a súa mensaxe navideña dun xeito divertido e diferente.

CHOCOLATE@CHURROS.COM: Unha mesa onde conseguir un chocolate quente con churros e outros doces e compartir un momento de distensión e charla.

CONFESIONARIO DE ORIENTE: Webcam onde se gravará un video persoal coa carta aos Reis Magos (para que se poidan enviar aos pais correspondentes) ou os teus desexos para estes Nadal.

REPORTEIRO EN LIÑA: Cunha cámara e un micrófono irá gravando, entrevistando á xente e animando o ambiente en xeral.

CLAUSURA E LIPDUB: O encontro finalizará cun pequeno acto na igrexa, onde se verá un pequeno vídeo onde participan distintos grupos da parroquia desexando feliz Nadal a todos os asistentes. Haberá unha sinxela coreografía facendo o reporteiro on-line gravacións previas que fagan o efecto dun gran lipdub.

Esta actividade diríxese a todas as familias da parroquia.

Actos na parroquia de San Francisco Xavier no día do patrón

Benin
Na imaxe, unha das capelas de Benín como as que axuda a construír a parroquia lucense

 

Na parroquia San Francisco Xavier, (Lugo) houbo diversas actividades o día 3 de decembro, con motivo da festividade de San Francisco Xavier. Estiveron o Delegado de Misións de Asturias, Pedro Tardón, e tamén Eduardo, que recentemente permaneceu 2 meses en Benín (Bembereké) e volverá a ese país por máis tempo.

– Ás 17:30 h. Pedro e Eduardo falaron a nenos da catequese sobre Benin. (imaxe inferior)
– Ás 19:00 h. deron unha charla no salón parroquial sobre a Misión en Benin, para tomar un impulso en colaboración da parroquia con ese país. O título da charla será “Seguimos tecendo soños. Continuamos facendo comunidade con Benin”.
– Ás 20:00 h. houbo unha Eucaristía solemne onde se veneraron as reliquias do San Francisco Xavier, patrono das Misións, igual que no resto das eucaristías do día.

Pedro Tardón e Eduardo en Lugo

A %d blogueros les gusta esto: