Celebración da Virxe da Saleta en Xaxán (Lalín)

O culto da Virxe da Saleta chegou primeiro ao santuario de Siador, en Silleda, e despois a Trabancas (Agolada) e a Xaxán. Nesta última parroquia lalinense celébrase o sábado 16 de novembro a festa da Virxe da Saleta despois de trinta anos de ausencia. Ás 13 horas preside a Eucaristía o sacerdote José Katanga, e concelebra José Ramón Pena. Ao finalizar haberá unha procesión. Tamén haberá, ás 15 horas unha comida de confraternización.

A parroquia de Xaxán mantén a súa identidade malia estar na área de expansión da vila de Lalín.

Imaxe: Bernabé / Javier – Lalín

Formación en Monforte de Lemos

O 8 novembro comeza en Monforte (r/ Manuel María, 22) o programa formativo que se ofrece a calquera persoa interesada nos temas que se tratarán (diversidade funcional, as leis, o perdón, o final da vida, a conciencia, a familia, a literatura xuvenil, a fe, a corresponsabilidade, os salmos).

O devandito día 8, á hora de comezo de cada sesión -20 h- o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, tratará o tema da “Trindade, a sociedade e a comunidade”.

As restantes 13 sesións tamén serán os venres e os encargados serán a mestra Marisol Bravos, o sacerdote Jean de Dieu Kimenyi Nkaka, o avogado Alfredo Losada, o sacerdote Ramón Piñeiro, o médico José Manuel López, o terapeuta familiar Rubén Díaz, a profesora de lingua e literatura Vanesa Ferreiro, a profesora de filosofía Paula Sánchez Mascareque, o Padre Sinodal Enrique Alarcón García e o sacerdote Antón Negro.

[Formación en Monforte]

Centros interparroquiais de Ecce-Homo de Rubián e San Xosé Obreiro de Oural

O proceso de reorganización pastoral na diocese de Lugo fixo evolucionar e foi dando forma á vida parroquial nas zonas onde se implantou, como nos nosos centros interparroquiais de San Xosé Obreiro de Oural (Sarria) e Ecce Homo (Rubián). A estes centros acoden os fieis a revitalizar a súa fe a través da Palabra de Deus e da eucaristía cada domingo e en datas tan significativas como a Semana Santa. Tamén os sacramentos da primeira comuñón e confirmación son celebrados comunitariamente.

A adaptación fíxose de forma tranquila, sen présas, dando pasos para tentar dar resposta ás necesidades pastorais de cada unha das parroquias encomendadas, un total de vinte e seis que pertencen ao ámbito rural. Este esforzo de reorganización é a expresión do noso desexo de ir hoxe, nas nosas circunstancias, ao encontro da nosa xente, para axudarlles a vivir a riqueza da fe en todas as urxencias da súa existencia.

A presenza próxima da Igrexa, que se reúne e celebra a eucaristía todos os domingos na propia contorna, permite vivir a súa pertenza tamén a quen non pode desprazarse o domingo ao templo; a quen o sacerdote e os irmáns poden ser visitados e acompañados cotidianamente ao longo da semana.

Así, nas nosas comunidades parroquiais ofrécesenos a todos a posibilidade de recibir a Palabra de Deus e os sacramentos, xunto co testemuño da vida en comuñón dos cristiáns.

Para o noso futuro, para as nosas parroquias e a nosa Igrexa é decisivo que os nosos fieis garden unha fe viva e relevante para as súas vidas.

Do folleto Nuestra Iglesia 2024

Mercado solidario na Parroquia da Milagrosa

Co lema “Compartir fainos medrar” permanece aberto ata o 8 de setembro o mercado solidario da Parroquia da Milagrosa no local parroquial.

A finalidade é recadar fondos cos que axudar ás persoas máis necesitadas, e custear as cuantiosas obras que se realizan para mellorar as instalacións da Parroquia.

Hai artesanía (mantelería, toallas bordadas, panos de cociña, cerámica, cestaría, pintura…), produtos ecolóxicos (bebidas…), libros, audiovisuais…

Celebracións na honra da Virxe de Fátima

A Parroquia do Sagrado Corazón (Estación) de Monforte de Lemos está a celebrar a Novena da honra da Virxe de Fátima a partir das 18:45 h (Santo Rosario, Novena e Santa Misa). O domingo 14 na Misa das 19:30 h haberá celebración comunitaria da unción de enfermos.

O sábado 13 de maio ás 11h celébrase a Eucaristía, e poderá recibirse a Santa Unción, na Parroquia de San Pedro (Lugo). Desde o día 5 está celebrándose a Novena na honra da Nosa Señora de Fátima, que comeza cada día ás 18:30 h co Rosario, para seguir coa Novena e a Eucaristía.

A %d blogueros les gusta esto: