É esta unha expresión moi socorrida nas situacións difíciles da vida e que tamén estamos a usar moito para este tempo, doloroso e incerto, que provocou o coronavirus. Neste caso todos descoñeciamos a lonxitude do «túnel» e iso é o que nos provocaba unha angustia case maior que a enfermidade en si.
Agora parece que se ve algo de luz, pero a nosa confianza está moi ferida, polo que, polo menos eu, recibimos estas noticias sen facernos demasiadas ilusións polo medo a ter que dar un paso atrás.
Todos somos conscientes de que xa nada vai ser igual, aínda que consigamos erradicar o virus. Van cambiar moitas cousas nos costumes sociais das persoas e tamén na forma organizativa da Igrexa e á hora de vivir e celebrar a fe, os sacramentos e as tradicións.
Durante estes meses vivimos cousas nunca vistas. Moitas delas chegaron para quedar e con outras a ver que pasa. Unhas para ben e outras para mal.
Respecto dunha das cousas que máis nos pode afectar na nosa vida de cristiáns é o tema dos funerais. Durante estes días tiven que asistir á inhumación de varios defuntos realizada na máis estrita intimidade familiar (3 persoas) e non vos podedes imaxinar a tristeza tan grande que se vive neses momentos xa dolorosos de seu e que ademais agora se ve aumentada pola soidade de non poder sentir a proximidade dos veciños e amigos, terrible! Nunca o puiden imaxinar.
Outros, pola contra, aproveitarán estas circunstancias para despedir aos seus xa sen misa nin nada… Antes, se cadra, facíano por convención social, pero agora, visto o visto, moitos se desfarán dos seus mortos deste xeito. Perdoádeme que fale así, pero tempo ao tempo.
O coronavirus acelerou un proceso que xa levaba tempo producíndose, por iso imos ver moitos cambios nos próximos tempos.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada