Palabra e vida

*

O que engrandece a un cristián é facer a vontade de Deus. Isto é o que fixo Xesús: “Velaquí, Pai, que veño facer a túa vontade”, dixo o Señor, nada máis pisar terra. Esta foi a súa gran obsesión: compracer ao Pai. Está debe ser tamén nosa principal preocupación: cumprir a vontade de Deus.

Para iso, cómpre escoitar ao Señor, que nos dá a coñecer o que quere de nós. No Antigo Testamento, falounos por medio dos profetas, comisionados pola divina providencia para comunicar o que Divos espera dos homes.

Ultimamente falounos por medio do seu Fillo Xesucristo, o cal fala como nunca ninguén falou xamais. As súas palabras non son só “Informativas”: son, sobre todo “transformativas”: cambian  totalmente a quen as escoitan. Aos Apóstolos transfórmounos de pescadores de peixes en pescadores de homes; a San Paulo converteuno de perseguidor de cristiáns, en evanxelizador dos gentís. As súas palabras son “espírito e vida”. Xesús vive aquilo que di, e isto confire inmensa autoridade ás súas palabras. E a nós dinos: “Deivos exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós”.

Un novo conferenciante pediulle consello a un vello profesor sobre como debería falar para que a súa disertación fose acertada; e o sabio profesor deulle estes tres consellos: En primeiro lugar, procura que o que digas sexa verdade. En segundo lugar, non molestes a ninguén coas túas palabras; e finalmente, fala coa esperanza de que o que dis vai producir froito.

O primeiro consello cumprirémolo sempre que noso falar se nutra da doutrina de Xesucristo, xa que El é “A Verdade e a Vida”.

O segundo consello levarémolo á práctica, se non ferimos os oíntes co noso xeito de falar, porque desta maneira cumprimos o deber de “amarnos uns aos outros” como recomenda Xesús.

E coa esperanza de facer o ben a quen nos escoitan, poñemos en práctica o encargo de que “vaiamos e deamos froito”, que nos incumbe a todos os cristiáns. A posta en práctica destes consellos do veterano profesor, dá prestixio á persoa que fala e eficacia ás palabras que di.

O Papa Francisco acaba de convidarnos a unha constante conversión, e dinos que o fagamos a tres niveis:

Conversión de actitudes: converternos á persoa de Xesucristo e vivir o Evanxeo con autenticidade.

Acompañar aos irmáns: Escoitándoos, para coñecer a súa problemática e falándolles ao corazón, sen ferir os seus sentimentos.

Denunciar os desaxustes do momento, sen culpar deles a ninguén, senón asumindo cos demais, a responsabilidade que a todos nos incumbe.

Abundemos no anuncio gozoso do Evanxeo, que nos di quen é Xesús e como debemos comportarnos os seus discípulos.

 

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: