Ciclo de visitas teatralizadas á igrexa de Sta. Mª de Meira

O mércores 30 de novembro, o sábado 10 de decembro e o mércores 14 de decembro, realízanse visitas teatralizadas á igrexa de Sta. Mª de Meira. Terán unha duración de 3 horas repartidas en dúas partes da seguinte maneira:

Teatralización: de 10.30 a 12:00 e actividades: de 12:00 a 13:30 (non é necesario asistir ás dúas partes. Pódese elixir a que resulte máis interesante).

Con este ciclo dáse a coñecer a historia da vila e do Mosteiro de Sta. Mª de Meira desde a súa fundación no século XII ata a actualidade pero non relatada por un guía senón vivida e contada polos personaxes de cada época: abades, monxes, soldado francés… Estes personaxes caracterizados, escenifican nas súas intervencións todos os acontecementos salientables que aconteceron no mosteiro e na vila.

Despois de cada unha das actuacións teatrais, nas que o público pode participar, haberá unha serie de actividades e xogos medievais e tradicionais que terán lugar na Praza do Convento, e que están destinados tanto para nenos coma para maiores.

A asistencia e as actividades son gratuítas. Prégase confirmar asistencia mínimo 5 días antes da representación elixida.

Contacto: Oficina de Turismo de Meira. Pza. do Convento s/n. Meira.

Teléfono: 618.679.632
Fax: 982.330.102
e-mail: turismo@concellodemeira.com

Cáritas está levando a cabo un programa de emprego no sector de hostalaría

Dentro das actividades de Cáritas Diocesana para favorecer o acceso ao emprego está o programa “Abrindo portas”. Durante este mes de novembro quince persoas con difícil inserción laboral están recibindo formación en traballos básicos de bar, restaurante e cociña tanto a nivel teórico como práctico en distintos establecementos de hostalaría.

A Asociación de Hostalaría de Lugo imparte as ensinanzas: servizo básico de restaurante e bar, aprovisionamento de bebidas e comidas rápidas, manipulación de alimentos e prácticas en empresas.

No curso, participan desempregados, mulleres en situación vulnerable ou de exclusión, inmigrantes, xoves que sufriron fracaso escolar e persoas en paro con difícil inserción no mercado laboral. Todos os alumnos que superen a formación de maneira satisfactoria formarán parte dunha bolsa de emprego como camareiros.

Cáritas Diocesana acolle de bo grado a colaboración de empresas neste programa, posibilitando prácticas formativas, contratando a algún dos participantes no curso a ou con achegas económicas para sufragar gastos.

A Coral do Hospital, invitada a participar nun concerto na igrexa de San Pedro

O día 19 de novembro celébrase o Concerto de Outono na igrexa de San Pedro (Lugo) ás 20:30 horas. Ademais da Coral Polifónica do Hospital Xeral – Calde, participa Cantar Delas, o coro que organiza o acto. ambas as dúas agrupacións musicais están dirixidas por Fernando G. Jácome. Ao final do concerto, cantarán conxuntamente unha peza dos “Contos de Hoffmann” de Offenbach.

Eucaristía de Acción de Grazas pola canonización de Bonifacia Rodríguez

O 18 de novembro celébrase unha Eucaristía de Acción de Grazas pola canonización de Bonifacia Rodríguez. A Eucaristía, presidida polo señor bispo D. Alfonso Carrasco Rouco, será na parroquia de San Pedro ás oito da tarde.

Bonifacia Rodríguez Castro fundou as Servas de San Xosé, e o pasado 23 de outubro foi canonizada en Roma, onde estivo unha representación da Diocese lucense: Servas de San Xosé, Laicos, profesorado e alumnado do colexio San Xosé.

Novena a Cristo Rei organizada polo Apostolado da Oración

  O día 12 de novembro comeza a novena preparatoria da Solemnidade de Cristo Rei, que organiza o Apostolado da Oración.

Esta novena celébrase na parroquia de Santiago A Nova de Lugo ata o domingo 20, solemnidade de Cristo Rei. Está presidida polo Consiliario de Vida Ascendente e párroco de Mougán, Ramón Álvarez Varela. O horario é o seguinte: ás sete e media da tarde, Santo Rosario e ás oito: novena e celebración da Eucaristía.

A %d blogueros les gusta esto: