Celebracións no mes de decembro en San Francisco Xavier

A parroquia de San Francisco Xavier celebra este ano as vodas de ouro. Para conmemorar eses 50 anos desde a súa fundación, realizáronse varios actos en meses anteriores. E o día 3 de decembro, hai varios actos máis:

  • misa en honra a San Francisco Xavier, ás seis e media.
  • inauguración da exposición fotográfica titulada 50 anos en camiño.
  • comida fraterna aberta a todos os fieis.

O 17 de decembro haberá un festival a beneficio de Cáritas en colaboración co Concello no centro social de Fingoi a partir das cinco e media. Haberá actuacións de nenos de colexios do barrio, grupos musicais… Ademais, fíxose unha campaña de difusión destas actividades nos domicilios para fortalecer os vínculos interparroquiais.

Clasificada de interese asistencial a Fundación Comedor San Froilán

A Fundación Comedor San Froilán, constituída o 24 de agosto de 2011, ten por obxecto dar cobertura asistencial, atendendo en primeiro lugar ás súas necesidades básicas, asegurar o sustento alimenticio de persoas desfavorecidas e axudarlles na súa promoción.

O padroado inicial da fundación está formado polo vicario xeral da Diocese de Lugo, Luciano Armas Vázquez, como presidente; e o ecónomo diocesano da Diocese de Lugo, Miguel Ángel Álvarez Pérez; o delegado episcopal de acción caritativa e social da Diocese de Lugo, Antonio Negro Expósito; unha representante das Fillas da Caridade de San Vicente de Paul, Asunción Abad González; José Pérez Barreiro e Miguel Ángel Gómez Vázquez, como vogais.

A consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza procedeu a clasificar de interese asistencial a Fundación Comedor San Froilán e adscribila ao protectorado da Consellería de Traballo e Benestar.

Xa está na rúa o número 43 da revista Lucensia

No salón de actos da Fundación Caixa Galicia presentouse o número 43 da revista Lucensia. José Manuel Blanco López tivo unha intervención na que falou da problemática do Courel (a falta de poboación) e os seus importantes recursos naturais (por exemplo, as aciñeiras de alta montaña, algo único no noroeste peninsular). Tamén comentou que sen parque natural non hai futuro para o Courel.

Monseñor Carrasco Rouco clausurou o acto de presentación de Lucensia dicindo que non hai futuro sen a familia, sen a comunidade, e que unha tarefa dos cristiáns é seguir construíndoas.

PRESENZA DA REVISTA NOUTROS SOPORTES

Dende hai anos os índices de Lucensia están en internet, e agora con este número estréase a edición en formato dixital: pódese adquirir xa na librería La Voz de la Verdad, nas oficinas do Bispado e na Portería do Seminario o presente número 43 en CD ó prezo dun exemplar impreso. Xa está toda a colección dixitalizada e incorporada á Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura (Gaiás, Santiago de Compostela). Dende a administración de Lucensia prepárase a futura distribución complementaria noutros soportes técnicos.

CONTIDOS DA REVISTA

O número 43 da revista Lucensia lévanos, xeograficamente, polo este da provincia de Lugo: O Courel (o seu progreso e a Estación Científica), As Nogais (coa explicación dos seus nomes de lugar).

E no plano histórico, vemos como a Igrexa medieval de Galicia edifica os seus templos e mansións, temos datos sobre a vida do arciprestado de Ferreira-Ferreirúa entre os séculos XVII e XIX. Tamén hai artigos sobre a reconstrución de varias pontes en Lugo (s. XVII), o Colexio de S. Jerónimo ou de Lugo da Universidade de Alcalá e a fundación dos Capeláns e Gardas do Santísimo Sacramento (antecedente da Adoración Nocturna en Lugo).

Tan variados como universais son os temas da sección COMENTARIOS:

  • medallas conmemorativas en el Bularium de Clemente XI;
  • un texto que se refire ao Mosteiro de “Flanello” en Terra de Lemos;
  • a arte na igrexa de Santiago de Zoo (Samos);
  • unha tecnoloxía pioneira con “células nai proxenitoras” en Lugo;
  • poemas espirituais ou místicos “Buscando a Dios” de Vicente Piñeiro González,
  • a devoción popular ó San Vitoiro na provincia de Lugo (s. XVII).

Hai unha nova entrega documental de José Méndez Pérez sobre libros da Catedral de Lugo no Arquivo Histórico Nacional de Madrid.

A %d blogueros les gusta esto: