O sábado 17, Mons. Alfonso Carrasco pronunciará o Pregón de Nadal no salón de actos da aula sociocultural da Fundación Nova Caixa Galicia (praza de Santa María). Este acto, organizado pola Asociación de Belenistas, comezará ás 21 horas.
I Encontro Eucarístico Lucense. Xornada do venres 2
Empezouse cunha conferencia titulada Presenza e Memorial: revisitando o Novo Testamento, conferencia que correu a cargo do Decano da Facultade de Teoloxía do Norte de España D. Francisco Pérez Herrero. Presentou unha panorámica dos testemuños que o Novo Testamento ofrece da Eucaristía e que son diferentes pero complementarias.
A última conferencia da mañá do venres titulábase “A carne de Cristo: a fe eucarística como expresión da fe cristolóxica no I Milenio”. O encargado de pronunciala foi o director espiritual do Seminario Diocesano de Alcalá, D. Manuel Aroztegui Esnaola (na imaxe con Ms. D. Alfonso). É un dos teólogos da nova xeración da Facultade de Teoloxía San Dámaso, onde imparte clases. Ao longo da súa exposición, foi recollendo as ideas dun artículo de Joseph Ratzinger, “Orixe e natureza da Igrexa”.
Xa pola tarde do venres, o doutor en Sagrada Liturxia, Lino Emilio Díez Valladares, falou do Culto eucarístico fóra da misa, da súa tradición e a súa actualidade. Despois do Concilio Vaticano II, ese culto afrontou unha crise tan profunda e progresiva que chegou a facer pensar na súa desaparición. Co paso do tempo, a crise foise atenuando e hoxe está superada e hai un renovado vigor. A iso contribúe a fidelidade ao culto eucarístico fóra da Misa de tantísimos crentes e de tantas comunidades relixiosas.
Aínda que a misa sexa a expresión central da Eucaristía, esta non se esgota coa súa celebración: “Máis aínda, dada a súa centralidade, todas as outras expresións de culto, litúrxicas ou non, dela derivan ou a ela conducen: estenden de diversos modos, no tempo e nas formas, a riqueza celebrativa da Eucaristía”.
Como conclusión á súa conferencia, Lino Emilio Díez, dixo o seguinte: “O que é común aos dous momentos de culto eucarístico -dentro da celebración e fóra dela- é a admirable presenza de Cristo. Esta presenza é a que motiva e provoca unha celebración máis adorante e respectuosa da Misa -da que nos dan un admirable exemplo os cristiáns de Oriente-, e a que convida aos cristiáns, persoalmente ou en comunidade, a dedicar espazos á oración ante o Santísimo e a outros signos externos de gratitude e veneración por este don da Eucaristía”.
Os actos académicos do venres finalizaron coa intervención do Director do Secretariado de Liturxia da Conferencia Episcopal. Juan Mª Canals Casas, falou dos Congresos Eucarísticos ao servizo da fe cristiá. Presentouse o papel que eses Congresos tiveron na formación cristiá e no Maxisterio da Igrexa. Finalizou a súa intervención presentando o Congreso Eucarístico Internacional que se celebrará en Dublín o próximo verán.
Pero non só se programaron conferencias, pois na igrexa de San Pedro houbo un concerto do Coro de música antiga E ULTREIA e de MENESTREIS DE 1500. Interpretaron diversas pezas gregorianas e polifónicas eucarísticas e marianas.
Intervencións iniciais no I Encontro Eucarístico Lucense
O Director do Centro Eucarístico Lucense, José Antonio Ferreiro, presentou o mencionado Centro, recentemente creado, e o Encontro sobre a Eucaristía. Na súa intervención dixo que en Lugo a imaxe do Santísimo está moi presente, entre outras cousas porque camiñando polas rúas da cidade atopámonos en elementos do mobiliario urbano ou uniformes co escudo da cidade. E nel figuran o cáliz e a sagrada forma. Tamén sinalou que a revitalización da fe cristiá pasa pola revitalización da importancia da Eucaristía.
O Bispo de Ratisbona, Gerhard Ludwig Müller, encargado de abrir o I Encontro Eucarístico Lucense, expuxo o cambio na liturxia nos últimos decenios. E contouno desde a súa propia experiencia, a través de episodios da súa vida. Resumiu en que consiste a liturxia católica: “nunha adoración razoable de Deus que é espírito e verdade e cuxo Logos asumiu a nosa carne para que, no Espírito e por Cristo, poidamos dicir a Deus Abba, Pai e experimentar a liberdade e a gloria dos fillos de Deus”.
Apertura dunha tenda solidaria de Cáritas durante o tempo do Nadal
O día 9 de decembro ás 5 da tarde, Cáritas Lugo abre no centro comercial “As Termas” unha tenda solidaria. Permanece aberta até o 5 de xaneiro, xunto á entrada da planta superior do mencionado centro comercial.
Vixilia da Inmaculada. Para toda a familia
O día 7 de decembro ás 8 da tarde ten lugar na Catedral de Lugo a Solemne Vixilia da Inmaculada. Está presidida polo Bispo, D. Alfonso Carrasco. Faise unha especial invitación a tódalas familias.