O día 1 de febreiro, os Grupos de Oración e Amizade (G.O.A.) convídannos a orar polas familias no Altar do Bo Xesús da Catedral Basílica de Lugo ás 5 da tarde.
Encontros prematrimoniais en Lalín
A primeira actividade formativa deste ano para novos matrimonios é na Parroquia Nosa Sra. das Dores de Lalín os días 30 e 31 xaneiro e 1, 2 e 3 febreiro. A hora de inicio é as 20:30h. Do 16 ó 20 de abril e do 7 ao 12 de maio haberá novos encontros.
Máis infomación: Na parroquia
Na Delegación Diocesana de Pastoral Familiar (Praza de Santa María, 1)
www.delegacionfamilialugo.blogspot.com
Celebración do Día Escolar pola Paz
Os centros relixiosos de ensino concertado de Lugo celebraron conxuntamente o Día escolar pola paz no pavillón de deportes do Seminario.
Foi o día 26 entre as 12 e as 13 horas com participación de alumnos e alumnas de 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO. O acto pola paz deste ano estivo ambientado nos xogos olímpicos, traballando a paz desde o deporte e fomentando unha competitividade sá e ben entendida.
O acto consistiu nunha serie de competicións entre equipos formados por alumnos e alumnas de tódolos colexios convocados. Cada xogo ou competición aportaba un elemento que pasaba a formar parte dun símbolo construído entre todos os participantes: os 5 aros olímpicos coas letras “PAZ 12” no seu interior.
Dende as gradas, os restos dos representantes dos centros animaron ós “competidores” con pancartas e lemas que alusivos á paz.
Celebración de San Xoán Bosco no colexio Divina Pastora de Lugo
O venres 27, o alumnado de infantil e primaria escenifica unha serie de obras de teatro. Ás 20 h hai unha pequena celebración cos animadores e animadoras do Centro Xuvenil Ateibo, nos locais da Asociación.
O sábado 28, ás 12.00h serán as actividades semanais dos grupos de Andaina e ADS, esta vez enmarcadas nos xogos tradicionais do Oratorio de Don Bosco.
O luns 30, ás 12.00 na praza da Milagrosa se o tempo o permite, a comunidade educativa fará o tradicional xesto escolar pola paz, con motivo da celebración do Día Escolar pola Paz e a Non Violencia. Este ano o xesto estará moi relacionado co lema do curso “Deixando Pegadas”.
O martes 31 comezan os actos (Eucaristía, celebración da Palabra) na igrexa da Milagrosa. E ás 12.00h no salón de actos do colexio, o alumnado de Secundaria terá o festival de Play-backs.
Finalmente, ós días 2, 6 e 7 de febreiro, repetiranse os festivais para as familias. Estes festivais teñen unha finalidade solidaria, xa que o donativo que as familias fan coas entradas, será destinado a axudar a unha escola de Perú que se atopa nunha situación moi desfavorecida.
Eucaristía en honor á Virxe de Altagracia na parroquia A Milagrosa de Lugo
O 21 de xaneiro é o día de Nosa Señora de Altagracia, considerada polos católicos da República Dominicana, como a Nai Protectora e Espitirual do seu país.
A partir das cinco da tarde do día 21 os dominicanos que viven en Lugo terán un encontro nas dependencias parroquiais da Milagrosa. E ás 19:30 celébrase unha eucaristía en honor á Virxe de Altagracia á que soen asistir unhas 80 persoas do país americano.
O párroco da Milagrosa, José Antonio Ferreiro coñeceu hai anos o santuario desta virxe, cando pasou unhas semanas en Santo Domingo, onde está o misioneiro lucense Manuel Bodenlle.