Cáritas está levando a cabo un programa de emprego no sector de hostalaría

Dentro das actividades de Cáritas Diocesana para favorecer o acceso ao emprego está o programa “Abrindo portas”. Durante este mes de novembro quince persoas con difícil inserción laboral están recibindo formación en traballos básicos de bar, restaurante e cociña tanto a nivel teórico como práctico en distintos establecementos de hostalaría.

A Asociación de Hostalaría de Lugo imparte as ensinanzas: servizo básico de restaurante e bar, aprovisionamento de bebidas e comidas rápidas, manipulación de alimentos e prácticas en empresas.

No curso, participan desempregados, mulleres en situación vulnerable ou de exclusión, inmigrantes, xoves que sufriron fracaso escolar e persoas en paro con difícil inserción no mercado laboral. Todos os alumnos que superen a formación de maneira satisfactoria formarán parte dunha bolsa de emprego como camareiros.

Cáritas Diocesana acolle de bo grado a colaboración de empresas neste programa, posibilitando prácticas formativas, contratando a algún dos participantes no curso a ou con achegas económicas para sufragar gastos.

A Coral do Hospital, invitada a participar nun concerto na igrexa de San Pedro

O día 19 de novembro celébrase o Concerto de Outono na igrexa de San Pedro (Lugo) ás 20:30 horas. Ademais da Coral Polifónica do Hospital Xeral – Calde, participa Cantar Delas, o coro que organiza o acto. ambas as dúas agrupacións musicais están dirixidas por Fernando G. Jácome. Ao final do concerto, cantarán conxuntamente unha peza dos “Contos de Hoffmann” de Offenbach.

Eucaristía de Acción de Grazas pola canonización de Bonifacia Rodríguez

O 18 de novembro celébrase unha Eucaristía de Acción de Grazas pola canonización de Bonifacia Rodríguez. A Eucaristía, presidida polo señor bispo D. Alfonso Carrasco Rouco, será na parroquia de San Pedro ás oito da tarde.

Bonifacia Rodríguez Castro fundou as Servas de San Xosé, e o pasado 23 de outubro foi canonizada en Roma, onde estivo unha representación da Diocese lucense: Servas de San Xosé, Laicos, profesorado e alumnado do colexio San Xosé.

Novena a Cristo Rei organizada polo Apostolado da Oración

  O día 12 de novembro comeza a novena preparatoria da Solemnidade de Cristo Rei, que organiza o Apostolado da Oración.

Esta novena celébrase na parroquia de Santiago A Nova de Lugo ata o domingo 20, solemnidade de Cristo Rei. Está presidida polo Consiliario de Vida Ascendente e párroco de Mougán, Ramón Álvarez Varela. O horario é o seguinte: ás sete e media da tarde, Santo Rosario e ás oito: novena e celebración da Eucaristía.

Taller de Solidariedade presenta a campaña “Mulleres Soñadoras”

  A Fundación Taller de Solidariedade celebra o seu 10º aniversario presentando a súa nova campaña “Mulleres Soñadoras”. É o día 3 de novembro ás 20 horas no seu local de R/ Ramón Montenegro, 17. Cóntase coa presenza de Lucy e Ping Rabina, que participan no proxecto Talleres de Nazaret en Manila, Filipinas, proxecto que puxeron en marcha as Servas de San Xosé de Filipinas co apoio de Taller de Solidariedade Trátase de dar emprego e formación a mulleres sen recursos. Actualmente hai unhas 200 mulleres traballando en 6 talleres que realizan desde traballos téxtiles até procesamento de alimentos para a venda no mercado local.

Tamén se conta coa presenza doutra “Muller Soñadora” neste caso lucense, pois tamén está Clara Raposo de “A Cova da Terra”.

A Fundación Taller de Solidariedade, é unha ONG de desenvolvemento que traballa en favor da muller, mocidade e infancia en países de América Latina, Asia e África en proxectos de promoción de emprego, formación e educación.

A %d blogueros les gusta esto: