O 3 de xuño ten lugar o Encontro de fin de curso dos membros de Equipos de Nosa Señora na Diocese de Lugo. Será no Seminario a partir das 11h.
Pregón da Caridade
Organizado por Cáritas Diocesana de Lugo, o martes 5 de xuño tivo lugar o PREGÓN DA CARIDADE no Salón Rexio do Círculo das Artes. Foi unha conferencia a cargo de D. Leonardo Lemos Montanet, Bispo de Ourense. O lema do seu ministerio episcopal é Omnia in Caritate (Todo en Caridade). Mons. Lemos recolleu este pensamento da Carta Primeira de Xoán e de Deus Caritas Est, unha encíclica que ao mesmo tempo ten un carácter social e medita sobre o amor de Deus. Benedito XVI, máis que falar de filantropía, fala de solidariedade, dun impulso divino para facer fronte á miseria. Segundo Mons. Leonardo Lemos, a encíclica é asumible por calquera persoa, crente ou non, porque trata de cuestións que afectan ao núcleo esencial, máis íntimo e profundo do ser humano, como a ansia de ser mellores.
Mons. Leonardo Lemos asegurou que o rostro visible do Deus invisible está no necesitado, que non é só quen pide esmola na rúa, senón quen comparte connosco as tarefas cotiás.
Tamén se referiu o Bispo de Ourense ao labor caritativo da Igrexa, lembrando que nos primeiros grupos de cristiáns era doada a comuñón de bens, pero cando deixaron de ser pequenas comunidades naceu a institucionalización da caridade. De todas maneiras, non é algo que teña a Igrexa para agradar aos demais e manter a corrección política, senón que Cáritas é algo que nace da esencia da Igrexa.
No coloquio cos asistentes ao Pregón da Caridade, Mons. Leonardo Lemos quixo deixar clara unha cifra: mentres que organizacións vinculadas a partidos políticos chegan a cubrir o 89% dos seus orzamentos con subvenciósn estatais, no caso de Cáritas a financiación pública é do 19%. Ademais, hai iniciativas solidarias da Igrexa que se fan caladamente.
D. Jaime Delgado publica Retazos de vivencias…
D. Jaime Delgado publica Retazos de vivencias y bibliografía de un sencillo sacerdote. Nos dous primeiros capítulos expón as súas vivencias en relación co Seminario, antes de entrar e durante a estancia como alumno e enfermeiro.
Nos capítulos seguintes, D. Jaime divide a súa vida sacerdotal en tres etapas:
– Primeira (anos 60): formador e profesor no Seminario
– Segunda (anos 70): especialización en Arqueoloxía Cristiá en Roma, profundas vivencias en Grecia e volta a Lugo.
– Terceira (desde os anos 80 ata a actualidade): cargos na Diocese, profesor, capelán na Residencia, publicacións…
As oportunidades da visita da reliquia de Don Bosco
Despois de pasar por numerosos países de América, Asia, Oceanía e África, onde traballan os salesianos, a reliquia de San Xoán Bosco chegou a España o 1 de maio de 2012, percorrendo o País Vasco, Navarra, A Rioxa, Cantabria, Asturias e Lugo. Seguirá polo resto do Estado.
A acollida dunha parte das reliquias de Don Bosco facilita achegarse a Cristo como el o fixo. E, en comuñón coa Igrexa, moveranos a avanzar polo camiño da santidade.
A visita da reliquia de Don Bosco é unha boa ocasión para renovar, persoal e comunitariamente, o noso compromiso pola evanxelización, unindo noso camiñar ao camiñar da Igrexa universal.
Tamén dará un novo vigor á vivencia do carisma de Don Bosco e resulta unha oportunidade de acción pastoral, non só para a Familia Salesiana senón tamén para a Igrexa local. Pois o exemplo e a intuición de Don Bosco deben impulsar en cada Diocese a acción pastoral cos mozos. Aos que acudan a recibilo pode suscitarlles unha experiencia de fe. A visita da reliquia de Don Bosco axúdanos a lograr ser testemuños cribles das realidades e os valores católicos.
Ademais é unha oportunidade para obter indulxencia plenaria, coas condicións que establece a Igrexa. O Papa Benedito XVI concedeuna aos fieis que “ante as reliquias do Santo expostas solemnemente, participen devotamente nunha función sacra celebrada na súa honra ou que polo menos se deteñan ante ela durante un tempo conveniente para reflexionar piadosamente, concluíndo coa Oración do Señor, o Símbolo da Fe e a invocación da Virxe e de san Xoán Bosco”.
Don Bosco
A súa única riqueza…. Xesús.
O seu tesouro…. os xoves.
A súa herdanza…. unha forma de educar baseada no Evanxeo
O seu futuro… nós mesmos
Chega a Lugo a reliquia de Don Bosco
PROGRAMA DO DÍA 29 DE MAIO
- 10,30 Recibimento solemne na parroquia da Milagrosa.– Preside o Sr. Bispo.
– Asisten alumnos e profesores de Primaria e 4º ESO.
- 10,45 Celebración de alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria
- 11,40 Celebración de alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria.
- 12,40 Celebración de alumnos da ESO.
- 15,45 Celebración de alumnos de Infantil.
- 16,45 a 18,45 Tempo dispoñible para visitas e oración ante as Reliquias.
- 19,30 Celebración eucarística solemne.– Preside o Sr. Bispo.
– Animación musical a cargo do Orfeón Xoán Montes.
- 22,00. Oración.
Están convidados todos os cidadáns lucenses a participar, sobre todo ás 10,30 (Acto de recibimento), e ás 19,30 (Celebración da Eucaristía).