Seminaristas manteñen un encontro no Parlamento co presidente da Xunta

O 8 de maio, 60 seminaristas menores da Diocese de Lugo, acompañados por algúns dos seus profesores e formadores, visitaron o Parlamento de Galicia.

Durante as tres horas que durou a visita os seminaristas tiveron a posibilidade de coñecer os distintos lugares do Parlamento, desde o Salón dos Reis até as salas de reunión dos grupos políticos. Desde a zona de invitados presenciaron parte do debate que se estaba levando a cabo no Salón de Plenos.

Durante a súa visita, os seminaristas estiveron acompañados polos deputados Román Rodríguez e Marta Rodríguez, ambos da provincia de Pontevedra, María Seoane da provincia da Coruña e os lucenses Damaso López, María Lourdes Yáñez, María Emma Álvarez e Jaime Castiñeira.

O Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo quixo recibir aos seminaristas no Salón dos Reis. Alí compartiu con eles máis de media hora e animounos a “estudar, formarse ben e apostar polos valores que emanan da fe cristiá e que son un alicerce básico da nosa sociedade”. Igualmente lembroulles a importancia da “Igrexa católica polo gran labor que realizou e segue realizando en favor da humanidade” e instounos a que buscasen “sen descanso a súa vocación a través do comprender e do saber e non do ter”. “E que saibades -asegurou Núñez Feijóo- que ten máis valor un cura dunha pequena parroquia rural que un presidente da Xunta”.

II Congreso de Educadores Católicos

Organizado pola Vicaría de Ensino e a Delegación de Pastoral Universitaria, o 5 de maio de 2012 terá lugar o II Congreso de Educadores católicos no Gran Hotel Lugo.

Preténdese crear un espazo de encontro para os educadores católicos da Diocese: mestres xubilados ou en activo, alumnos de Maxisterio, profesores de Instituto, de Universidade, sacerdotes, catequistas…

O programa é o seguinte:

10:30 Saúdo de benvida e oración

11:00 Identidade e método do educador católico: ilu-sión pola verdade

Mons. Manuel Sánchez Monge, Bispo de Mondoñedo-Ferrol

12:30 h Experiencias educativas

  • Da escola á facultade. 1842-2011, por D. Francisco Rodríguez Lestegás, Decano da Facultade de Formación do Profesorado

  • Preescolar na casa, Equipo de educadores

  • A escola católica, por Dª. Concepción Muñoz, Directora do CPR María Auxiliadora – Salesianas de Lugo.

Este II Congreso de Educadores católicos continúa pola tarde (16h) coa intervención de Mini e Mero: “ O son da escola” e cunha homenaxe a educadores ilustres. A Clausura, ás 17 farase coas seguintes intervencións:

– D. José Ramos Ledo, Xefe territorial da Consellería de Educación en Lugo

– D. Alfonso Carrasco Rouco, Bispo de Lugo

Exposición misioneira no Colexio Divina Pastora

Do 3 ata o día 9 hai unha Exposición misioneira no Salón de actos do colexio Divina Pastora, Lugo

Horario de visitas: de luns a venres de 17.30h a 19.00h Sábado e domingo: de 11.00h a 13.30h.

É unha boa oportunidad para coñecer a historia das misións salesianas e tamén a cultura e as tradicións dos distintos países nos que se está a axudar.

A exposición enmárcase no Xomisal, “Xornada Misioneira Salesiana”, dedicada a sensibilizar e a recoller axudas para as casas salesianas que están a prestar un servizo en áreas máis desfavorecidas.

O proxecto elixido este ano son as Casas de acollida rurais en Amparaes, Calca e Lares (Perú). Nesta zona montañosa moitos rapaces e rapazas teñen que percorrer longas distancias a pé todos os días para poder asistir á escola.

Edelmiro Ulloa fala do mundo interior do enfermo

Con motivo da Pascua do enfermo traemos unhas reflexións de Edelmiro Ulloa, ex-capelán de hospital, Delegado de Pastoral da Saúde.

1.- É difícil o acceso ao mundo interior do enfermo?

– A conciencia é o lugar máis sagrado que temos, coa particularidade de que a súa porta abre por dentro. Tentar forzala desde fóra é unha profanación. A miña intimidade é miña, eu compártoa con quen quero e me infunde confianza. Unha rosa non se abre por unha orde. Se lle facilito un clima de calor abrirase, cando chegue o seu tempo, pola forza interior da súa savia. Pois o enfermo, o mesmo. Polo feito de ser profesional ou capelán dun hospital non teño dereito a que me abra a súa intimidade. Algo tan obvio como isto, por desgraza, non sempre é tido en conta á hora de tratar ou visitar a unha persoa hospitalizada.

2.- Cando hai moita dor, espímonos con naturalidade ante o médico. Como se compaxina isto co dito anteriormente?

– Descubrimos o corpo, pero o ser humano é un espírito encarnado. Non enferma un órgano, enferma unha persoa. A enfermidade como que nos desestrutura tocando o noso núcleo. As peores feridas son as da alma. Hai persoas fisicamente sas pero tan rotas por dentro que son un farrapo.

Unha cousa é curar un órgano e outra, sanar á persoa: sanar os seus medos e frustracións, as súas ilusións rotas e desenganos; axudarlle a atopar sentido á súa vida feita farrapos. Cada enfermo ten a súa historia íntima, persoal, que pouco ten que ver co historial clínico. É o máis sagrado que ten e que non destapa a calquera. Facilitar a apertura da súa alma, facerse digno de acceder até o núcleo da súa historia, saber chegar até a raíz do seu sufrimento, é toda unha arte e unha arte divina. Mentres non se chegue aí, esta seguirá enferma aínda que sane o seu corpo. Hai unha pregunta coa que todo bo profesional adoita terminar a súa entrevista co paciente. E a pregunta é esta: “Ademais desas molestias orgánicas que acaba de manifestar, a vostede, alá no máis profundo, que é o que máis lle doe?”. Pregunta clave que vai dirixida á súa vida afectiva, familiar, social, espiritual. A resposta pode ser: “nada”. Ou tamén: “os fillos”, “o tempo perdido”, “a falta de sentido da miña vida baleira”, “dóeme non ter amado: cumprín pero non amei”. “Dóeme a alma”. Se chegamos aquí é que tocamos fondo; agora comeza un proceso de sanación

3.- Dun tempo acá fálase da “relixión” da saúde corporal? Por onde van os tiros?

– Hoxe non lle pedimos saúde ao médico, esixímoslla. Esixímoslle que nos cure e se non denuncia ao canto!. E esixímoslle até a receita para estar en forma e non envellecer. Hai un culto ao corpo do que viven laboratorios, ximnasios, consultorios. O que conta é a estética, a imaxe. Este culto impón aos seus seguidores non pequenas penitencias nos ximnasios e no campo da alimentación. Gañamos en imaxe pero perdemos os nervios. Talvez a crise económica axude a redescubrir riquezas esquecidas: a familia, a amizade, a paz interior, o culto a Deus, Pai, Señor e dador de vida.

4.- E falando do culto. No vello hospital a capela ocupaba o centro do edificio; agora desprazárona a un extremo. Quen ocupa o seu lugar doutrora?

– Os quirófanos, aos que acoden diariamente miles de fieis, máis ou menos devotos. Neste novo “santuario” hai como un altar- a mesa do quirófano- e un “sumo sacerdote”- o cirurxián que, tras as súas ablucións rituais, entra en escena revestido cos seus ornamentos, axudado por outros ministros. Bendito sexa este novo espazo sacro onde imos gañando á morte pequenas batallas aínda que a guerra teñámola perdida por nacer con data de caducidade. A xirola fórmana as habitacións dos enfermos, onde o Señor espera unha visita: “Estiven enfermo e viñestes verme”

5.-Fálase moito da necesidade de humanizar os hospitais. Quere isto dicir que están deshumanizados?

– Necesitamos da ciencia e a técnica. Pero estas nunca poderán suplir o poder curativo dunha mirada, dunha escoita atenta, nin a calor dunha man amiga. Cando o médico, pendente do monitor, dille á parturienta: “señora, agárrese a este ferro” e ela responde: “agárrese vostede, a min déixeme unha man”, está a darlle unha lección de humanización. Necesitamos as máquinas, os monitores, pero tamén persoas profundamente humanas que nos alivien con soa a súa presenza e o seu sentido de escoita. “Ai do ai que da alma sae e á alma volve por non atopar acollida” Falamos sós por non haber quen escoite .Nunca estivemos tan comunicados cos de lonxe nin tan incomunicados cos de preto.

Xornada polas Vocacións Nativas

Nesta Xornada trátase de fomentar a oración perseverante para que Deus e a Virxe María sigan suscitando novas vocacións en lugares de misión.

Este ano lémbrase o labor da Obra Pontificia de San Pedro Apóstolo. É a maior institución destinada ao sostemento de vocacións na Igrexa.

A Delegación de Misións de Lugo acaba de estrear un blog http://www.misionesdelugo.blogspot.com.es/

Pode accederse desde a páxina de inicio desta web que vostede está visitando.

 

Oración polas vocacións na parroquia de San Froilán, en Lugo

É o sábado día 28 de abril ás 11 da mañá.

A %d blogueros les gusta esto: