Reunión de maiores de Samos

Priorato de Lóuzara
Priorato de Lóuzara

Reanúdanse no mes de outubro as xornadas de convivencia de maiores, despois das tres realizadas a principios deste ano 2012. O día 28 de outubro será cando un grupo de maiores de Samos realicen actividades en común e compartan vivencias. Todo isto organízao a Fundación O Noso Lar no Priorato (Campos, Val de Lóuzara). Dentro de tres semanas, o 18 de novembro, esta actividade lévase a cabo en Lousada e repítese no Priorato dentro de un mes.

Xornadas Nacionais de Liturxia

 

Jornadas Nacionales de Liturgia Lugo

As Xornadas Nacionais de Liturxia inician a súa andadura o día 23 de outubro ata o 26. Desenvólvense en Lugo e na tarde do día 25 en Monforte.

Asisten máis de 120 persoas procedentes de toda España e nas súas intervencións no diálogo cos relatores nótase o seu alto nivel, á altura destes. E non só nos contidos, senón tamén nas celebracións litúrxicas.

Entre os asistentes hai bastantes delegados de Liturxia, que programaron o seu encontro particular aproveitando un momento libre.

No transcurso destas Xornadas tamén se presenta o libro que recolle os relatorios do I Encontro Eucarístico Lucense.

4ª Semana do Outubro Misioneiro

Baixo o lema “Vocación misioneira“, o día 22 comeza a 4ª semana do Outubro Misioneiro. O obxectivo desta semana é suscitar entre todos nós a apertura para escoitar a voz de Deus, que chama e envía á misión.

O Bispo de Lugo recórdanos que “o anuncio da fe é sempre igualmente o dunha profunda comuñón”. E falando da vida dos misioneiros, di que a “comparten libremente con aqueles aos que son enviados, poñéndoa en común, querendo ser con eles un só corazón e unha soa alma, un único Corpo, que é a Igrexa” (ver carta pastoral completa en www.diocesisdelugo.org)

Un dos misioneiros que estivo en Lugo foi o Padre Alonso, que deixou gravado nun vídeo o relato da súa experiencia en Sudáfrica (www.misionesdelugo.blogspot.com.es)

DOMUND 2012

O venres 19, a Vixilia do DOMUND é na parroquia Bo Pastor de Lugo ás 8 da tarde.

O sábado 20, a Vixilia é na parroquia de San Pedro de Melide, ás 8 da tarde.

O domingo 21, celebran distintas eucaristías o P. Alonso e o sacerdote Leonardo Bahati.

O día 18 de outubro, Leonardo Bahati tamén tivo unha intervención no Seminario de Lugo co título “A Misión en territorios de conflito”. Pormenorizou a situación do seu país, Congo.

Tras 16 anos de conflitos armados, houbo 5 millóns de vítimas directas e indirecta, millares de mulleres deportadas por proxenetas. O éxodo rural converte as cidades en conglomerados de favelas. Hai un debilitamento progresivo do Estado, que non garante o ben común como debera. Houbo destrución das infraestruturas básicas e hai precariedade da sanidade e a educación. Gran parte da poboación sofre un empobrecemento cada vez maior.

Tamén se produce unha degradación ética e moral cada vez máis aguda, considerándose permitidos tódolos medios (mentira, falta de respeto polo ben común) para conseguir o que se quere. Vai arraigándose unha cultura da morte (axustes de contas, ladróns armados…).

A Igrexa congoleña, que ten 120 anos de existencia, e está estruturada en 47 dioceses, tamén sofre esta situación conflitiva. Perderon a vida bastantes cristiáns por denunciar o mal: foron asasinados varios sacerdotes, secuestrados relixiosos por prestar atención sanitaria a persoas que non querían os rebeldes que recibisen tal asistencia.

A metade dos 23 millóns de católicos da R. D. do Congo viven en lugares nos que o sacerdote ten que andar unhas 5 horas de ida e outras tantas de volta para estar cos seus fregueses. Neses casos, a Eucaristía celébrase unha vez ao mes.

Para subsistir os axentes de pastoral fanse colectas de alimentos e logo recíbese axuda de igrexas máis favorecidas economicamente para soster seminarios, por exemplo.

Inicio dos Cursos Bíblicos

O venres 19 comezan os Cursos Bíblicos que organiza o Movemento Bíblico Lucense. Ás sete da tarde, pode presentarse calquera persoa interesada en realizar esta actividade, sen máis requisitos.

Os Cursos Bíblicos están baixo a responsabilidade de Licenciados en Ciencias Bíblicas, Profesores de Sagrada Escritura. A duración é de outubro a xuño.
As clases consisten en reunións quincenais, venres alternos, de 19 a 21 horas, cun estudo persoal intermedio, a base do material que se facilita.

A %d blogueros les gusta esto: