Xornada de pastoral para sacerdotes

A Asociación social e cultural Porta do Camiño organiza o xoves 8 de novembro unha Xornada de pastoral para sacerdotes en Olbeira, Viñagrande, San Miguel de Deiro.

Ás 10.15 é a primeira conferencia “A nova evangelización para a transmisión da fe”, a cargo de Mons. Rino Fisichella, Presidente do Pontificio Consello para a Nova Evanxelización.

A segunda conferencia: “A harmonía e continuidade entre fe e razón: criterios para afrontar o vello nihilismo e a actual indiferenza”, por Antonio Aranda, Ordinario de Teoloxía Dogmática Facultade de Teoloxía da Universidade de Navarra.

E pola tarde, coloquio: “Nova evanxelización en clave pedagóxica. Liñas de traballo para a formación cristiá na escola”, con participación dos vigairos e delegados de catequeses das dioceses galegas.

Consideracións sobre as exequias nas Xornadas Nacionais de Liturxia

Nas Xornadas Nacionais de Liturxia celebradas en Lugo entre os días 23 e 26 de outubro, a intervención do Delegado Diocesano de Liturxia de Ourense, D. Ramiro González Cougil, incluíu unhas referencias ás exequias.

As exequias non son un sacramento, pero supoñen unha profesión da fe da Igrexa. Algunhas das verdades de fe que confesa a Igrexa cando se celebran exequias dentro da Eucaristía son as seguintes:

  • despois da morte ten lugar o xuízo de Deus

  • a morte do cristián celébrase á luz da Pascua de Cristo

  • a morte cristiá é un paso cara á vida perpetua

  • hai unha comuñón de fe e caridade entre os vivos e os defuntos; en virtude desa comuñón, os vivos podemos axudar cos nosos sufraxios, que purifican; a oración e a Eucaristía son unha axuda que podemos proporcionar desde este mundo.

    A Igrexa profesa a fe en que o amor de Cristo é máis forte cá morte.

    Co motivo das exequias pode haber un certo temor de non ter agradado a Deus, pero non hai ningún sentimento de condena.

    Nas exequias úsase unha linguaxe simbólica que inclúe elementos como os seguintes:

  • oración dos fieis ante o féretro,

  • cruz,

  • procesións á Igrexa e ao sepulcro,

  • canto,

  • silencio,

  • fórmulas rituais eucarísticas,

  • despedida do defunto, que se encomenda á comunidade do ceo,

  • aspersión con auga bendita e incensación do cadáver.

    Isto último non sempre é ben interpretado. Coa aspersión lémbrase que o defunto recibiu o bautismo. E unha das consecuencias disto é que os seus restos mortais son sagrados. E como outros elementos sagrados, recibe incenso.

Viaxe a Turquía. Polos camiños de san Paulo

É unha viaxe organizada pola Diocese de Lugo (Delegación de Santuarios e Peregrinacións) co seguinte programa:

Día 1º / 6 de novembro: LUGO-SANTIAGO-MADRID-ISTAMBUL-ESMIRNA KUSADASI

Día 2º / 7 de novembro: KUSADASI – EFESO

Éfeso, cidade mellor conservada de Asia Menor, residencia de San Paulo durante tres anos. Visita da Vía de Mármore, igrexa do Concilio que proclamou a María como Nai de Deus, o Templo de Adriano, Biblioteca de Celso e o Teatro. Visita da Casa da Virxe onde pasou María os últimos días, e a visita a Basílica de San Xoán. Colonias gregas de Mileto, berce de filósofos, co seu magnífico Teatro, as súas Termas e Dídima (Oráculo de Apolo).

Día 3º / 8 de novembro: KUSADASI – PAMUKKALE

Saída cara a Pamukkale. Visita de Afrodisias co seu Estadio, o Odeón e o Teatro. Continuación da viaxe e chegada a Pamukkale. Visita da rexión, Hierápolis e Pamukkale, coñecida polos seus Castelos de Algodón, impresionante paisaxe de outeiros e estalactitas xigantes. Visita das Termas, a Basílica Cristiá e o Templo de Apolo.

Día 4º / 9 de novembro PAMUKKALE – KONYA

Pásase por Laodicea e por Colosas. Chegada a Konya, cidade Santa para os musulmáns.

Día 5º / 10 de novembro KONYA – CAPADOCIA

En Capadocia, lugar no que florece a Igrexa Cristiá primitiva, lugar de predicación dos Padres Capadocios: San Basilio, San Gregorio de Nisa e San Gregorio Nazianceno. Saída á rexión de Galacia. Visita do Caravanserai de Agzikarhar. Chegada á extensa rexión de máis de 4.000 km cadrados da Anatolia Central coa súa paisaxe lunar e chemineas das fadas. Espectáculo dos derviches danzantes.

Día 6º / 11 de novembro CAPADOCIA – ISTAMBUL

Visita das igrexas rupestres do Val do Góreme, os pobos trogloditas de Urgup, Uchisar co seu castelo natural perforado; Zelva, onde están escavados santuarios e mosteiros. Visita da cidade subterránea de Ozkonak, con dez pisos escavados.

Día 7º / 12 de novembro ISTAMBUL

Visita da cidade onde se celebraron 4 Concilios Ecuménicos. Visita do Hipódromo Romano, columna de Constantino, Columna da Serpe e a Mesquita Azul e o Palacio de Topkapi, antiga residencia de sultáns e hoxe un dos museos máis importantes do mundo. Visita a Santa Sofía e ao Gran Bazar, con máis de 4.000 tendas.

Día 8º/ 13 de novembro ISTAMBUL

Visita ao Bazar das Especias e Mesquita de Rustempasa. Excursión en barco polo Bósforo onde se poden admirar os palacios, as murallas de Constantinopla, as mansións, e as dúas pontes que unen Europa e Asia. Tour do Corno de Ouro. Visita do Museo de Kariye e a Mesquita de Suleyman Magnífico.

Día 9º / 14 de novembro Traslado ao lugar de orixe.

Curso de formación para o profesorado de Relixión

A Sección de Formación do Profesorado de Relixión do Instituto Teolóxico Compostelán convoca a un Curso de formación para Profesorado de Relixión Católica de Galicia. Será os sábados 10 e 24 de novembro de 2012, de 10,00 a 21,00 horas no Salón de Actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Hai prazas para 120 persoas.

Obxectivos previstos:

Reflexionar sobre os fundamentos da fe

Reflexionar sobre a doutrina católica desde a metodoloxía e a didáctica

Profundar nas estratexias de construción de contidos pedagóxico-didácticos

Artellar unha pedagoxía potenciadora da multiculturalidade

Contidos:

Biblia e ERE (Ensino Relixioso Escolar)

Doutrina Católica e ERE

A existencia cristiá e a ERE

O YouCat como ferramenta de traballo na ERE

Relatorios de José Antonio González García (Instº Teolóxico Compostelán), Alfonso Javier Novo-Cid Fuentes (Instº Teolóxico Compostelán) e Mario Vázquez Carballo (USC)

O programa do primeiro día, o 10 de novembro, é o seguinte:

  • 10’00 Acollida e presentación
  • 10’15 Conferencia: Os fundamento da Igrexa Católica I
  • 12’15 Descanso
  • 12’30 Conferencia: Os fundamento da Igrexa Católica II
  • 14’30 Xantar
  • 16’30 Conferencia: As metolodoxías cristiás na aula
  • 18’30 Descanso
  • 19’00 Conferencia: As didácticas cristiás máis efectivas na aula
  • 21’00 Fin da xornada

A fase formativa ten unha valoración de 15 horas e a fase de avaliación 1 hora

Persoas coordinadoras: D. Juan José Capeáns Pazos e D. Enrique Luis Sánchez Arias

Inicio do curso dos Equipos de Nosa Señora

 

Encontro de ENS en Brasilia, ao que foi un grupo de Lugo

Trala apertura do curso pastoral diocesano na Catedral, os matrimonios de Equipos de Nosa Señora iniciaron as actividades do novo curso. Reuníronse os sete equipos do sector de Lugo – Lalín no Seminario.

O enfoque do presente curso está en función do Encontro Internacional de Brasília, celebrado en xullo. Ese encontro tivo como lema Atreverse a vivir o Evanxeo e del saíron as orientacións para os próximos seis anos:

– parellas que se atrevan a ter o corazón pleno do amor de Cristo.

– parellas que se atrevan a acoller e a ocuparse das persoas.

– parellas que se atrevan a saír cada día ao mundo ao servizo da Igrexa.

Por todo iso, os obxectivos que se propoñen neste curso as parellas de Equipos de Nosa Señora son:

* Profundar no sacramento do matrimonio,

* Comprometerse na nova evanxelización.

A %d blogueros les gusta esto: