A ensinanza social da Igrexa é o conxunto de orientacións doctrinais e criterios de acción que teñen a súa fonte na Sagrada Escritura, no ensino dos santos padres e grandes teólogos da Igrexa e no maxisterio.
A Doutrina Social da Igrexa non pode traicionar o espírito evanxélico da pobreza. Por iso, en fidelidade a este espírito, os papas suliñan a necesidade de servir ós pobres: “Na protección dos dereitos individuais haberá que mirar principalmente polos débiles e os pobres (Rerum Novarum 27).
Hoxe, vista a dimensión mundial que adquiriu a cuestión social, este amor preferencial, coas decisións que nos inspira, non pode deixar de abarcar ás inmensas moitedumes de famentos, mendigos, sen teito, sen cuidados médicos e, sobre todo, sen esperanzas dun futuro mellor: non se pode esquecer a existencia desta realidade. Ignoralo sería parecernos ó “rico Epulón” que finxía non coñecer ó mendigo Lázaro postrado á súa porta (cf. Lc. 16, 19-31).
A nosa vida cotiá, así coma as nosas decisións no campo político e económico deben estar marcadas por estas realidades. Igualmente os responsables das nacións e os mesmos organismos internacionais, mentres han de ter sempre presente como prioritaria nos seus plans a verdadeira dimensión humana, non han esquecer dar a precedencia ao fenómeno da crecente pobreza. Por desgraza os pobres lonxe de diminuír multiplícanse non só nos países menos desenvolvidos senón tamén nos máis desenvolvidos, o que resulta non menos escandaloso (Solicitudo Rei Socialis 42).
Isto lévanos a que, mirando a situación mundial hai que entendela desde o hemisferio Sur, desde o 3.° mundo, e combatendo o imperialismo e as súas estructuras, que non son máis ca estructuras de pecado (S.R.S. 36). Loitando, polo tanto, pola reforma do sistema internacional de comercio, a reforma do sistema monetario e financeiro mundial, a cuestión dos intercambios de tecnoloxía e a revisión da estrutura das organizacións internacionais, e isto como manifestación da preocupación acuciante polos pobres e que debe traducirse en accións concretas ata alcanzar decididamente esas reformas necesarias (S.R.S. 43).
O círculo interpretativo que relaciona a situación desde onde se le e cara onde se vai e orientar a lectura, dinos tamén que se a doctrina social debe ser “garantía de autenticidade -para un fillo da Igrexa do seu compromiso nas delicadas e esixentes tarefas sociais e dos seus esforzos en favor da liberación ou da promoción dos seus irmáns” (Xoán Paulo II, Mensaxe en Puebla III, 7), esa doctrina debe ser lida desde un proceso liberador, para ser garantía de ir cara a ese proceso, que é o compromiso en favor da liberación dos seus irmáns.
A Doutrina Social da Igrexa segue sendo a gran ignorada para os cristiáns e a sociedade española. Non se considera que teña que ver coa vida cotiá de cada un e das institucións; séguelle faltando dimensión social á fe dos cristiáns españois en xeral. Noutros moitos casos cúmprese aquelo de Quevedo: “Estou vendo que a han de ler os uns para os outros e ninguén para si.”
A temática da Doutrina Social da Igrexa abarca tódolos eidos do social, pero o núcleo central está formado pola doctrina en tanto afirma un concepto de home e do valor do seu traballo con dereitos derivados del. A persoa solidaria é, pois, o centro da antropoloxía cristiá que xustifica tódalas demais afirmacións. O traballo, como actividade desta persoa solidaria, marca na natureza e na sociedade o selo do seu propio ser e dignidade, e por iso vencella as cousas transformadas polo traballo e as relacións da sociedade un dereito fundamental á apropiación do traballado e ó recoñecemento xurídico por parte dos demais.
Entre os temas da Doutrina Social da Igrexa están a cuestión obreira, loita de clases, traballo-capital, ben común, propiedade privada, estado, democracia, consumismo, imperialismo e 3.° mundo, capitalismo e comunismo, alineación, socialización, ecoloxía (tanto o ambiente natural como o ambiente humano), a solidariedade. Sobre esta última cuestión di Joseph Ratzinger: “A solidariedade é unha esixencia directa da fraternidade humana e sobrenatural. Os graves problemas socio-económicos que hoxe se plantexan non poden ser resoltos se non se crean novos frentes de solidariedade: solidariedade dos pobres entres eles, solidariedade cos pobres á que os ricos son chamados, e solidariedade dos traballadores entre si” (Instrución sobre a liberdade cristiá e a liberación 89).
Extracto dun texto de Antón Negro publicado en Lucensia, 3
Gústame esto:
Gústame Cargando...