Concerto de música relixiosa na Catedral de Lugo

Concerto catedral

O 31 de maio ás 20:30 na Capela do Bo Xesús hai un novo concerto Via Pulchritudinis. Música relixiosa na Catedral de Lugo.

A Schola Gregoriana Lucensis, dirixida por José López Veiga, interpretará temas clásicos. E o Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández Mosquera, temas clásicos e populares. A duración do concerto, presentado por Xulio Xiz Ramil, é de unha hora.

Pregón da Caridade a cargo de Mons. Carlos Amigo no Círculo das Artes

image

Mons. Alfonso Carrasco acompañou ó Cardeal Amigo, xunto co director de Cáritas, Ginés Plaza, e o delegado, Antón Negro

[Escoitar – Baixar o Pregón en formado MP3]

Como dicía o título –A caridade: o mellor pregón para a xustiza- Mons. Carlos Amigo relacionou ambos os dous conceptos: “É importante que a caridade non oculte a xustiza, ao contrario, a caridade é a apoteose da xustiza. Incluso cando a xustiza rematou o seu camiño, a caridade continúa crecendo. Son inseparables”.

Outra vinculación que fixo o cardeal foi entre caridade e misericordia. Esta supón gardar o mellor que un pode ter (xenerosidade, compaixón…) para ofrecelo aos demais.

Referiuse tamén o pregoeiro a Lugo dicindo que “escribiu a súa historia milenaria coa adoración fervorosa e constante da santísima Eucaristía”.

Miguel Ángel Álvarez: O misterio da Santísima Trindade fálanos do amor de Deus

Cada vez que se achega a festa a Santísima Trindade non deixo de acordarme do que me dixo un neno no Seminario mentres estaba a facer os deberes da materia de relixión: “De Deus comprendo todo, até o misterio da Santísima Trindade, o que non acabo de entender é quen creou a Deus”. Evidentemente quedei sen saber que dicir, porque a min, máis ben, pasábame o contrario, e facerllo ver a un neno de 10 anos cunha simple explicación era complicado.

Deus para ser Deus non pode ser creado por ninguén, pola contra xa non sería Deus, sería outra cousa, aínda que a dúbida do neno estaba algo fundada, pois todo o que vemos, sabemos que foi creado por alguén e, entón, tamén é doado pensar que o mesmo Creador foi creado.

E o misterio da Santísima Trindade… aquí a nosa intelixencia queda moi curta. Pensar nun ser, un só Deus e tres persoas, Pai, Fillo e Espírito Santo, fai que o noso cerebro empece a botar fume e acabemos, unha vez máis, abandonándonos nas mans de Deus e confiando nel.

Ler máis

Xornada Interdiocesana sobre o ensino relixioso na escola

Os bispos galegos diríxense aos fieis con motivo da xornada Interdiocesana de sensibilización sobre o Ensino Relixioso e Moral nos centros escolares tanto estatais como de iniciativa social.

No seu escrito afírmase que “a Igrexa que, desde sempre, mostrou gran inquietude pola educación da infancia e a mocidade, non pode nin quere quedar á marxe da preocupación de amplos sectores da nosa sociedade que desexan mellorar as leis educativas. Recoñece que a escola é un medio privilexiado para a formación integral do home despois de que ela é un centro onde se elabora e transmite unha concepción específica do mundo, do home e da historia. Ve, por tanto, na calidade educativa o maior ben para a persoa humana, urxindo o desenvolvemento non só dos aspectos pedagóxicos, científicos ou técnicos senón tamén da formación integral na que non pode esquecerse a dimensión transcendente”. Ver texto completo

A %d blogueros les gusta esto: