Semana Santa

Xesús, o Señor, ensinounos como “partir” o Pan da Mesa para ser “compartido”.

Non nos furtou o seu propio Venres Santo, acompañando e fortalecendo así o sufrimento humano, e iluminándoo co resplandor da súa Resurrección. Non nos priva da “noite escura”, de tantas noites escuras, e si nos acompaña nela e nelas.

Como todas, tamén esta inminente Semana Santa ofrécenos a graza de poder contemplar a Cristo en tantos xestos que nos deixou como sinal da súa vida e da súa entrega, da súa Redención.

Estamos nun percorrido por un camiño de transfiguración persoal e eclesial mediante a escoita daquel que nos fala; de austeridade, sabendo renunciar ao superfluo e utilizando ben os bens necesarios; de compartir o mellor de nós mesmos e xaxuando de todo aquilo que nos distancia e enfronta.

Celebremos esta Semana Grande da nosa fe participando nos oficios propios da Semana Santa, e vivenciando unha vez máis o gozo do Resucitado na celebración da Vixilia Pascual e do Domingo de Resurrección.

Parroquia do Bo Pastor, Lugo

Palabra de Deus

O home é un ser social. O medio principal de vivir a súa sociabilidade é a palabra. Dela sérvese principalmente para relacionarse con Deus, cos demais concidadáns e, en certo sentido, tamén co cosmos. A Igrexa dános normas de comportamento para regular as nosas relacións, servíndose dos documentos conciliares do Vaticano ll. Estes documentos conciliares son as constitucións, os decretos e as declaracións conciliares. Así o fai a Igrexa, partindo do feito de que Deus falou aos homes a través das tres divinas persoas: falou o Pai, valéndose dos profetas no Antigo Testamento; falou o Fillo facéndose home e habitando entre nós no Novo Testamento. Así nolo lembra San Xoán no prólogo do seu Evanxeo: “A Palabra fíxose home e habitou entre nós “, e fálanos agora polo ministerio da Igrexa, continuadora da misión do propio Xesucristo, por medio do cal, a revelación chegou ao seu cume, e continúa agora pola acción do Espírito Santo.

A Palabra de Deus ten unha dimensión trinitaria e ao mesmo tempo, dialogal: quere ser escoitada e correspondida. Deus sempre mantivo un diálogo de amor co home. Deus sempre tivo unha relación de correspondencia e de compracencia, á vez que de benevolencia co home. Deus non necesitaba nada de nós, pero comprácese cos homes. O home ten unha gran dignidade para Deus, tanto no humano como no sobrenatural, e comprácese en nós facéndose o noso xeneroso benevolente. Toda a súa benevolencia está saturada de amor. Todo o que fai Deus, faino por amor e con xeneroso amor, demostrando así a súa inmensa benevolencia connosco. A este comportamento chamámoslle Xesucristo, o “Logo de Deus “, non só pola súa palabra, senón tamén pola súa vida e a súa obra. Xesucristo é a palabra de Deus. Desde a Encarnación de Xesús, Deus xa non ten nada novo que dicirnos. El é a palabra definitiva do Pai. Con todo, a vontade de Deus hoxe chéganos polo ministerio da Igrexa. O que ensina a Igrexa en materia de fe e costumes, son materia indiscutible para os cristiáns. Non aceptalas é un fallo no campo doctrinal. Neste sentido hai que dicir que a palabra de Deus lévanos tamén por medio dos homes: os profetas e a Igrexa, co seu ministerio, son unha mediación descendente, da que Deus se vale para comunicarnos os seus divinos designios aquí e agora.

Está claro que a Palabra de Deus é un acontecemento trinitario e é tamén un acontecemento antropolóxico. Chéganos a través de Xesucristo, Deus e home, e a través da Igrexa para que os homes cheguemos a coñecer a vontade de Deus e cumpríndoa, cheguemos a ser felices. Nós podemos quitar moitas cousas da nosa vida, pero nunca poderemos deixar de lado a divina vontade. Deus creounos para ser felices, e canto máis rica e íntima sexa a nosa relación con Deus, máis intenso será o noso acceso á felicidade e á vida comunitaria cos nosos irmáns.

Necesitamos ser testemuñas da palabra de Deus ante as nosas comunidades. Non abonda falar de Deus dunha maneira memorística, senón testemuñal. Necesitamos da escoita da palabra de Deus. Necesitamos o estudo meditativo da palabra de Deus. Hoxe só se nos cre o que dicimos, se vivimos o que predicamos. Hoxe a evanxelización non é teoría bíblica, senón testemuño evanxélico.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

Alejandro Asorey fala da procesión do Santo Encontro en Taboada

Miguel Ángel Álvarez fíxolle unha entrevista a Alejandro Asorey sobre a Semana Santa en Taboada para o programa de Cope Lugo “El Espejo de la Iglesia” (31 / 03 / 2023) e transcríbese aquí:

– Esta semana estiveches en Sevilla

– Si, fomos tres persoas a buscar unha imaxe de Xesús Nazareno. En Taboada fai algo máis dun mes, un grupo de persoas creamos a Confraría do Santo Encontro e decidimos comprar unha imaxe. Atopamos un escultor en Sevilla, encargámoslle a imaxe e fomos a buscala.

– Foi doado o proceso de encargala nun mes?

– O escultor díxonos que era pouco tempo, pero pedímoslle por favor que desexabamos saír en procesión xa este ano. O día que recolliamos a imaxe en Sevilla pensabamos saír dalí pola mañá pero tivemos que saír pola tarde, para que estivese definitivamente rematada a escultura.

– Como xorde a idea de fundar unha confraría?

– A min sempre me encantaron as procesións de Semana Santa. Son unha forma de atraer á xente a Deus e á Igrexa. Nun grupo de persoas da parroquia deixei caer a idea da confraría e pareceulles estupenda, animámonos e temos moita ilusión en procesionar esta Semana Santa.

– Como se afrontan os gastos da imaxe e da confraría para empezar a funcionar todo?

– Para comezar algo como isto, os gastos son moitos. Para poder encargar a Os membros da directiva puxemos a metade do custo da imaxe, como un préstamo á confraría. Despois, coas cotas de 20 € dos confrades, que estamos chegando aos douscentos membros. Tamén houbo axudas de particulares e do Concello.

– Como vai ser a primeira procesión?

– Sairemos na noite do Venres Santo coa imaxe de Xesús Nazareno. Como non tiñamos imaxe da Virxe Dolorosa, a parroquia de San Martiño prestounos a imaxe da súa patroa para procesionar. Porque a confraría non é só da parroquia de Taboada, senón que todo o concello formase parte.

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova interpreta “Stabat Mater” de Haydn

O  sábado 1 de abril ás 18:30 h na Catedral a Xove Orquestra de Lugo Terra Nova interpretará “Stabat Mater” de F. J. Haydn e o domingo 2 de abril na igrexa de San Pedro de Lugo ás 20 h. A dirección musical corre a cargo de Nicolás Ravelli Barreiro. Ademais de membros do Coro Xove de Lugo, tamén intervirán membros do Coro Colexio Fingoi, Cantar Delas, Sólo Voces e Coro do Hospital de Lugo.  Actuarán 3 sopranos solistas: Paloma Suanzes, Elsa Roldán e Emilia Pérez, dúas MezzoSopranos: Carolina Bardas e Andrea Rey Gil e como voces solistas masculinas: Luis Barrios, Lucas López e Pablo Nieves

Centenario da morte de Javier Vales Faílde, destacado eclesiástico

Francisco Javier Manuel Andrés Vales Faílde naceu no ano 1872 en san Salvador de Camba (Rodeiro) e faleceu hai 100 anos, o 30 de marzo de 1923.

Estuda Teoloxía en Tui e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, este sacerdote, avogado e sociólogo, foi o confesor de Alfonso XIII e da raíña Victoria Eugenia, preceptor do príncipe de Asturias e as infantas, académico e conferenciante. Escribiu unha das primeiras biografías de Rosalía de Castro.

Foi vicario xeral de Madrid, onde dirixe a revista Galicia xunto a Basilio Álvarez e Manuel Vidal Rodríguez. Tamén colabora na Revista Social e noutros xornais católicos galegos. Foi membro da Academia de Ciencias Morais e Políticas, Correspondente da Real Academia da Historia e Vicepresidente da Real Academia de Xurisprudencia. Foi provisor, xuíz eclesiástico, auditor del Tribunal Supremo de la Rota.

Algunhas obras escritas por Javier Vales. Biblioteca do Seminario de Lugo
A %d blogueros les gusta esto: