Carmen Pellicer: trazos fundamentais dun educador católico

O 13 de maio tivo lugar o XI Congreso de Educadores Católicos baixo o título “Identidade do educador católico”. A relatora foi a Presidenta da Fundación Trilema Carmen Pellicer, que na primeira das súas dúas intervencións partiu do Evanxeo e identificou 4 trazos que están na esencia de ser ensinante católico:

Discernimento

“Unha das cousas máis importantes que ten un mestre é ser capaz de mirar ao neno e entender e anticipar que é o que está a pasar no seu ser. E como o podo adiantar para axudalo e acompañalo a crecer até o máis do seu desenvolvemento, como podo empeñar a miña vida”.

Xenerosidade

“Non necesariamente hai que identificar o compromiso coas horas e as actividades que fago. Hai algo moito máis profundo. A xenerosidade é unha actitude vital que fai que non tires a toalla por ninguén. A xenerosidade ten moito de implicación persoal e hoxe esixe de nós vivir sen segredos e facer unha referencia explícita á nosa fe como motivación das accións que levamos a cabo”.

Agarimo

“Non se aprende nos cursos, apréndese na oración. Se non rezas polos alumnos, non serves. Sinto ser tan tallante, pero hai clases impecables, que non teñen alma, que non teñen vida. O agarimo ten un compoñente emocional, evidentemente, de apego, pero ten un compoñente ético de compromiso e un compoñente comportamental de paciencia na estancia, de permanecer”.

Humildade e mansedume

“Entendo por mansedume a capacidade de pensar que o meu embigo non é a medida de todas as cousas. É dicir, eu non son a medida de todas as cousas. Teño que aceptar e teño que ser e vivir o ser necesitado dos outros. E iso lévanos tamén a que non temos todas as respostas. Eu creo que hai que ser moi humilde na escola porque cada vez as cousas son moito máis complexas e necesitas dos demais”.

13 de maio, Día da Unión Mundial das Organizacións Femininas Católicas (UMOFC)

Este ano conmemorarase de maneira especial, pois o 13 de maio as mulleres da UMOFC están convidadas a unha audiencia privada co Papa Francisco, que se dirixirá a elas cunha mensaxe que escoitarán persoalmente e despois transmitirán a todas as mulleres católicas do mundo.

13 de maio, Día Mundial do Comercio Xusto

Baixo o lema “Séntalle ben a todo ao mundo”, Cáritas únese á celebración do Día Mundial do Comercio Xusto e chama a atención dos consumidores ante as condicións abusivas de traballo, a explotación infantil ou a destrución de bosques que, en moitos casos, escóndense detrás de produtos como o café, o cacao, o azucre, o té ou a roupa.

A través da súa Rede de Comercio Xusto, na que participan 24 Cáritas Diocesanas, Cáritas está a contribuír á transformación deste modelo inxusto de comercio que dana ás persoas e o planeta.

A celebración do Día Mundial do Comercio Xusto está promovida España pola Coordinadora Estatal de Comercio Xusto (CECJ) da que Cáritas forma parte.

Elena Roquier, autora do libro “Santiago Apóstol El Mayor”

María Elena Roquier no acto da presentación do libro

A escritora e escultora arxentina María Elena Roquier inicia o 11 de maio en Lugo o Camiño de Santiago. O día anterior presentou a súa obra Santiago Apóstolo El Mayor e antes do acto respondeu a algunhas cuestións.

– Como xurdiu a idea de escribir sobre o Apóstolo Santiago?

– Uunha amiga que vive en Córdoba (Arxentina) fixo como catro ou cinco veces o Camiño de Santiago e contábame moitas historias sobre a súa experiencia nese peregrinar. Logo xurdiu un intercambio con Xavier Eguiguren: eu enviáballe unha novela miña, el enviábame unha obra súa, e unha que considero moi interesante del  é a titulada 730.000 Pasos sobre os Camiños de Santiago. Vin a necesidade de comezar a buscar material sobre o Apóstolo Santiago e chegou un momento en que dixen “eu teño que escribir sobre este santo”. Cando tiven unha cantidade de información que me pareceu que era a que me servía realmente para imaxinarme ao Apóstolo evanxelizando, falando coa xente, foi cando xa me puxen a escribir, en plena pandemia.

– Que personaxes aparecen na obra, ademais do Apóstolo?

– Recorrín á Biblia e tamén inventei algúns personaxes, deilles vida. Hai unha nena que é un personaxe moi particular: está ao comezo, no centro da novela e tamén ao final. E van xurdindo outras persoas que o Apóstolo se vai atopando no camiño e que lle fan lembrar a Xesús e o que aprendeu del. Xesús brindoulle dons para que chegase el á situación á que chegou, que dixo agora si beberei o cáliz que Ti bebiches e que eu non entendín no seu momento. Foi cando decapitaron a Santiago.

– A que público vai dirixida o libro?

– Persoas que xa o leron consideran que pola linguaxe e outras características desta novela, está moi dirixida aos nenos. Por suposto que para os adultos tamén.

Celebracións na honra da Virxe de Fátima

A Parroquia do Sagrado Corazón (Estación) de Monforte de Lemos está a celebrar a Novena da honra da Virxe de Fátima a partir das 18:45 h (Santo Rosario, Novena e Santa Misa). O domingo 14 na Misa das 19:30 h haberá celebración comunitaria da unción de enfermos.

O sábado 13 de maio ás 11h celébrase a Eucaristía, e poderá recibirse a Santa Unción, na Parroquia de San Pedro (Lugo). Desde o día 5 está celebrándose a Novena na honra da Nosa Señora de Fátima, que comeza cada día ás 18:30 h co Rosario, para seguir coa Novena e a Eucaristía.

A %d blogueros les gusta esto: