Actividade de interpretación do patrimonio na Catedral

O sábado 17 de xuño, na Catedral de Lugo desde as 10 h até as 14 h, organízase unha procura de iconografía eucarística. As persoas que desexen participar nesta actividade recibirán un documento no que se lles propón buscar e atopar seis imaxes vinculadas ao Santísimo Sacramento que están na Catedral como, por exemplo, a custodia de Diego Castejón y Fonseca, a primeira custodia onde estivo exposto o Santísimo Sacramento ou ese primeiro lugar onde estaba exposto o Santísimo no antigo retablo da Capela Maior.

A idea principal desta actividade é que os visitantes tomen conciencia da tradición eucarística lucense, nunha data tan destacada como é a previa á Ofrenda do Reino de Galicia (celebrarase o domingo, 18 de xuño, ás 11 h). Todo na Catedral de Lugo fálanos do Santísimo Sacramento e do seu culto, e isto vese reflectido, tamén, nos distintos soportes da arte.

A Catedral e o Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo culminan así as actividades de interpretación do patrimonio vinculadas ao Corpus Christi

Culmina a IX edición do Festival de órgano do Corpus Christi

O venres 16 de xuño ás 21 h na Catedral conclúe a IX edición do Festival Organístico do Corpus Christi, que organizan Lucense Eucharisticum Centrum e a Diocese de Lugo.

Este concerto final desenvólvese baixo o título Tesouros do Arquivo da Catedral cos seguintes intérpretes:

Mateusz Rzewuski, organista polaco que ten actuado en 22 países europeos, EEUU, Australia, Nova Zelandia, Corea do Sur, Hong Kong. Na última década iniciou varios festivais musicais.

Solo Voces, dirixido por Fernando Gómez-Jácome, é un grupo vocal ben coñecido do Festival de órgano do Corpus Christi.

[Programa]

Deus está aquí

Mes de xuño, mes da eucaristía coa celebración de Corpus, e en Lugo ampliado e festexado especialmente na Oitava desa festa.

Son días especiais para todos os lucenses. Mostremos o noso amor e adoración a este sacramento, a Cristo presente realmente na Sagrada Forma que contemplamos, adoramos e amamos.

Lembrábanos Benedito XVI, nunha alocución falando sobre a eucaristía, contemplamos, adoramos e amamos a Aquel que durante a cea pascual, entregou o seu Corpo e o seu Sangue aos seus discípulos para estar con eles “todos os días, até o fin do mundo”.

Adoramos a Aquel que está ao comezo e ao final da nosa fe, sen o que non seriamos nada, sen o que non existiría nada, nada, absolutamente nada. Aquel por medio de quen se fixo todo; Aquel por quen fomos creados para a eternidade; Aquel que nos deu o seu propio Corpo e o seu propio Sangue. El está aquí, ante nós ofrecéndose ás nosas miradas.

E amámolo. E buscamos amar aínda máis xa que está aberto ás nosas preguntas, ao noso amor, sendo o Sacramento vivo e eficaz da presenza eterna do Salvador dos homes na súa Igrexa.

Se Cristo permanece en nós de que temos necesidade? Que nos falta? Se permanecemos en Cristo, que máis podemos desexar? É o noso hóspede e a nosa morada. Ditosos nós que estamos na súa casa! Que gozo ser nós mesmos a morada de tal hóspede! San Pierre- Julien Eymard

Convídovos, e rogo, a que non faltemos o domingo da Oitava (18 de xuño) á celebración da Ofrenda ao Santísimo Sacramento do Reino de Galicia. Sexamos apóstolos da adoración. Lembremos o que nos ensinou Benedito XVI: A Adoración non é un luxo, senón unha prioridade.

Xa que orar de día e de noite é necesario para que todos podamos vivir a profunda vocación á santidade.

Daniel García

Párroco de S. Lourenzo de Albeiros e S. Xosé das Gándaras

[Artículo en castellano]

Recta final do Festival de órgano do Corpus Christi

O luns 12 xuño o organista Norbert Itrich e o trompetista Benjamín Blanes Jover (na imaxe) deron un concerto na Catedral. O martes 13 xuño ás 21 h na igrexa de San Pedro Concentus Angelorum (2 violíns e 1 violonchelo),  Concentus Lucensis e o organista Nicolás Varela interpretan Membra Jesu nostri patientis sanctissima, obra mestra da música vocal de Dietrich Buxtehude (1637-1767). Para seguir este concerto, dirixido por Giulio Mercati, pode consultarse o texto que se canta no programa.

Finalmente o venres 16 xuño ás 21 h na Catedral de Santa María conclúe o Festival coa xornada “Tesouros do Arquivo da Catedral” e os intérpretes serán Mateusz Rzewuski (órgano) e o Grupo Vocal Solo Voces.

Terceiro concerto do Festival de órgano do Corpus Christi

O luns 12 de xuño na Catedral de Santa María ten lugar o terceiro concerto do Festival internacional de órgano do Corpus Christi. Baixo o título The trumpet shall sound o organista Norbert Itrich e o trompetista Benjamín Blanes Jover interpretarán obras de Albinoni, Jan Pieterszoon Sweelinck, Gottfried Heinrich Stölzel, Léon Boëllmann e Bach – Vivaldi (Concerto en Re maior, BWV 972).

[Ver programa e información sobre os intérpretes]
A %d blogueros les gusta esto: