Exposición “Os camiños de Elías Valiña”

Desde o día 20 de xullo a igrexa de Santa María a Real do Cebreiro acolle a exposición multimedia “Os camiños de Elías Valiña” que presenta a ruta xacobea a través da ollada de Don Elías Valiña.

En palabras do comisario da exposición, Aser Álvarez, “esta motra lévanos dende Santa María do Cebreiro, a igrexa na que Valiña foi cura durante 30 anos, até Compostela, a meta dos Camiños, nun diálogo entre o pasado, o presente e o futuro, que facemos con motivo do 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade”

Ademáis do legado fotográfico e documental do cura do Cebreiro, en parte inédito, sumáronse fotos de Aser Álvarez, Naiara Esparís, Mercedes Vázquez, Fr Francisco Castro.

A mostra estará no Cebreiro ata o 15 de agosto e durante o resto do ano viaxará por diversas localidades de Galicia. Primeiro verase no Camiño Francés, concretamente en Sarria e Arzúa, rematando no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

Uns 100 mozos da Diocese de Lugo participarán na Xornada Mundial da Mocidade de Lisboa

O venres 21 de xullo ás 20 h. na Catedral, o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, presidirá a Eucaristía de Envío de todos os peregrinos da Diocese que acudirán á Xornada Mundial da Mocidade.

O grupo da Diocese de Lugo, acompañado polo Bispo da diocese, Mons. Alfonso Carrasco, está formado por peregrinos con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos, procedentes do Colexio Diocesano San Lorenzo-Seminario Menor de Lugo, Parroquias de Chantada e Taboada, Parroquia Nosa Señora das Dores de Lalín, Parroquia A Nosa Señora do Rosario de Sarria, Parroquia Santa Baia de Losón, Parroquias de Castroverde, Parroquia de Santiago A Nova e San Antonio de Padua de Lugo e Camiño Neocatecumenal. Acompáñaos, tamén, un grupo de 18 peregrinos do Colexio Divina Pastora-Salesianos de Lugo.

A centena de mozos estará acompañada de 14 responsables, dos cales 7 son sacerdotes, que se encargarán da organización e do desenvolvemento da peregrinación.

A Xornada Mundial da Mocidade, que se celebra do 31 de xullo ao 6 de agosto, é un encontro de mozos de todo o mundo que se reúnen co papa Francisco para celebrar a súa fe en Xesucristo. É ademais unha peregrinación, unha festa da mocidade, unha expresión da Igrexa universal e un momento forte de evanxelización do mundo xuvenil.

Nutrición da vida cristiá

Nestes tempos e nos nosos pobos quedan moitos pais de familia que se comportan como colaboradores de Deus na formación dun mundo máis humano e máis cristián. E conscientes de que a sociedade do mañá será o que sexan os homes de hoxe, educan aos seus fillos para que eses homes do mañá sexan membros útiles na construción dunha sociedade máis fraterna e dunha Igrexa máis santa.

Esta foi a nosa sorte. No colo das nosas nais aprendemos a rezar ao Señor e a respectar aos nosos semellantes. Na persoa do noso pai reflectiuse a imaxe dun bo cristián e espertouse en nós o desexo de imitalo.

Grazas a Deus e aos nosos pais, nós somos crentes e a nosa parroquia é cristiá. Que non rompa a cadea!.

A educación dos fillos debe ser integral: humana e cristiá.

No humano os pais han de procurar que os seus fillos crezan sans, cultos e responsables; e na orde espiritual, cóidense de que abunde neles os valores cristiáns. Así como a nosa saúde require alimento, abrigo, ensino, etc., tamén a nosa vida cristiá necesita nutrirse de alimentos espirituais. Necesitamos da palabra de Deus para coñecer cal é o proxecto do Señor para os cristiáns. Necesitamos frecuentar os sacramentos e recibilos ben dispostos para que nos fagan fortes ante as tentacións. Necesitamos participar na Santa Misa, polo menos os domingos, porque na Eucaristía, Cristo ofrécesenos como Pan de Vida. Necesitamos coidar a vida de piedade porque o mellor xardín, se non se coida, convértese nunha ortigueira.

A práctica da vida cristiá é garantía de paz de conciencia nesta vida e presaxio de gloria para a eternidade. Pero a educación cristiá dos fillos é dobremente vantaxosa: vantaxosa para eles que os fará socialmente apreciados polos seus concidadáns no presente e cidadáns do Ceo para o futuro. E vantaxoso para os pais no presente, porque os fillos, así educados, serán moi respectuosos cos seus maiores: amaranos; coidaranos cariñosamente; faranos felices na súa ancianidade; desculparán as súas carencias; lembrarán con agradecemento todo o ben que recibiron, e regarán con bágoas do corazón a tumba dos seus pais ao despedilos deste mundo.

Ditosos fillos que tiveron tan bos pais e pais que teñen tan cariñosos fillos!

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

 

Horario de agosto no Bispado

Durante o mes de agosto este será o horario:
– O horario de atención ao público na curia diocesana será de 10 a 13.30 h.
– O Arquivo Diocesano permanecerá pechado
– Non se tramitarán no momento expedientes matrimoniais, certificacións de bautismo para legalizar, solicitudes de cambio de titularidade de sepulturas. Recóllese a documentación e, unha vez cumprimentada e axiña que sexa posible, enviaranse por correo postal ás parroquias.

Campamento Urbano XXIX organizado por Cáritas

O Programa de Atención á Infancia de Cáritas, coordinado por Ana María Veiga González, organizou durante as dúas primeiras semanas de xullo o Campamento Urbano XXIX, no  que participaron 30 nenos de idades comprendidas entre 8 e 14 anos.

Este ano o centro de interese foi: “Exploradores arredor do mundo”, no que se pretendeu concienciar aos nenos sobre os problemas ambientais e as posibles solucións.

Da man das exploradoras, Anastasia e Filiberta “percorreron” distintas partes do mundo e tratáronse temas como as enerxías renovables, a diversidade da flora e fauna, contaminación, desxeo e quecemento global, consumismo e deforestación.

Realizáronse actividades como obradoiros (decoupage, coches, herbolario, polos…), xogos (orientación, concurso enerxético, xogo da reciclaxe, xogo da contaminación, lingua de signos), excursións e visitas (visita á Granxa de Xanceda, praia de Area – Viveiro, piscina municipal, Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo)

A realización deste Campamento Urbano foi posible grazas ao traballo realizado polo equipo de 10 monitores voluntarios do Programa de Atención á Infancia, implicados cada ano para que o Campamento sexa todo un éxito.

A %d blogueros les gusta esto: