Fieis Defuntos

O xoves 2 de novembro é o día da Conmemoración de todos os Fieis Defuntos. A Igrexa ten a convicción de que está en comuñón cos defuntos; que se expresa neste día sobre todo, coa participación e ofrecemento da Eucaristía; aínda que pode expresarse tamén en oracións, esmolas, obras de penitencia e indulxencias. Aos fieis que visiten devotamente o cemiterio ou oren só mentalmente polos defuntos concédeselles a indulxencia plenaria en cada un dos días do 1 ao 8 de novembro.

Ás 17 h no cemiterio de San Froilán, celébrase a Eucaristía presidida polo Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

Solemnidade de Todos os Santos

A celebración de Todos os Santos, lémbranos a unha multitude de santos e santas, xente corrente como nós que viviron de maneira sinxela pero que comunicaron paz, que foron auténticos, compasivos, solidarios, que entregaron a súa vida xenerosamente e que participan dunha vida plena. É unha festa de esperanza e de alegría xa que hai moito ben no mundo se sabemos descubrilo. Os santos demóstrannos que seguir a Xesús é posible aínda que tiveron defectos, cometeron pecados, non eran perfectos.

Tamén lembramos nesta festa a unha multitude de santos anónimos sen coroa e sen altar. Como di o Papa Francisco: “os santos da porta do lado”. É dicir, santos anónimos, que coas súas boas obras, ben intencionadas, poden transformar a súa contorna, facela máis cristiá, máis humana.

Na festa de Todos os Santos, podemos dicir de corazón:

Señor, fai crecer en nós o desexo de vivir o espírito das Benaventuranzas: a alegría, a paz, a misericordia e a felicidade de atoparnos contigo e de saír ao encontro dos outros!

Parroquia do Bo Pastor, Lugo

Xornada sobre a restauración do retablo maior da igrexa de Santa María de Bolmente, Sober

Na igrexa de Santa María de Bolmente, en Sober o martes 31 de outubro, ás 17:30 h, cóntase coa presenza da restauradora Dolores Lago Arce e tamén coa historiadora local Saleta López Vázquez, para falar sobre a restauración que se levou a cabo do retablo maior da igrexa parroquial.

Saleta López contará a historia que atopou nos libros sobre o retablo de Bolmente, sobre o seu autor, e sobre a súa construción. E por outro lado, a restauradora María Dolores Lago, falará de como se realizan os procesos de restauración, os pasos importantes, e cales son os criterios de conservación á hora de afrontar unha tarefa en patrimonio histórico artístico.

É un acto que organiza a Parroquia en colaboración co Departamento de Patrimonio Histórico Artístico da diocese de Lugo.

A restauración promoveuna o párroco, Ramón Piñeiro, e foi financiada polos fregueses de Bolmente.

Este tipo de actos realizánse por segundo ano consecutivo, enmarcados nas Xornadas europeas de patrimonio. Unas xornadas creadas polo Consello de Europa, que se centran na difusión, e sobre todo no contacto entre a sociedade civil e os propietarios ou os encargados da custodia efectiva da protección do patrimonio. Trátase de promover a idea de que o patrimonio é unha peza fundamental da nosa sociedade.

Curso bíblico 2023-24

O tema do curso 2023-2024 que organiza o Movemento Bíblico de Lugo será: Introdución ao Antigo Testamento. AS GRANDES EXPERIENCIAS RELIXIOSAS DO ANTIGO ISRAEL. En oito sesións adquírense coñecementos básicos da Biblia, achegándose ás grandes experiencias relixiosas do pobo de Israel e ás súas diferentes tradicións literarias.

A presentación do curso será o mércores 25 de outubro ás 5 da tarde nas aulas de teoloxía do Seminario.

Os interesados poden elixir a forma de participar presencial, en liña ou mixta.

Os encontros presenciais serán nas aulas do Seminario os mércores penúltimo ou último de cada mes, de 17: 00 a 18: 30 h. O encontro presencial será unha plataforma de diálogo e traballo colaborativo, profundizando na realidade comunitaria da Palabra de Deus, a escoita compartida, a comunicación de experiencias, o estudo de textos, debates.

As persoas que non teñan posibilidade de acercarse aos encontros no Seminario farán o estudo a través de Moodle e seguirán o encontro en liña.

Aqueles que fagan o curso a través de Moodle e tamén poidan acercase aos encontros seguirán o modelo de participación mixto.

Preténdese favorecer unha aprendizaxe personalizada, segundo os intereses do alumno, que será autónomo, consciente da súa propia aprendizaxe.

Ventres de aluguer???

É necesario afrontar os feitos con datos contrastables da realidade e actitudes humanistas coa finalidade de ser responsables nas cuestións relevantes para o desenvolvemento da persoa humana.

No artigo anterior, Memoria Corporal (4-VI-23), facía especial referencia ao paso de “células nai” da iniciada nova vida cara ao corpo da nai dende polo menos a segunda semana de embarazo, onde permanecerán anos ou toda a vida. Tamén do corpo da nai pasan células ao fillo que leva no seu seo. Polo que o que algúns chaman “ventres de aluguer” é máis ca iso, polo que engadiría:

-Ademais do intercambio de células entre a nai e o fillo/a hai unha relación biolóxica constante na que a nai lle dá o alimento necesario para o seu crecemento e unha protección contra posibles agresións de enfermidades, golpes… e unha temperatura estable contra as alteracións medioambientais.

-Tamén hai relacións por intercambios e comunicacións debido a impulsos nerviosos, sensacións, estímulos, medos, dores, ledicias, gozos…

-O fillo coñece e memoriza os latexos do corazón da nai: xa nos anos 70 se publicaba que, se a un recén nacido choroso, lle poñían unha gravación cos latexos do corazón da nai tal como soaban no seu útero, na maioría dos casos cesaba o choro. Tamén se sabe que recoñecen á nai polo cheiro.

-Igualmente é coñecido que os bebés coñecen e recoñecen as melodías que súa nai cantaba durante o embarazo e coñecen a súa voz, é máis, os pediatras dinlles aos pais con bo criterio que lle falen ao fillo a través da barriga da nai para que se vaia acostumando á súa voz.

Con todo isto non só falamos de intercambios biolóxicos, senón tamén de intercambios e comunicacións sociais, culturais e espirituais, é dicir, mesmo de amor, polo que isto non pode ser un ventre de aluguer, senón que se trata dunha maternidade e dunha educación socializadora.

Así que, no chamado “ventre de aluguer” toda esa relación humana córtase de forma abrupta e violenta, non polos avatares imprevistos da vida, senón polo que se di en linguaxe xudicial con “premeditación e aleivosía”. Así dúas persoas, nai e fillo/a, quedan con feridas profundas que obstaculizarán a súa capacidade de amar, que as pode levar a pecharse sobre si mesmas dificultando gravemente a relación cos semellantes por medo ao encontro con un ti na amizade e no amor.

Pero é posible saír desa cerrazón ao amor como lembra o libro da Apocalipse 3,20: “Mira que hai tempo que estou a petar na túa porta. Se alguén escoita a miña voz e abre a porta, eu entraría cabo del e cearía con el e el comigo”. Para que esas persoas así agredidas se abran ao amor viralles moi ben o acompañamento doutras persoas que lles faciliten con paciencia o achegamento ao Deus Comunidade de Amor que cure totalmente as súas feridas e os rexenere para amar e ser amados.

Aínda que a lei do capitalismo é congruente con legalizar os “ventres de aluguer”, pois o que ten cartos ten dereito a mercar ou alugar o que lle apetece, mesmo presionando de diversas maneiras para que iso aconteza como xa sucede nalgún país, entendo que debido á tradición cristiá de séculos en España non se permitirá que se faga con ese nome, senón é por ética ao menos será por estética. Supoño que se intentará camuflar cun nome que o faga aceptable como podería ser “xestación subrogada ALTRUÍSTA”, ou outro nome parecido.

Pode alguén aceptar que sexa altruísta, cando non a asumen raíñas, infantas, ministras, catedráticas, profesionais triunfadoras (deportistas, modelos, cantantes…), ricas… ou hai que aceptar que estas persoas nunca son altruístas?

Se as que se someten a ser “ventres de aluguer” son mulleres pobres, paradas, en situacións de “vulnerabilidade”… hai que concluír que iso é unha explotación, unha escravitude. As persoas non poden nunca ser mercancías a comprar, vender, alugar… iso non o permite o mínimo sentido humanitario! Con todo, penso que na nosa sociedade non permitiremos esa explotación.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: