Peregrinos a Lourdes

“Eu recomendo que a única expectativa sexa ver á Virxe, convivir cos demais e deixarse levar. Poñerse nas mans de María e dicirlle “aquí estou”; a partir de aquí sácase unha experiencia interesante”

“Estiven moi a gusto desde o primeiro momento. E o que máis me gustou foi, cando ía a Lourdes, esa sensación de ir visitar á Virxe á súa casa, porque eu creo que Santuario de Lourdes é unha das moitas casas que ten a Virxe polo mundo.

Marien Pérez Casanova

 

 

“Desde que teño 16 anos, peregrino con moita frecuencia ao santuario de Nosa Señora de Lourdes. É precioso poder ver como a mocidade coida dos enfermos, como estes acoden á Virxe vendo que nela teñen un socorro, un amparo. É unha experiencia singular.

“Considero que a experiencia en Lourdes cambia a calquera persoa. Por iso, neste ano especial no que se lembran as palabras da Virxe de ir “en procesión”, quero invitar a todos os fregueses e diocesanos de Lugo a experimentar os coidados da nosa Nai do ceo”.

Carlos Presas

 

 

 

“A peregrinación a Lourdes paréceme unha oportunidade para desconectar e pedirlle axuda á nosa Nai con todo aquilo que nos preocupa. Ela ten gardada para cada un de nós unha sorpresa que non podemos deixar polo que, se aínda dubidas, esta é a túa oportunidade.

“O tema que se nos presenta este ano reflicte o camiño que facemos todos xuntos en comunidade cara ao ceo, ao carón de María”.

Uxía (Chantada)

A Hospitalidade de Lourdes peregrina ao santuario francés do 1 ao 5 de xullo. Os interesados acudirán á Parroquia ou ao responsable de zona.

[Testemuños completos e outros máis]

Xubileu da Adoración Nocturna no Corpiño

O domingo 28 de abril terá lugar o Xubileu da Adoración Nocturna no Santuario do Corpiño, co seguinte horario:

11:00 Saída do Santuario até a igrexa de San Pedro

11:30 Visita da igrexa de San Pedro e inicio do Camiño dos Pastorciños rezando o Santo Rosario

11:50 Chegada á carballeira do Santuario, bendición do peregrino e entrada pola Porta Santa

12:00 Santa Misa cantada polo Coro A Nosa Señora do Corpiño

Nova edición da Biblia en galego

É motivo de ledicia dar noticia da aparición da cuarta edición da Biblia traducida á lingua galega partindo das orixinais: hebreo, arameo e grego. Esgotada a edición anterior, non podíamos permanecer indiferentes ante o baldeiro existente e as necesidades das moitas peticións que xurdían directamente do pobo galego e de diversos grupos e institucións.

Esta nova edición, presentada xa na Diocese de Lugo, non soamente é unha aportación pedagóxica e necesaria para a investigación senón que, sobre todo, ofrece unha nova revisión lingüística dos textos adaptados á normativa actual do galego. Un equipo de filólogas e filólogos convocados pola editorial SEPT, e co apoio da Xunta de Galicia, traballaron con esmero e xenerosidade. É de recoñecer tamén a valiosa aportación do biblista Xosé Fernández Lago quen supervisou esta nova edición e o profesor da Diocese lucense Xosé Antonio Salgado Agromartín, quen traduciu o Libro de Daniel.

O beneplácito dos Bispos das Dioceses da Provincia Eclesiástica Compostelá en Galicia, representados polo arcebispo emérito D. Xulián Barrio, contribuiu a significar a relevancia deste feito no campo relixioso do cristianismo e da cultura universal.

Importantes razóns xustifican esta publicación: 1) a cooperación co movemento de implantación da liturxia na nosa lingua que coa publicación do novo Misal, ano MMXXIII, (cuxa reedición actualizada foi aprobada recentemente polos bispos das dioceses de lingua galega e confirmada pola congregación do culto divino) e doutros textos axudará a restablecer a normalidade lingüística na expresión litúrxica e devocional dos católicos galegos. 2) Desde unha perspectiva estritamente cultural, con importantes repercusións no desenvolvemento e no enriquecemento da singularidade dun pobo, nunca debemos esquecer que estamos ante os libros máis fermosos e mellores da literatura e do pensamento universal.

Xa o Papa Paulo VI recordaba na Evangelii Nuntiandi que a nova evanxelización perdería moito da súa eficacia se non se tomase en consideración o pobo concreto ao que se dirixe, ou se non se utilizase a súa lingua, signos e símbolos.

Xosé Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Peregrinacións en maio

Peregrinación ao Santuario do Corpiño

Os Arciprestados de Melide e Monforte de Lemos convidan a asistir o 1 de maio á peregrinación ao Santuario do Corpiño, neste ano Santo Mariano. Os interesados poden apuntarse nas Parroquias.

 

Peregrinación a Franqueira

O xoves 1 de maio as Parroquias de Castroverde, Meira, Sarria e Lugo organizan unha peregrinación ao santuario de Franqueira. Hai dúas modalidades: 1) andaina, participación na Misa e xantar; 2) chegada en bus ao santuario, Misa e xantar.

Información  Meira (658 370 318); Sarria (625 646 558); Lugo e Castroverde (667 677 363).

 

Peregrinación a Fátima

As parroquias de Taboada organizan unha peregrinación ao santuario de Fátima os días 17, 18 e 19 de maio.

Investigacións sobre a Catedral de Lugo nun Congreso na Universidade Complutense de Madrid

O 15 de abril presentáronse no Salón de Actos da Universidade Complutense de Madrid dúas investigacións inéditas sobre a Catedral de Lugo.

Dentro do Congreso Internacional “Usos e Costumes nas Catedrais Hispanas até 1700” presentouse unha investigación sobre a evolución do culto á Nosa Señora dos Ollos Grandes durante a Idade Moderna, realizada por José Antonio Ferreiro Varela e Jesús Salvador López (na imaxe). Por outra banda tamén se presentou unha investigación sobre os enterros dos Bispos na Catedral de Lugo, realizada por Marcos G. Calles Lombao.

O congreso celebrarase até o vindeiro 17 de abril e supón un punto de encontro de investigadores vinculados ás catedrais de España.

Estes traballos sairán publicados nunhas actas proximamente.

Fonte: facebook.com/catedrallugo

A %d blogueros les gusta esto: