9 de maio, Día da Transrománica

Lugo forma parte da Ruta da Transrománica, recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa. E desde hai 4 anos celébrase o Día da Transrománica, que este ano é o xoves 9 de maio. Ás 11.00 horas organízase unha visita á Catedral de Lugo e á parte medieval da urbe. Ás 18.00 será a presentación da guía Lugo Románico: Lugo, Terra Chá, A Mariña no claustro da Catedral, trala acollida por parte do deán José Mario Vázquez Carballo. No acto intervirá o presidente da Deputación, José Tomé Roca.

A Deputación informa da dispoñibilidade de praza en varios teléfonos: para a actividade matutina chamar ao teléfono 982.260.234, e para o acto vespertino chamar ao 982.260.134

Feliz día mamá!

Co mes de maio, mes adicado á Virxe María a Nai de Deus, nos países de influencia cultural cristiá, celébrase o Día da Nai. Este domingo é o día elixido en España para render homenaxe a todas as nais.

“A nosa naiciña” é unha expresión tan rica, tan garimosa, na nosa lingua galega, que soamente pronunciala, co noso propio acento, parece que o enche todo. Ela fálanos dun misterio de vida regalado, dun amor incondicional, dunha mirada inconfundible, de bágoas de dor ferida, de mans que coidan, de peitos que aleitan e de abrazos que curan. Estas nais, tantas nais que quixeron darnos a vida, ben merecen un recordo agradecido e o mellor dos nosos agasallos máis aló do detalle material ou do valor pecuniario da cousa regalada.

Ao pensar nas nosas nais facemos referencia inconfundible a aquelas actitudes cotiás que máis arraigadas están á vida: as que esixen bicos de leite, coidar os corpos, protexelos, sostelos, alimentalos, limpalos; as que esixen proximidade e tempo, apoio emocional, aloumiños, miradas que salvan e alentan, dedicación, escoita, apoio emocional. Actitudes que se repiten unha e outra vez en distintas circunstancias de cada día e sen as cales a nosa vida sería un inferno, unha existencia insoportable e imposible. A maioría destas actividades están fóra do espazo da economía e reciben a peor das valoracións por parte da lóxica económica dominante en termos de condicións salariais e laborais. Por iso, se queremos pór rostro a quen maioritariamente realizan estas actividades e cultivan estas máis altas actitudes e virtudes, son mulleres e pobres. Ao contrario, por desgraza, as actividades máis recoñecidas e de maior visibilidade están máis preto do diñeiro que das persoas.

Aínda que calquera día é importante para demostrarlle á nosa proxenitora o noso agarimo e o noso afecto, é bo dedicarlle un día de máis proximidade, de máis tempo regalado, de máis abrazos compartidos e de felicidades debidas. Tamén elas necesitan do noso agradecemento, da nosa misericordia, da nosa fidelidade e consolo, das nosas sensibilidades gozosas e das nosas querenzas por elas merecidas.

Na Diocese de Lugo, lembrarase ás nais e rezarase por elas en todas as parroquias. Pero cónstame que no Centro Interparroquial San Xosé Obreiro de Oural, desde hai uns anos, alí na misa solemne do domingo, as nais reciben unha homenaxe moi especial. Laudable iniciativa de D. Julio Fernández Doval e de todas as comunidades parroquiais da zona.

Non debemos esquecer que este día dedicado ás nais naceu por iniciativa do Papa Pío IX no ano 1824 con motivo do día da Inmaculada. Con posterioridade e tamén pola especial devoción á Virxe no mes de maio, as autoridades eclesiásticas en 1965, decidiron trasladar a celebración da maternidade ao primeiro domingo de maio. Felicidades a todas as nais e oxalá nos alegremos todos os días da súa existencia e podamos gozar moito tempo do seu agarimo incondicional.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Pascua do Enfermo

A Campaña do Enfermo 2024 comezou o 11 de febreiro e finaliza o 5 de maio, coa Pascua do Enfermo. A través do lema deste ano, «Dar esperanza na tristeza», invítasenos a que nos centremos no coidado e o acompañamento das persoas que padecen diversas formas de sufrimento psicolóxico, que se manifesta na tristeza, a pena, o desánimo ou a ansiedade. Todo isto debe movernos a levar o consolo de Deus a quen o está pasando mal, a compartir no noso corazón a súa angustia.

Os padecimientos mentais poden ser moi invalidantes, prolongados no tempo ou con pouca posibilidade humana de resolución. Sería bo que nos nosos enfermos houbese unha apertura á visión transcendente de que tamén a forza de Deus actúa eficazmente na nosa vida.

Como celebración da Pascua do Enfermo, o domingo 5 de maio ás 12:30 h haberá Misa solemne en Santo André de Castro – Conturiz e ás 13 h en San Pedro de Labio.

Cultivar o coidado laboral para mellorar a realidade das persoas

O vindeiro 1 de maio de 2024 conmemoramos o Día Internacional dos traballadores e traballadoras e a festividade de San Xosé Obreiro. Iniciouse hai 135 anos, como homenaxe aos Mártires de Chicago, coas reivindicacións “oito horas para traballar, oito horas para durmir e oito horas para a casa”.

Agora, no presente, queremos continuar poñendo a mirada na necesidade de cultivar o coidado laboral, para protexer a estabilidade psicolóxica e emocional das persoas traballadoras. O tempo que investimos no traballo supón entre o 40-50% do noso día, tendo en conta unha xornada laboral de 8 horas diarias, sen o tempo de desprazamento que se debe facer para chegar ao traballo. En moitas ocasións, esta porcentaxe increméntase porque non se cumpre coa desconexión dixital, que fai que se interrompa o noso descanso.

A saúde laboral non só implica evitar os accidentes ou as enfermidades que poidan afectar ao ser humano, senón tamén para garantir o benestar das persoas ao desenvolver a súa profesión.

Queremos lembrar as palabras do papa Francisco, na mensaxe no Cume Mundial do Traballo da OIT (2021), chamando a promover o traballo que coida da dignidade humana, a creación e a propia vida das persoas traballadoras. Como relación que é debe contemplar tamén “a dimensión do coidado, porque ningunha relación pode sobrevivir sen coidado”, chamando a estender, o coidado, en primeiro lugar, aos traballadores. “Un traballo que non coida, que destrúe a creación, que pon en perigo a supervivencia das xeracións futuras, non é respectuoso coa dignidade dos traballadores e non pode considerarse decente”.

Como Traballadora Social, na práctica cotiá, incidimos na situación actual das persoas migrantes e as súas familias, especialmente aquelas nas que a súa situación administrativa non está regularizada e que traballan con horarios irracionais (como internas, limpeza, construción, hostalaría…), podéndose producir ademais situacións de trata e de explotación laboral, vivindo en condicións de masificación e en situación de pobreza.

O movemento ITD de Lugo (Igrexa polo Traballo Decente), integrada por Cáritas, CONFER, Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC), Taller de Solidariedade e Fundación JuanSoñador, chamamos a “un maior compromiso en favorecer o coidado das persoas traballadoras, promovendo políticas que permitan unha conciliación real”, apoiando o diálogo social para lograr a redución do tempo de traballo. Reclamamos que a saúde laboral sexa un dereito fundamental para todas as persoas, independentemente da súa situación administrativa, e que sexa prioritario en calquera contorna.

 

Mª Tania Cobas González

Movemento Igrexa polo Traballo Decente (ITD)

Traballadora Social. Fundación JuanSoñador Lugo

San Marcos, evanxelista

Autor do Evanxeo máis curto, con menos números de capitulos cós seus outros tres compañeiros. Era natural de Xerusalén, onde vivía coa súa nai. Compañeiro de Pedro. Entre os anos 50 e 70 de nosa era, compuxo o seu Evanxeo. Antigo e bimilenario documento que transmitiu á historia para sempre, as palabras e os xestos de Xesús de Nazaret.

Marcos proponse no seu Evanxeo mostrar que Xesús é o Mesías. Dinos con claridade quen é Xesús e como é Xesús: é mestre e profeta, a súa popularidade é grande, pero, para evitar desviacións triunfalistas, impón o segredo e desígnase a si mesmo como ‘o home’, subliñando así a súa solidariedade cos demais. Para liberar do mal e do pecado, mestúrase cos marxinados e pecadores, e admite no seu círculo de amigos íntimos a un deles. Desafiando as discriminacións sociais, rexeita o sistema de espiritualidade dos fariseos do seu tempo; viola o tabú do sábado atraendo a hostilidade. Este Xesús, que nos presenta Marcos, para ensanchar o seu radio de accion elixe a doce compañeiros e colaboradores, aos que acompaña e instrúe en particular. Anuncia o reino de Deus, que non virá pola forza, senón a traves dun lento crecemento.

Mario Vázquez Carballo

A %d blogueros les gusta esto: