15 de maio, Día do mundo rural

No Día do mundo rural, Cáritas ve necesario poñer no seu lugar ao mundo rural e segue traballando e avanzando coa forza do Deus da Vida e a Esperanza, que coida e empuxa. Cáritas invita a ser instrumentos de Deus seguindo o exemplo de San Cidre, coidando as xentes do mundo rural, para asegurar unha boa colleita.

Pola súa banda, o Movemento Rural Cristián, que celebra este día co lema “Coidado das persoas, coidado dos pobos“, lembra as actitudes que favorecen os coidados: comprensión, amabilidade, tenrura, paciencia, saber escoitar.

E o Movemento Rural Cristián convida a:

  • visitar a alguén con necesidade de coidados do tipo que sexa, colaborar coa pastoral da saúde.
  • axudar en cuestións burocráticas a persoas que teñan dificultades para realizar estes trámites.
  • participar en plataformas relacionadas co mundo dos coidados (defensa da sanidade pública, da natureza…)
  • analizar a realidade sobre a necesidade de coidados da localidade, da zona.
  • reivindicar á administración as melloras oportunas (eliminación de barreiras arquitectónicas…).

Película “Unha muller italiana (Cabrini)”

Un ano despois de presentar Sound of freedom, o director mexicano Alejandro Monteverde estrea Unha muller italiana (Cabrini), que nos conta a aventura americana de santa Francesca Cabrini (1850-1917). Ela e seis monxas Misioneiras do Sagrado Corazón instálanse nun barrio neoiorquino de chabolas, prostitutas e delincuentes coa idea de empezar un orfanato. A súa fe e a súa constancia fan de Cabrini a nai dos descartados.  Desenvólvese moito a situación humillante e inhumana na que viven os italoamericanos de Nova York nos inicios do século XX.

 

“Unha estupenda ocasión de cinema familiar, que máis aló de imprecisións históricas, dá a coñecer con moita forza e oportunidade a historia dunha santa dunha enorme actualidade”.

Javier Figuero (pantalla90)

 

“A película ten o mérito de informar ao gran público acerca dunha notable personalidade do mundo católico que é moi pouco coñecida fóra dos Estados Unidos. Tecnicamente está ben feita, con moi boa fotografía e música, así como axeitada ambientación e vestiario, pero as mellores intencións para mostrar a grandeza do personaxe non abocaron esta vez nun filme que deixe pegada profunda, como ocorre coa película anterior do director sobre os secuestros e a explotación de nenos”.

Daniel Arasa (CinemaNet)

Comunicación de Marcos Calles sobre a evolución artística da Catedral de Lugo

O Festival Internacional Pint of Science celébrase simultaneamente en varios paises durante uns días de maio para divulgar a ciencia dun xeito ameno en lugares de lecer.

O primeiro día -luns13- desenvólvese no Mesón do Forno, (Rúa Río Ser, 12 Lugo) baixo o título “Do patrimonio e a memoria”. A Catedral de Lugo será a protagonista da primeira comunicación: ás 18 h o director do Museo Diocesano Catedralicio, Marcos Calles Lombao, profundizará no coñecemento da basílica. Tamén se falará dos aneis gravados na madeira das árbores. E finalmente daranse a coñecer os últimos avances no tratamento do Alzheimer.

Entrada libre.  [Noticia]

Con flores a María

Neste mes cantamos con xúbilo “vide e imos todos con flores a María”. E lembramos, se, a María. E visualizámola con nomes, medallas, tradicións, devocións, estampas… imaxes nas que os pobos e os artistas espremeron o seu enxeño para pintar, cantar e tallar a personalidade da Virxe.

A María todas as xeracións chamárona Benaventurada. E a fe deulle mil nomes. E os pobos inventáronlle un rostro, e trazáronlle unha talla de fermosura. Aplicáronlle un canon de beleza, aínda que ninguén sabe, en realidade, como eran os seus ollos, nin a súa estatura, nin a cor do seu pelo, ou a súa tez, máis ou menos branca. Fermosa, si. Chea de graza e fermosura, sabémola e imaxinamos. Vímola de ollos azuis, negros, brillantes, suplicantes, cheos de bágoas ou rebosantes da dita resucitadora. Vémola con Ollos Grandes. E vestímola, a imaxe das nosas mellores roupas. Mantos vermellos como a caridade, verde como a esperanza, azuis como a pureza, branco como a alegría, morado como a abnegación, negros de dor…

Todo un abano visual, de gustos, conviccións e acentos temporalmente distintos. Arte e afectos populares fana diferente, singular e única en cada pobo ou nación. Sempre, sexa o tempo ou o lugar que sexa, envolta en amor e devoción do pobo. . Sempre envolta en loanzas, súplicas e oracións.

Todo verdade. Todo dedución filial. Todo amor a quen só sabe amar. María é a obra máxima de Deus. O noso gozo é sumarnos á cadea de xeracións que a enxalzaron e amaron. Bendita entre todas as mulleres. Abóndenos a nós vivir como fillos. Como bos fillos seus. Vide, imos todos con flores a María!

Daniel García García

Párroco de San Xosé das Gándaras e San Lourenzo de Albeiros

Asemblea de Catequistas

O sábado 18 de maio no Colexio FEC San Xosé de Lugo (Rúa Santiago, 2) terá lugar a Asemblea de Catequistas, co lema do curso catequético 2023-24, “Catequistas para servir”. O programa é o seguinte:

  • 10.00 h  Acollida.
  • 10.30 h  “A creación fonte da catequese” por Francisco J. Castro Miramontes
  • 11.30 h  “A espiritualidade infantil. O método Godly Play”, por Anaís Ferreiro e responsables de Godly Play Galicia.
  • 13.00 h  Percorrido orante pola Catedral. Equipo do Departamento de Catequese de Lugo.
  • 13.30 h Clausura.
A %d blogueros les gusta esto: