A restauradora Uxía Aguiar explicou a rehabilitación de Santiago de Saamasas

No templo de Santiago de Saamasas, na cidade de Lugo, continúan os actos que se organizan con motivo da rehabilitación do edificio e dos retablos. O 15 de xullo a restauradora Uxía Aguiar Ballesteros explicou no propio templo o proceso, que comezou actuando sobre os lugares (teito, espadaña, chan) polos que se filtraba unha humidade que, entre outros efectos, perxudicaba aos retablos. Sobre estes, deu os seguintes datos:

Retablo maior barroco do século XVIII

– Iconografía orixinal: Santiago peregrino e grupo de Santa Ana, a Virxe e o Neno.

– Materiais: madeira policromada e elementos arquitectónicos pintados imitando mármore

xaspeado.

 

Retablos laterais, neoclásicos, da Virxe do Carme e San Antonio

– Estilo sobrio e elegante, de orde xónica.

– Columnas e entablamentos en dous planos, rompendo o marco arquitectónico.

– Materiais: madeira con policromía imitando mármores de diferentes cores.

Encontro Matrimonial ofrece este verán un encontro para sacerdotes e consagrados

Será do 22 ao 26 de xullo e pode seguirse o encontro a través da internet. Trátase de compartir vida, tempo, inquietudes, celebrar a vocación, apoiarse uns a outros, reflexionar e compartir sobre as parábolas.

O encontro modérano un sacerdote, un consagrado e dous matrimonios. O matrimonio e a orde sacerdotal son sacramentos de relación cos demais: uns, entre os esposos, os outros cos fregueses ou o resto dos compañeiros do presbiterio ou a comunidade.

Unha parella xunto cun sacerdote ou unha consagrada (van alternándose) fan unhas presentacións sobre as parábolas, dando un enfoque, así como o seu testemuño de como viven eles, no seu día a día, a realidade que presentaron.

Seguidamente propoñen algunhas preguntas que axuden a concienciarse con relación ao tema e ás propias vivencias.

[Máis información]

 

A Igrexa lembra a Virxe do Carme e as xentes do mar

Cada ano, o segundo domingo de xullo, celébrase o Domingo do Mar. As comunidades católicas de todo o mundo rezan por quen traballan no sector marítimo e por quen se ocupan deles. O Domingo do Mar é unha ocasión para chamar a atención sobre un dos sectores dos que se fala pouco, pero que está no centro da vida de todos. Os esforzos dos mariños a miúdo chocan coa inxustiza, a explotación e a desigualdade. Por iso, a Igrexa acompaña e defende á xente de mar. A través do mar a Igrexa formouse e estendeuse por todo o mundo. Partindo e desembarcando en portos afastados, os Apóstolos e os misioneiros levaron a Boa Nova até os confíns da terra. A experiencia de entón pode ser tamén unha inspiración para a Igrexa de hoxe.

En España cada ano a Igrexa celebra o Día das xentes do mar coincidindo coa festa da súa patroa, a Nosa Señora do Carme, ou sexa, o 16 de xullo. O lema desta xornada no 2024 é «Coidade dos mares; coidade das súas xentes»

Cada día un novo comezo feito de Confianza

Para recomenzar cada día de novo,

pon a túa Confianza no Espírito Santo.

El habita no teu corazón.

Non te apoies soamente na túa propia fe.

Apóiate nos que che precederon e

nos que hoxe che acompañan.

(CC. 1983 – Irmán Roger de Taizé)

 

A presenza do Espírito fai que nos consideremos amados e, cando alguén nos revela o valor da nosa vida, podemos saír dos muros que nos protexen e comezar a vivir.

Para El non somos anónimos, somos “alguén”. Ámanos como a “únicos”, é a nosa Fonte de Confianza. Desde El poderemos «nacer de novo cada día».

Temos que achegarnos cada día ao noso interior e contarlle toda a nosa verdade, baixar até o último recuncho da nosa vida e presentarnos ante El tal como estamos, non temos que esconderlle nada.

Abrirnos á súa presenza e ser vivificados por El fainos posible comezar a cambiar. Sentirnos necesitados cada día de entrar nunha relación viva con El; sen esa relación non hai vida.

Iremos así descubrindo a importancia da Fe-confianza para experimentar a Vida e percibir a   Presenza liberadora de Deus na nosa vida. Sen Fe e sen Confianza nel non hai liberación profunda nin vida en nós. Xesús convídanos a vivir sempre na Confianza, mesmo nas dificultades. El sácanos do queixume e das tristezas e fainos recuperar a esperanza: devólvenos o gozo da vida.

Veu a darnos vida a través dunha relación persoal con cada un de nós!

Todos estamos, dalgún modo, feridos pola ausencia de relación. Podemos quedar atrapados na tristeza, na violencia e mesmo no odio, pero Xesús vén até nós, tómanos da man e dinos, como á filla de Xairo: “Dígocho a ti, érguete”. Ese “Dígocho a ti” expresa a relación persoal na que somos devoltos á vida.

Que cada día novo volvámonos a El para dicirlle:

Ti, Xesús Resucitado, viñeches para sanar o que está enfermo de nós, para salvar a quen se ve deprimido e para devolver a dignidade a quen a perdeu, dános a forza da túa Vida e ábrenos a un futuro de esperanza e de alegría. E, así será un…

Bo verán para todos!

Parroquia do Bo Pastor

[Artigo orixinal]

 

Celebracións no Santuario do Faro

No Santuario do Faro (Chantada) teñen lugar as seguintes celebracións nas horas e días indicados.

Xuño – setembro (domingos)

Apertura do Santuario: 18:00 h

Celebracións do Perdón: 18:00 h

Rosario: 18:15 h

Misa: 18:30 h

 

15 de agosto  O FARO PEQUENO

Misa: 9:00, 10:00, 11:00, 12:00, 17:00 e 18:00 h

Misa solemne: 13:00 h

 

7 de setembro  A SUBIDA

Misa en Requeixo: 9:00 h

Misa no Faro: 12:00 h, 18:00 h

 

8 de setembro  O FARO GRANDE

Misa: 8:00, 9:00, 10:00, 11:00, 12:00, 17:00 e 18:00 h

Misa solemne: 13:00 h

 

9 de setembro  A BAIXADA

Misa no Faro: 17:00h

Misa en Requeixo: 19:30 h

A %d blogueros les gusta esto: