O 10 de setembro, celebrouse o Día mundial da prevención do suicidio. Esta laudable iniciativa da Organización Mundial da Saúde, coa Asociación Internacional para a prevención do suicidio, manifesta que este é un desafío para a saúde pública que se cobra anualmente máis de 700.000 vidas (En España 4000 persoas quitáronse a vida en 2023; a comunidade galega está á cabeza de persoas falecidas por esta causa).
Cada ser humano que realiza esta acción é causa de profunda dor para si mesmo e de grandes consecuencias familiares, sociais, emocionais e económicas, mesmo a nivel global. De feito, o suicidio, segundo estudos recentes, é a causa externa máis frecuente de morte, superando xa aos accidentes de tráfico, e a segunda no grupo de idade comprendida entre os 20 e 24 anos.
Estes feitos e datos convídannos a pensar e a preguntarnos: Que clase de sociedade estamos a crear? Como e para que educamos? Que pasa coa educación en virtudes: fe, esperanza e caridade? É certo, sen esperanza non hai futuro. Pero tampouco sen fundamentos que sosteñan a existencia e sen un Alguén que dea sentido á vida. Acepto moitas das causas que algúns analistas describen: depresión, violencia, malos tratos, etc. Pero, en realidade, a perda de horizonte, de ilusións, de ideais, de fe nun Deus que nos transcende, tamén ten moito que ver. A cultura cristiá ensínanos desde pequenos algo esencial para a convivencia: “non matarás” que tamén significa non te destruirás, coidarás do teu corpo e do dos demais, valorarás a vida que non é túa, non é unha posesión persoal coa que un pode facer o que queira. Os defensores da afirmación co meu corpo fago o que quero teñen gran responsabilidade nos actos de suicidio. A expresión, cargada de ideoloxía autoritarista, xustifica todo. Por iso, dado que é Deus quen nos regala a vida non existe unha liberdade absoluta no manexo deste don temporal. O desexo de vivir e de gozar da vida é o máis profundo do ser humano. A medicina máis científica afirma que o desexo de morrer por mor dun sufrimento insoportable é unha última chamada de axuda desesperada. No fondo, o suposto dereito á propia morte convértese sempre nunha obrigación para os parentes e para a sociedade. Santo Tomás Moro (1478-1535), afirmaba que: Deus non só nos arrebatou o dereito sobre a vida do outro, senón mesmo sobre a nosa propia.
Fronte a estas realidades temos que superar a preocupación de ter que depender dos demais, así como o temor á dependencia e á soidade. Temos a obrigación de crear espazos nos que se poida asumir a realidade da morte cos coidados, agarimos e a compañía dos demais. Nos últimos días e semanas da vida, o ser humano nada necesita máis que a asistencia e o coidado espiritual.
É fundamental recuperar a imaxe deste Deus cristián que sempre está ao noso carón á hora do sufrimento e da morte, que morreu como nós morremos e que prometeu a resurrección e a vida eterna a quen cren e confían nel. A vida é un don que o suxeito non ten á súa enteira disposición, afirmaba Benedito XVI.
Deus sempre está aí, ao teu lado, solidario e próximo nos intres de máis dificultade. E nós? Desde a fe, a obrigación ineludible de infundir sentido á nosa propia vida e á dos demais. Esta é a miña proposta: coidar, coidarnos mutuamente e descubrir no rostro doente do outro o do mesmo Cristo necesitado e sufrinte.
José Mario Vázquez Carballo
Vicario xeral da Diocese
[Ver artículo en castellano]
Gústame esto:
Gústame Cargando...