Celebración das Xornadas Europeas de Patrimonio

En España, as Xornadas Europeas de Patrimonio celébranse en distintos momentos de setembro – novembro.

En Galicia os días 27 e 28 de setembro hai visitas guiadas por cidades atravesadas por algunha ruta xacobea e invítase a visitar igrexas situadas en camiños de Santiago. Así, no Camiño Francés, os peregrinos e visitantes poderán gozar do patrimonio das igrexas de Santa María a Real de Pedrafita do Cebreiro, Santa Mariña de Sarria, San Nicolás e Santa María de Castromaior de Portomarín  e Santiago de Ligonde de Monterroso.

No Camiño Primitivo, os templos implicados nas Xornadas son os de Santa María da Fonsagrada, Santo Tomé de Souto de Torres de Castroverde; Santa María de Bascuas, San Lázaro da Ponte e Santa Eulalia de Bóveda, todas elas en Lugo e San Salvador de Merlán, en Palas de Rei.

As igrexas do Camiño Norte son San Paio de Seixón e Santiago de Miraz de Friol, mentres que no Camiño de Inverno son as de San Miguel de Montefurado de Quiroga; San Clodio de Ribas de Sil; San Pedro de Cereixa da Pobra do Brollón; San Salvador de Moreda de Monforte de Lemos e San Xiao de Pedroso de Rodeiro. O templo da Vía da Prata é Salvador do Castro de Dozón.

É unha proposta que leva a cabo a Xunta de Galicia que, na súa condición de institución que preside durante este ano a Federación Europea do Camiño de Santiago, organiza estes actos sobre o patrimonio vencellado á ruta xacobea.

Pola súa parte, a Delegación de Patrimonio de Diocese de Lugo, en colaboración coa Unidade Pastoral de Melide, Toques e Santiso, organiza o sábado 19 de outubro unha ruta en Melide desde a capela de San Roque até Santa María.

Presentación dun libro de Alberta Lorenzo sobre mosteiros bieitos do Condado de Pallares

 

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza o Certame de Investigación Condado de Pallares, que na súa undécima edición gañárao Alberta Lorenzo Lastres cun traballo sobre o traslado dos templos románicos. No ano 2022 volveu gañar o Certame, e nesa ocasión abordara como eran os templos románicos no conxunto dos mosteiros femininos. Este último traballo acaba de ser publicado co título A arquitectura feminina do Condado de Pallares: os mosteiros bieitos desaparecidos e preséntase o venres, 27 de setembro, ás 19:30 h no Cuartel Vello de Taboada.

A doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña Alberta Lorenzo ten publicacións sobre a Vía da Prata, o Camiño Portugués, os cruceiros de Betanzos e Sanxenxo. E na revista Lvcensia (nº 63) o artigo “A arquitectura escolar da emigración no concello de Xermade”.

Sentido na vida e compromiso social

Mª de los Ángeles Noblejas

As persoas aumentan o seu sentido en vida ao estar asociadas e ao ter conviccións relixiosas, existindo unha interacción entre ambas as variables que acentúa tal sentido. É algo que miden o test PIL [Purpose-In-Life] e Logotest. O test PIL é menos sensible ás conviccións relixiosas que o Logotest.

– As persoas asociadas con conviccións relixiosas considéranse con maior capacidade de control sobre as súas vidas.

– O factor flexibilidade axiológica (do Logotest) mostra unha menor flexibilidade nos asociados con conviccións relixiosas, no relativo á dialéctica entre relativismo e dogmatismo.

– Hai un efecto beneficioso para a saúde mental da apertura aos outros en forma institucionalizada, como é o asociacionismo.

– Entre os asociados con conviccións relixiosas hai un balance existencial positivo, que vai acompañado do achado de metas e tarefas a realizar.

– O sentido na contorna parece potenciado nos adultos con conviccións relixiosas que non se asociaron, orientándose máis cara á familia que ao exterior.

 

O texto anterior é un extracto do artigo publicado en Nous: Boletín de Logoterapia y Análisis Existencial, 51 por Ángeles Noblejas, que é doutora en Ciencias da Educación e Vicepresidenta da Asociación Española de Logoterapia.

O sábado 28 de setembro na Casa Sacerdotal de Monforte (r/Manuel María, 22) María Ángeles Noblejas será unha das participantes na Xornada de formación “Darlle un sentido á vida”.

Presentación dun amplo estudo de José Fuentes sobre os exvotos en Galicia

José Fuentes Alende

O 18 de setembro presentouse no Museo Provincial o libro Los exvotos en Galicia. Su significación en la religiosidad popular. De la cera a los cuadros votivos, de José Fuentes Alende. Presentaron o acto Iria Castro, Delegada de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo. Contouse coa presenza do prologuista José Manuel Blanco Prado, que sinalou que “con esta obra o autor situase como autor máis importante en Galicia de ofrendas e exvotos. Ademais, é un libro a ter en conta na relixiosidade popular do Estado español e na relixiosidade popular a nivel mundial”.

A conclusión do acto correu a cargo do autor, José Fuentes, que, entre outras cuestións, dixo o seguinte:

“Cito xemplos de que practicaban a relixiosidade popular desde os membros do clero, xentes da nobreza, da burguesía, de todo tipo, ofrecían a uns santuarios exvotos de trigo, por exemplo, animais vivos, hábitos… o que segue facéndose, hoxe, en moitos santuarios”.

“Hai diversos tipos de exvotos, a priori ou a posteriori.

 “A priori son os que facemos por unha enfermedade ou por un perigo, pedindo a un santo a súa intercesión para que nos cure, para que nos salve dese perigo, e logo ofrecerlle unha dádiva, que é de obrigado cumprimento.

 “A posteriori son os que se ofrecen por ter recibido ese favor de Cristo, da Virxe, do santo.

“Os exvotos máis frecuentes son os de cera, desde as velas ata as figuras de cera, de partes do corpo, tanto exteriores como interiores. Hai figuras humanas de nenos que poden obedecer tanto a enfermidade do rapaz como a problemas de fecundidade. Hainos tamén de madeira, principalmente pernas e brazos, que atopei nos santuarios dedicados a San Mauro, protector principalmente da reuma. Hai exvotos metálicos, ou lámpadas, das que teño localizadas oito, especialmente do século de XVII, e todas por un mesmo estilo”.

O segundo tomo da obra está adicado aos cadros.

Concertos de Rubén de Lis en Sarria, Quiroga e a prisión de Monterroso

O cantante Rubén de Lis está a realizar polo norte de España a súa xira co título “Transformando vidas con propósito”. Este ano faise referencia á bula do Papa Francisco Spes non confundit, que traballa coa esperanza e Rubén de Lis súmase á difusión desa mensaxe no ámbito musical cos seus concertos-testemuño.

Ademais de actuacións na Rioxa, Bilbao e Vitoria, o venres 20 de setembro estará en Sarria (20:30 h na igrexa do Rosario), o sábado 21 en Quiroga (19 h na igrexa) e o domingo 22 no Centro Penal de Monterroso (17 h)

A %d blogueros les gusta esto: