Quedan afastados xa os meus anos de Universidade onde puiden aprender algo de Lóxica de mans da Compañía de Xesús. Nunca lles estarei demasiado agradecido. Aínda desde a lembranza gardo algúns dos conceptos máis básicos desta disciplina tan apaixonante e tan apegada ao ser humano.
Que é a verdade?, preguntábase Pilatos. Pregunta para nada baladí, que desde a Lóxica recibe múltiples e variadas aproximacións. Que boa e sa a pluralidade. A lóxica axúdanos a tomar decisións lóxicas, permítanme a tautoloxía, e achéganos á verdade, entendámola como a entendamos.
Por acudir ás fontes, tamén nesta cuestión bótanos unha man o bo de Aristóteles cando na súa Metafísica dános unha maxistral lección de lóxica, a saber: “Dicir do que non é que é, ou do que é que non é, é falso, e dicir do que é que é, ou do que non é que non é, é verdadeiro”. Gran tipo este Aristóteles.
Vivimos a época da verdade como imaxe, rodeados de vídeos: que se Facebook, que se YouTube, que se WhatsApp… que se os noticiarios de todas as cadeas de TV… e hai unhas cantas… Nos vídeos hai de todo, algúns mellores que outros. Algúns enganosos, ou construídos a base dun curta e pega que fai que a verdade quede diluída, difuminada ou cernada en función de intereses concretos. Mesmo medios de comunicación máis ou menos públicos, aparecen en ocasións como abertamente parciais nas súas opinións e non só nas súas imaxes. Non estaría de máis un cadriño para poder decidir que medios de comunicación financiamos cos nosos impostos.
Algúns á nosa época posmoderna, denomínana xa, a época da posverdade. Mesmo en filosofía política hai quen fala xa de posdemocracia. Onde imos chegar! Hoxe falamos de cidadanía; bonito concepto, aínda que un servidor, próximo á reflexión filosófico-política da Escola de Frankfurt, prefira seguir referíndose ao conxunto da sociedade como pobo, sendo este un concepto en desuso nesta nosa época lábil. O pobo, e só el, (tampouco nos gustan os poderes fácticos, que como as meigas habelos hainos) o que ten, polo menos até agora, a capacidade de decidir sobre as cousas que lle afectan. Como diría. Habermas, os afectados sobre algo teñen que decidir sobre ese algo.
Hai unha cuestión que afecta de cheo ao núcleo da sociedade: a educación, o ensino. Os que temos fillos sabémolo. Segundo un acertado proverbio africano “necesítase a toda a tribo para educar a un neno”. Non sobra ninguén!
Oito leis educativas desde a tan traída e levada Transición. Aí imos sobrados… Enténdanme a ironía. Pero, a que non saben un dos poucos denominadores comúns a todas elas? A demanda social polo ensino da relixión. Direino en forma de siloxismo para facerlle as honras ao título dese escrito:
Se a escola ten que atender nos seus ensinos á demanda social (o que o pobo pide) e a sociedade demanda -maioritariamente- o ensino da relixión, daquela a escola ten que ofertar ese ensino.
Isto é así, máis aló da colocación, máis acertada ou menos, dos cadriños de elección da materia nos itinerarios formativos ou da consideración que se poida ter sobre se esta elección supón unha perda de tempo ou non.
Falando de cadriños… Será que a solidariedade ou a xustiza entenden de crenzas? Non creo. Coñezo CARITAS desde a infancia e xamais vin que se lle pedise a ningún solicitante de axuda un carné, unha determinada filiación… ou se lle preguntase por cal dos dous cadriños defínese no IRPF ou se marca os dous, cousa que quen isto escribe ten por costume.
Pois terminamos como empezamos… que a lóxica é iso, lóxica. E a verdade, tamén e que benditos cadriños. Onde hai cadriños cheira a liberdade Que P implica q, é así que p, daquela q.
Queque Bayo,
Profesor de Teoría do Coñecemento na UESD