Si, así é: outro ano que remata. Este domingo é o día de Xesucristo, Rei do Universo, e con esta celebración pomos fin ao ano cristián, que non ao civil.
O ano litúrxico é a gran oportunidade que temos os cristiáns de ir configurándonos con Xesucristo, á vez que celebramos os distintos momentos da súa vida na terra coa esperanza de participar tamén un día da súa resurrección.
As persoas adoitamos marcarnos metas cando comeza un novo ano ou curso. Pero os cristiáns só temos un obxectivo para cada novo ano litúrxico que comeza: parecernos cada vez máis a Xesucristo.
Neste último día do ano contemplamos a Xesucristo como Rei do Universo. A Igrexa pono por riba do meirande que coñecemos, o universo, do que aínda non sabemos os seus límites, pero sexan cales sexan, Xesucristo sempre será superior.
Este Rei que agora contemplamos, como vos dicía, no máis alto do universo e vencedor da morte, foi quen antes se fixo moi pequeno e humilde para poder salvarnos. Abonda lembrar como foi o seu nacemento na pobreza, e o abandono que sufriu na cruz, despois de todos os desprezos recibidos.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada