Desde xuño os estudosos da arte e o público en xeral estamos de noraboa pola reapertura do Museo Diocesano – Catedralicio de Lugo; ademais de pola súa coidada museografía e a espectacularidade das pezas seleccionadas este museo destaca pola contorna onde se enmarca. O comezo da visita preséntanos a sala capitular, obra de Domingo de Andrade de finais do século XVII e remodelada por Miguel Ferro Caaveiro no XVIII. Moi próximo a esa sala atópase o arquivo catedralicio (século XVIII) lugar frecuentado por personaxes ilustres como Inocencio Portabales, Amador López ou Francisco Vázquez Saco.
Gran parte do museo atópase na construción da fachada que se levou a cabo a partir de 1770 e onde traballaron grandes mestres do XVIII como Julián Sánchez Bort (planos), José de Elejalde, Alberto Ricoy ou Miguel Ferro Caaveiro; difícil elixir entre os tesouros da exposición, pequenas mostras de todos os puntos da Diocese, pero a importancia do brazo relicario que contén a tibia de San Froilán, pola que tanto loitaron bispos como Pedro de Nero y Castro ou Alonso López Gallo, lévase o meu recoñecemento. O impresionante triforio convértese de novo no escaparate de obras de artistas como Cornielles de Holanda, aclamado escultor do século XVI dos retablos das catedrais de Ourense e Lugo, e onde aquí temos as súas esculturas ao alcance da man. No fondo do triforio do lado do Evanxeo agarda uns de momentos máis especiais, a visión da cúpula de Carlos Lemaur coas pinturas de José de Terán (1766-1768) desde unha proximidade e perspectiva ata agora non vista polo público desde a súa restauración en 2011.
A apertura do museo dá a posibilidade de percorrer a parte superior da fachada do Bo Xesús; pola soa oportunidade de pasear entre as colosais esculturas dos catro evanxelistas que en 1785 realizaba o escultor Santiago Quatrigas Baamonde merece pagarse a entrada, xa que desde aí conséguense as mellores fotografías de Lugo e, mirando ao horizonte, pódese ver o percorrido do Camiño Primitivo e o territorio de parte da Diocese de Lugo (moi ao fondo as históricas terras de Abeancos); unhas vistas espectaculares. Ademais da fachada tamén se permite a subida ás torres que no último terzo do XIX Nemesio Cobreros Cuevillas realizaba baixo os planos orixinais de Julián Sánchez Bort.
Como nos bos menús deixei para o final unha boa sobremesa: a visita ao claustro barroco, unha obra cun valor artístico incalculable e non menor valor histórico: en febreiro de 1708 un novísimo aparellador de Santiago, de nome Fernando, chegaba á catedral para traballar ás ordes de Frei Gabriel de las Casas (mestre de San Martín Pinario); pouco despois, en outubro de 1709 informaba ao cabido da morte deste e preguntaba humildemente se querían buscar un novo mestre ou seguía el coa obra. Será aí onde o cabildo de Lugo cambiará a historia da arte en Galicia confiando o traballo a este aparellador que todos coñecemos agora como o gran Fernando de Casas y Novoa, que, tras terminar o claustro, realizará a maxestuosa Capela da Virxe dos Ollos Grandes (1726-1736) e será eternamente lembrado pola construción máis icónica do Camiño de Santiago: a Fachada do Obradoiro da Catedral de Santiago de Compostela.
Marcos G. Calles Lombao
Doutorando en Historia da Arte na U.S.C.