Coa Revolución Francesa, e quizais cun espírito filosófico, publicábase a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789 cun claro mandato escrito no primeiro artigo: “os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos”. Tratábase dunha defensa pola igualdade e a procura da felicidade para todos.
Non é necesaria unha análise profunda para decatarse de que, douscentos anos máis tarde, non logramos aínda achegarnos aos postulados de tan ambiciosa declaración.
Existen múltiples diferenzas segundo o tempo e o lugar no que naza unha persoa; a guerra, a corrupción, réximes absolutistas, sometemento, discriminación… pero se existe un trazo que marca a diferenza por riba do resto, este é, sen ningunha dúbida, a pobreza.
Ser pobre é o que imprime unha etiqueta ás persoas que teñen que emprender a terrible decisión de abandonar a súa casa e enfrontarse ao futuro máis incerto e desesperado. Ser pobre é o que diferencia a uns migrantes doutros.
A nosa lexislación, do mesmo xeito que as que regulan o fenómeno de estranxeiría na maioría dos países da nosa contorna, non é allea a esa diferencia de clases cando se trata de migrantes. A ninguén se lle ocorrería considerar inmigrante a un deportista de elite nacionalizado no noso país ou aos estranxeiros que obteñen visados pura e simplemente por investir diñeiro en España. É esa forza pública á que fai referencia a declaración no seu artigo 12:“a garantía dos Dereitos do Home e do Cidadán necesita dunha forza pública”, a que non foi capaz de aproximarse á idea de igualdade que se mantén indefinidamente na utopía. Pero aínda que non atopemos a resposta nas institucións, si existe unha forza moito maior e moito máis poderosa que se chama vontade.
A vontade e a solidariedade dos pobos son as únicas forzas capaces de superar as inxustizas e romper os muros e barreiras que, lonxe de protexernos, o que fan é illarnos cada vez máis.
Estou seguro de que se cada un de nós fose capaz de visibilizar o labor desinteresado de tantas e tantas persoas que loitan cada día por conseguir a tan desexada igualdade e xustiza social, seriamos capaces de romper esas barreiras que nos separan e responder a un dos maiores retos ao que nos enfrontamos como sociedade.
Entre os días 25 ao 30 de setembro terá lugar en Lugo unha semana dedicada aos migrantes e refuxiados na que se desenvolverá un intenso programa de actividades ao longo de toda a semana. Os obxectivos que persegue a Pastoral de Migracións da Diocese de Lugo coa organización da Semana das Persoas Migrantes e Refuxiadas son:
– Promover unha maior sensibilización ante a realidade das migracións e as moitas dificultades que deben afrontar os migrantes;
– mellorar a acollida aos inmigrantes na nosa sociedade respectando os seus dereitos;
– favorecer a integración dos inmigrantes nas diversas accións da vida social e cultural.
O lema que aglutina todas as actividades da semana é “aquí construímos un futuro con migrantes e refuxiados”.
Como manifesta o Papa Francisco na Fratelli Tutti, “ninguén pode quedar excluído, non importa onde nacese, e menos por mor dos privilexios que outros posúen porque naceron en lugares con maiores posibilidades”. Mentres un só quede excluído, fracasariamos como sociedade.
Gustavo E. Díaz
Consultor Pastoral Migracións